| O Parlamento aproba a Lei de Subvencións de Galicia como un núcleo xurídico sólido e transparente |
|
|
O Parlamento aprobou a norma que cumpre co obxectivo de transparencia sobre o destino dos recursos públicos e promove a xestión eficaz e eficiente dos mesmos. O conselleiro de Economía e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, salientou que a Lei responde a un novo modelo de goberno caracterizado pola transparencia e o control rigoroso do gasto público.
Santiago, 29 de maio de 2007.- A lei de Subvencións de Galicia está chamada a ser unha ferramenta de rigor e eficacia na xestión dos recursos públicos de Galicia e un referente para a transparencia na concesión de achegas ás administracións, entidades e particulares. Así o explicou hoxe no Parlamento o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, quen amosou a súa satisfacción pola aprobación dunha norma que dá resposta á necesidade de crear un marco normativo unitario de rango legal sobre o outorgamento de subvencións na Comunidade Autónoma. A lei responde a un novo modelo de Goberno caracterizado pola transparencia e o control rigoroso do gasto público, afirmou. O conselleiro salientou, ademais, que a Lei cumpre co programa do Goberno e co expresado polo Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, no seu discurso de investidura.
A que é a primeira lei galega en materia de subvencións crea un marco normativo unitario e constitúe un núcleo xurídico sólido e transparente en relación coas achegas públicas. Segundo explicou Fernández Antonio, a Lei establece tres principios básicos: transparencia informativa; rigor e disciplina no gasto público e subvencións; e axilidade na xestión administrativa a fin de asegurar a utilización dos recursos de forma eficaz, eficiente e responsable, e de evitar calquera tipo de prácticas clientelares.
Transparencia, rigor e axilidade
En relación coa transparencia informativa, o conselleiro subliñou que é un dereito da cidadanía coñecer a actividade da Administración e favorecer o control das decisións públicas. Neste sentido, salientou que este principio se reflicte na publicidade de todo o proceso de xestión das subvencións, é dicir, das bases e convocatorias, procedementos en concorrencia, e publicación das axudas. Todas as subvencións outorgadas deberán ser publicadas ao través do Rexistro Público de tal xeito que o destino dos recursos públicos pode ser coñecido por calquera cidadán ao través de Internet. Ademais da publicidade, as subvencións xestionaranse en réxime de concorrencia, con procedementos obxectivos de selección de beneficiarios. En consecuencia, as subvencións directas, incluídas as realizadas a través de convenios, quedan reducidas a supostos excepcionais regulados onde se acredite o suposto legal de interese público, social, económico ou humanitario, afirmou.
En canto ao rigor e disciplina no gasto, o conselleiro destacou que se trata de acadar unha xestión eficaz e eficiente dos fondos públicos con medidas como a obrigatoriedade de definir plans estratéxicos nos diferentes programas de axudas, e que estes fixen os seus obxectivos e resultados esperados para satisfacer as necesidades reais dos cidadáns. Isto permitirá unha avaliación do funcionamento dos programas de cara a unha maior efectividade no emprego dos recursos públicos, explicou Fernández Antonio.
Xa no referido á axilidade na xestión administrativa, o conselleiro salientou que a Lei persegue a racionalización e axilización da xestión administrativa das subvencións a través da regulación dos procedementos en concorrencia, a introdución dun procedemento abreviado e a potenciación da tramitación telemática. Neste sentido, engadiu, a norma busca a simplificación do papeleo e a eliminación dos trámites innecesarios, a fin de reducir os custes administrativos e facilitar a relación cos administrados; en definitiva, trátase de acadar o obxectivo de modernizar a nosa administración, concluíu.
Por último, en relación coa mellora do sistema de control, a Lei establece un sistema que trata de eliminar o risco dunha inadecuada xestión das subvencións, a través do reforzo das facultades de inspección, a regulación dos procedementos de compensación e retención de pagos e a publicidade das sancións graves e moi graves. |
|
| Última actualización ( 12/06/2007 ) |


