| O Igape concederá ata 30 millóns de euros en préstamos para financiar investimentos empresariais |
|
|
A nova liña vai destinada a apoiar iniciativas empresariais viables pero con dificultades para atopar financiamento por presentaren riscos de implantación superiores aos habituais. O xuro está definido en base ao euríbor máis 0,50 puntos e o Igape bonificará con carácter xeral 2 puntos de xuro, e 3 puntos se a operación está avalada por unha sociedade de garantía recíproca.
Santiago, 21 de decembro de 2007.- O Igape poderá conceder nos dous próximos anos préstamos por importe de ata 30 millóns de euros para facilitar a posta en marcha de proxectos de investimento que, por presentar riscos de implantación superiores aos considerados habituais, atopan especiais dificultades de financiamento, malia contaren con viabilidade técnica e comercial. O Instituto pon en marcha este novo programa de préstamos para financiar proxectos de investimento na Comunidade Autónoma con fondos achegados polo Banco Eurropeo de Investimentos (BEI).
Poderán financiarse mediante estes fondos proxectos impulsados por Pemes que contemplen uns investimentos apoiables comprendidos entre 240.0000 e 25 millóns de euros; os préstamos poderán estar comprendidos entre 120.000 e 12,5 millóns de euros, para cubrir ata o 50% do investimento previsto nos proxectos.
Os préstamos que conceda o Igape no marco desta nova liña terán un prazo de amortización comprendida entre os 30 meses e os 7 anos, e poderá establecerse un prazo máximo de carencia de dous anos. O xuro estará definido polo Euríbor máis un tipo adicional de 0,50.
O Igape bonificará o tipo de xuro nominal dos préstamos en ata 2 puntos con carácter xeral, e en ata 3 puntos cando o préstamo estea garantido con aval bancario ou de unha Sociedade de Garantía Recíproca. A subvención por este concepto non superará en ningún período os xuros devengados. O Igape tamén bonificará na súa totalidade a comisión de apertura dos préstamos.
O Banco Europeo de Investimentos (BEI), establecido polo Tratado de Roma e creado en 1958, é a institución financeira da Unión Europea, e contribúe á integración europea e ao desenvolvemento económico das rexións desfavorecidas. Entre outras actividades, o BEI financia a realización de investimentos de pequenas e medianas empresas (Pemes) en industria, turismo, servizos, investigación e desenvolvemento, promoción da innovación e da sociedade da información, así como proxectos dirixidos ao aforro enerxético e a protección do medio ambiente.
Por razóns de orde práctica, o BEI non pode financiar directamente proxectos de investimento pequenos ou medianos no marco dos préstamos individuais. Por iso ten establecido, coa intermediación de entidades colaboradoras, o sistema de préstamo ou financiamento global, que lle permite ofrecer o seu apoio a proxectos de menor dimensión. No pasado mes de xuño, o Igape asinou co BEI un contrato de financiamento. Así, e no ámbito das súas funcións, o Instituto concederá préstamos ou créditos para o financiamento de proxectos empresariais consistentes en novos investimentos e/ou intervencións de ampliación ou mellora de instalacións existentes a realizar en Galicia.
As solicitudes de financiamento a través deste novo programa de préstamos poden ser presentadas a partir do día 20 de decembro, segundo se recolle nas resolucións que ven de publicar o Diario Oficial de Galicia, e ata o 31 de decembro de 2008. |
|
| Última actualización ( 26/12/2007 ) |


