| Pexego ofrece solucións avanzadas para Internet desde o interior de Galicia |
|
Un grupo de emprendedores lucenses traballan no desenvolvemento de ferramentas multimedia para a formación on-line. A empresa, creada a partir dun grupo de investigación da Universidade de Santiago, agrupa a analistas, programadores, pedagogos e deseñadores gráficos. Colaboran con Fujitsu e os Concellos de Lugo e Vigo nunha iniciativa pioneira que permitirá que nenos enfermos reciban clases en liña desde un hospital ou o seu domicilio.Lugo, 12 de xuño de 2007.- Se en Estados Unidos xurdiu Apple, en Galicia toca Pexego, explica con certa retranca Gonzalo Núñez, xerente e coordinador de proxectos dunha das poucas empresas de base tecnolóxica que operan desde Lugo. Pexego, tras pouco máis de dous anos de funcionamento, comeza a ter unha bagaxe de traballos, de solucións avanzadas para Internet, que é como lles gusta definir o seu labor. Enfocámonos cara ás novas tecnoloxías da información e as comunicacións, pero cunha vocación multidisciplinar porque contamos con profesionais de diferentes ámbitos: analistas, programadores, pedagogos ou deseñadores gráficos, apunta Gonzalo Núñez, un informático afeito a deseñar e programar aplicacións que tivo que reciclarse profesionalmente para asumir un dobre rol na empresa. En Galicia está a fomentarse unha política de apoio a emprendedores e iso está moi ben, pero un paso máis aló da formación de empresas atopámonos co problema de que non existe formación a xerentes e iso é tan necesario como fomentar que saian emprendedores, lamenta.
Referente no sector TIC
Pero Pexego, que ten a súa orixe nun grupo de investigación da Universidade de Santiago, queima etapas para, desde o interior de Galicia, consolidarse entre as empresas máis activas do sector TIC da comunidade. Apuntan cara ao campo da teleformación e o desenvolvemento de contidos para e-learning, para o que xa asinaron traballos para varias consellerías da Xunta, a Escola Galega de Administración Pública, o Ministerio de Traballo ou ata con diferentes gobernos centroamericanos interesados en dispor de solucións de e-learning similares ás que tamén realizaron para as consellerías de Pesca de Galicia e Andalucía.
De feito, un funcionario do Ministerio de Pesca de Costa Rica trasladouse a Lugo para traballar cos programadores de Pexego. Tivemos que tropicalizar a aplicación, pero agora ofrécelles servizo para que formadores de varios países centroamericanos poidan comunicarse entre si e dispor dun repositorio de ferramentas formativas para o sector pesqueiro, explican desde a empresa lucense, onde levan a gala asumir de xeito integral todo o proceso de posta en marcha dun armazón de e-learning a partir dunha plataforma bautizada co nome de Lucus, a primeira liberada en Galicia. Facémonos cargo de todo o proceso, desde a xestión de instalación e mantemento ao desenvolvemento ou xestión de contidos, apuntan. É por este sendeiro por onde considera Núñez que debe de ir o futuro de Pexego, pola especialización no ensino en contornos virtuais. Queremos conseguir que case todo o noso traballo parta de aquí e estamos a traballar para que a Plataforma Lucus poida adaptarse para ofrecer contidos a outros dispositivos de mobilidade.
Formación para cativos
É no ámbito da formación on-line e off-line onde Pexego atopou un interesante nicho de mercado, en ofrecer non só tecnoloxía senón tamén contidos multimedia como Cativadas, un CD dirixido a nenos de menos de tres anos de idade en cuxa divulgación se implicou a Xunta e a partir do cal tratan de realizar agora un produto multilinguaxe que poida ser exportado a outros países do noso contorno.
Máis recente é outra iniciativa realizada para a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para promover o consumo de peixe entre os nenos a partir de Raspiña, unha mascota que aconsella aos pequenos e que favorece unha aprendizaxe individualizada en contornos lúdicos. Atopámonos cómodos en contidos educativos para desenvolvemento infantil temperán. Multinacionais como Fujitsu xa os recrutaron para traballar xuntos nun proxecto cos Concellos de Lugo e Vigo, unha iniciativa pioneira en España que permitirá que os escolares hospitalizados ou enfermos de longa duración poidan recibir clases en liña desde os centros hospitalarios ou desde as súas casas. O Ministerio de Sanidade xa se interesou por unha idea que quere exportar a hospitais de toda España e que ven de empezar a probarse no Hospital Xeral de Lugo.
Simuladores virtuais
Pero a carteira de servizos de Pexego vai máis aló da teleformación. Gonzalo Núñez fala con paixón dos simuladores virtuais, unha das ferramentas nas que están especializados e que serven para reproducir nunha web o funcionamento dunha maquinaria, de complexos procesos ou dunha cadea de produción, cunha fidelidade extrema. Son útiles para empresas que queren optimizar procesos e aforrar en custos de consumos ou recursos, para realizar autoaprendizaxes deslocalizados, por exemplo, para que unha empresa do sector lácteo non teña que comprar leite ou gastar nunha máquina para realizar probas, explican desde Pexego.
Software a medida
Pexego busca o seu espazo no cada vez máis competitivo mundo das empresas de base tecnolóxica e explota a capacidade dos seus especialistas para producir software a medida. Un dos desafíos nos que están embarcados é o deseño dunha aplicación informática de xestión para empresas, un ERP adapatable a cada necesidade. E esfórzanse tamén no desenvolvemento de centrais de compras para grupos de empresa. O seu último traballo mereceu que a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet os seleccionara entre os máis innovadores do pasado ano. Trátase -explica Gonzalo Núñez- dun catálogo-central de compras que ten a peculiaridade de poder ser consultado e empregado con ou sen conexión á rede e desde onde se poden xerar pedidos en calquera momento.
Unha empresa de Lugo, Servigasa (Servizo Galego de Seguridade en Altura), xa o emprega para optimizar as súas relacións comerciais con firmas de España, Portugal, Brasil e Colombia e ordear un fluxo contínuo tanto en importación como exportación con fabricantes de produtos e materiais para operarios que traballan dous metros por encima do nivel do chan. O máis destacable deste catálogo é que ademais de poder ser empregado on-line permite aos comerciais deixar nas súas visitas un CD que calquera usuario pode consultar sen conectarse a Internet e sen instalación. Desde ese disco poderíase seleccionar calquera produto e enviar a petición de compra nunha posterior conexión ou obter un formulario para solicitalo vía fax. Ademais, ao ser unha aplicación versátil e intuitiva pódese actualizar sen intervención de persoal informático, apuntan os informáticos de Pexego. |
|
| Última actualización ( 04/07/2007 ) |


Un grupo de emprendedores lucenses traballan no desenvolvemento de ferramentas multimedia para a formación on-line. A empresa, creada a partir dun grupo de investigación da Universidade de Santiago, agrupa a analistas, programadores, pedagogos e deseñadores gráficos. Colaboran con Fujitsu e os Concellos de Lugo e Vigo nunha iniciativa pioneira que permitirá que nenos enfermos reciban clases en liña desde un hospital ou o seu domicilio.
Tamén as industrias do sector primario ou dedicadas á fabricación de bateas xa se benefician destes simuladores que lles permiten reproducir na pantalla dun ordenador condicións de contornas reais, unha solución que tamén se aplica en espazos non industriais porque estas animacións interactivas empregáronse para simular cartas náuticas destinadas a patróns de barcos pesqueiros.