| A Xunta amplía as competencias do Igape no ámbito da concesión de créditos a empresas e sectores |
|
|
A Xunta autoriza ao Instituto Galego de Promoción Económica a ampliar as súas competencias no ámbito da concesión de créditos a empresas e sectores galegos. Neste sentido, o Instituto dependente da Consellería de Economía e Facenda destinará este ano 10 millóns de euros do convenio asinado co BEI para o financiamento das pemes galegas.
Santiago, 06 de setembro de 2007.- O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) poderá conceder préstamos e créditos, de acordo cos requisitos a características que con carácter xeral aprobe, a empresas domiciliadas en Galicia trala aprobación polo Consello da Xunta do decreto polo que se modifica o Decreto 133/2002, de 11 de abril, que regula esta facultade no Instituto dependente da Consellería de Economía e Facenda. Con esta aprobación, o Igape amplía as súas competencias e capacidade de apoio ás empresas galegas mediante liñas de financiamento crediticio, reforzando así o obxectivo de impulsar a actividade económica e a competitividade.
Neste mesmo sentido, o Igape destinará este mesmo ano 10 millóns de euros a liñas de financiamento de pemes galegas, logo da autorización dunha modificación do seu orzamento, tamén aprobada hoxe. Esta medida, está vinculada ao convenio formalizado o pasado mes de xuño co Banco Europeo de Investimentos (BEI) polo que o Igape poderá obter ata 30 millóns de euros da entidade europea para o financiamento de proxectos de pemes galegas. O obxectivo desa medida é ter un fluxo de financiamento das pemes e dos proxectos emprendedores para afortalar a competitividade empresarial. Dito convenio supuxo a apertura dunha nova actividade no Igape que obtén recursos no sistema financeiro para achegar ás empresas galegas.
O impulso da facultade crediticia para o conxunto das empresas galegas obedece á boa aceptación destas fórmulas, así como á actual tendencia dos programas públicos de apoio empresarial. As directrices da Unión Europea neste sentido oriéntanse cara a utilización de instrumentos e programas de axudas reintegrables, polo que a iniciativa aprobada hoxe polo Goberno galego avanza nesa liña, na que tamén se incardinan recentes iniciativas do Igape.
Segundo o decreto aprobado hoxe, o Igape poderá conceder préstamos ou créditos de acordo cos requisitos e características establecidas nos programas que aprobe a tal efecto, e que establecerán os requisitos dos posibles beneficiarios, o destino dos fondos, o prazo e as condicións das operacións. Calquera outro tipo de operación deberá ser expresamente autorizada polo Consello da Xunta. |
|
| Última actualización ( 17/03/2009 ) |


