| Promover a competitividade en Ferrolterra é o obxectivo dos premios á creatividade aplicada |
|
|
As iniciativas de creatividade amparadas neste marco deberán incidir dentro do Plan de desenvolvemento integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, sen que iso exclúa que, no momento da súa aplicación práctica, poidan beneficiar tamén a outros territorios. O prazo para a presentación de iniciativas rematará o próximo día 11 de maio.
Santiago, 30 de abril de 2009.- Impulsar a mellora da competitividade empresarial nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal mediante a promoción da creatividade aplicada á innovación dos procesos e produtos é o obxectivo principal dos premios ás iniciativas para o fomento da creatividade aplicada que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) vén de convocar na súa II edición. O prazo para a presentación de iniciativas rematará o próximo 11 de maio..
Neste ano 2009, declarado pola Unión Europea como Ano Europeo da Creatividade e a Innovación, os premios ás iniciativas de creatividade aplicada constitúen unha actuación singular impulsada ao amparo do convenio asinado polo Igape no marco do Plan Integral de Desenvolvemento de Ferrol, Eume e Ortegal-, as tres universidades galegas e a Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF); un convenio que procura, mediante un esforzo coordinado e conxunto, elevar o nivel socioeconómico, cultural, formativo e tecnolóxico das comarcas de Ferrolterra mediante a dinamización da creatividade persoal e a relación científica e tecnolóxica entre as institucións educativas, os centros tecnolóxicos e as empresas produtivas.
Segundo a convocatoria publicada o pasado 17 de marzo no Diario Oficial de Galicia, o Igape premiará iniciativas ou propostas creativas que poidan conducir a un novo produto ou servizo, á mellora dos existentes, á implantación de novos proxectos e ao aumento da capacidade competitiva das empresas, do capital humano e do territorio. As actuacións amparadas neste marco deberán incidir directamente dentro do Plan de desenvolvemento integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, sen que iso exclúa que poidan beneficiar tamén a outros territorios ou ao conxunto da sociedade.
Actividades prioritarias
As actividades prioritarias para estas iniciativas de creatividade aplicada están entre as contempladas no Plan Integral de Desenvolvemento das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que coordina o Igape: enerxías alternativas, loxística, industria naval, turismo e medio ambiente e natureza. Non obstante, tamén poderán acollerse a esta convocatoria calquera outra actividade ligada ao coñecemento, que non exista na zona pero que poida implantarse nun prazo medio, e calquera outra iniciativa que sirva aos obxectivos do convenio de colaboración.
Poderán optar aos premios a iniciativas de creatividade aplicada persoas físicas e xurídicas, departamentos universitarios e centros tecnolóxicos de calquera ámbito territorial, segundo os requisitos detallados nas bases reguladoras.
Premios 2008
Entre as iniciativas premiadas na I convocatoria dos premios a iniciativas de creatividade aplicada estivo o mecanismo Función Multi-Par, ideado por Victoriano García para mellorar o rendemento de todos os motores de combustión, ao aumentar a potencia a igual cilindrada e reducir o consumo e as emisións de CO2. O centro Tecnológico da Automoción de Galicia (CTAG) interesouse pola iniciativa e proponse desenvolver un prototipo baseado no mecanismo para probar a súa eficacia nos motores de vehículos convencionais. |
|
| Última actualización ( 12/05/2009 ) |


