| Fernández Antonio anuncia unha liña de préstamos a microempresas e pemes dotada con 40 millóns de € |
|
|
O conselleiro de Economía e Facenda sinalou que os préstamos contarán cun diferencial respecto do Euríbor moi competitivo. Por outra banda, avanzou a renovación do convenio co ICEX e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, para impulsar as vendas dos viños galegos nos Estados Unidos. Ademais, Fernández Antonio valorou positivamente o dato de incremento da cifra de negocios do sector servizos que sitúa a Galicia liderando o crecemento deste sector en 2007 no conxunto estatal.
Santiago, 19 de febreiro de 2008.- O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a próxima posta en marcha de tres liñas de financiamento para empresas galegas por un importe de 40 millóns de euros. Enmarcadas nas actuacións de dinamización da economía galega, o conselleiro sinalou que o próximo Consello da Xunta de Galicia analizará a proposta do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para a autorización dun convenio entre o instituto dependente da consellería, as sociedades de garantía recíproca da comunidade (Afigal e Sogarpo) e as entidades financeiras. Os 40 millóns de euros distribuiranse en tres liñas destinadas ás microempresas; aos emprendedores (Liña Peme Nova); e aos proxectos de innovación e mellora (Liña Peme Competitiva). Os préstamos acollidos a estas liñas, explicou Fernández Antonio, contarán cun diferencial respecto ao xuro de referencia moi competitivo que situou entre 0,20 e 0,40 puntos por riba do Euribor.
O conselleiro tamén destacou, dentro das actuacións de impulso da internacionalización a próxima sinatura dun convenio entre o Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), o Consello Regulador de Denominación de Orixe dos viños Rías Baixas e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), para o período 2008-2010. Mediante este convenio o segundo que se asina- impulsaranse as exportacións de viños de orixe Rías Baixas aos Estados Unidos. Segundo explicou o conselleiro, este convenio xa estivo vixente na última campaña, o que permitiu duplicar a exportación destes viños aos EE UU.
Crecemento económico
Tras a inauguración do acto, o conselleiro valorou a publicación hoxe dos datos da evolución do sector servizos en España e Galicia. Segundo indicou, a cifra de negocios do sector servizos de Galicia crece máis que no resto de España e Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en crecemento da facturación do sector servizos no ano 2007. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), a cifra de negocios en Galicia medrou un 8,9% fronte a unha media española do 6,7%. En termos de persoal ocupado, Galicia é a segunda comunidade en crecemento de persoal ocupado despois das Illas Baleares, cun 3,5% de incremento. Seguimos nunha senda de converxencia coas rexións máis avanzadas e cuns fundamentos sólidos da nosa economía no sector industrial, no sector servizos e no sector das exportacións, da internacionalización, salientou o conselleiro.
|
|
| Última actualización ( 04/03/2008 ) |


