Novos préstamos para financiar proxectos de innovación e iniciativas emprendedoras PDF
O Igape presenta, en actos públicos que se desenvolverán nas cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra, os novos préstamos para financiar proxectos de innovación e iniciativas emprendedoras que contan coa colaboración das entidades financeiras e as Sociedades de Garantía Recíproca. Os emprendedores interesados en asistir ás xornadas poden confirmar a súa asistencia na web: http://xornadas.igape.es/

Santiago, 8 de novembro de 2006.- Os emprendedores e pemes que teñan previsto impulsar novas iniciativas ou proxectos innovadores en Galicia poderán recibir información de primeira man verbo das novas liñas de financiamento habilitadas polo Igape para estas actividades, grazas ás xornadas que o Instituto desenvolverá os vindeiros días 13, 14 e 16 de novembro en Vigo, Ourense e Pontevedra respectivamente. Mediante estes programas de financiamento, os promotores das novas iniciativas empresariais poderán dispor de préstamos en condicións preferentes ao abeiro dos correspondentes convenios asinados polo Igape coas entidades financeiras e as Sociedades Galegas de Garantía Recíproca.

A través dos novos programas para emprendedores e iniciativas innovadoras, o Instituto fai posible a concesión de préstamos por contías comprendidas entre 25.000 e 120.000 euros cun prazo de amortización de entre 5 e 7 anos, incluíndo ata un de carencia, sen gastos nin comisións e con xuros definidos polo euribor a seis meses+un tipo adicional de 0,25 puntos. O xuro nominal para este semestre é do 3,30%. Os proxectos deberán ser presentados antes do 31 de decembro de 2006.

A liña de préstamos a emprendedores avalados polas SGR ponse en marcha como consecuencia dunha das carencias detectadas a través do Foro Galego do Emprendemento impulsado polo Igape, a referida á necesidade de apoiar o financiamento dos proxectos emprendedores desde a súa xestación, e facelo principalmente mediante o achegamento de garantías que lles faciliten o acceso ao financiamento necesario. Mediante esta liña de apoio, o Igape habilita unha nova vía de financiamento para apoiar a cultura do emprendemento e a implantación de proxectos promovidos por emprendedores, que adoitan atopar importantes dificultades para financiar os seus proxectos, principalmente polos problemas na achega de garantías ou polos custos de xestión que teñen este tipo de operacións.

Pola súa parte, as pemes que impulsen en Galicia proxectos innovadores poderán dispor igualmente de préstamos en condicións preferentes e avalados polas sociedades de garantía recíproca galegas. O Igape dispón así unha nova vía de financiamento específico para apoiar proxectos de innovación para procurar, deste xeito, facilitar o desenvolvemento en Galicia dos proxectos deste tipo impulsados polas pemes, que adoitan tamén atopan dificultades especiais para acceder ao financiamento directo.

As xornadas informativas celebraranse entre o 13 e o 16 de novembro nas tres cidades do sur de Galicia. A primeira delas celebrarase en Vigo o luns 13 de novembro, na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra; o martes, 14 de novembro, o acto desenvolverase na sede da Confederación de Empresarios de Ourense, mentres que o xoves a xornada terá lugar na sede de AEMPE, na cidade de Pontevedra.

Para máis información sobre as xornadas ou ben para confirmar a asistencia pódese chamar ao número de teléfono 902 300 903, ou ben entrar na páxina: http://xornadas.igape.es.

Última actualización ( 19/01/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design