| Prorrogado ata o 30 de xuño o prazo para solicitar financiamento de circulante ao amparo do re-Solve |
|
|
Economía e Industria prorroga ata o 30 de xuño de 2010 o prazo de presentación de solicitudes no marco de plan re-Solve para manter o apoio ao financiamento de circulante para autónomos, microempresas e pemes. O consello de dirección do Igape, que preside Javier Guerra, estimou que este instrumento é fundamental para impulsar a reactivación do tecido produtivo galego. O Instituto recibiu ata o momento case 900 solicitudes de financiamento ao amparo do plan de garantías que inclúe os programas re-Solve e re-Brote, para mobilizar financiamento por importe de 131 millóns de euros.
Santiago 3 de febreiro de 2010.- O prazo de presentación de solicitudes ao amparo do programa de garantías re-Solve, destinado a facilitar o financiamento de circulante para autónomos, microempresas e pemes, estará aberto ata o 30 de xuño de 2010, como consecuencia da prórroga aprobada polo consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), segundo a resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.
Na súa formulación inicial, o prazo de presentación de solicitudes para o programa re-Solve remataba o 30 de decembro de 2010, pero a Consellería de Economía e Industria decidiu propoñer a súa prórroga para intensificar os apoios ao financiamento de circulante para autónomos, emprendedores, microempresas e pemes, especialmente afectados polas restricións crediticias. O Igape recibiu polo de agora case 900 solicitudes de apoio no marca do plan de garantías que inclúe os programas re-Solve e re-Brote. A través deste plan, o Instituto proponse mobilizar financiamento por importe de ata 400 millóns de euros.
O programa re-Solve publicouse do DOG o pasado 30 de setembro. O prazo de tres meses contemplado para presentación de solicitudes revelouse insuficiente para poder atender as expectativas espertados entre os potenciais destinatarios, debido a que se trata dun programa innovador para o financiamento de circulante, sen precedentes similares en Galicia. Por iso, o Consello de Dirección do Igape considerou que este instrumento financeiro debe seguir en vigor. En consecuencia, acordou prorrogar o prazo para a presentación de solicitudes ata o día 30 de xuño de 2010.
Segundo ten reiterado o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, a través do programa re-Solve, a Xunta de Galicia deu un ambicioso paso adiante para compartir riscos coas entidades financeiras, coas sociedades de garantía recíproca e cos empresarios para procurar, dese xeito, atopar respostas positivas para solicitudes de financiamento que ata o momento achaban só negativas.
O programa re-Solve é un instrumento adecuado para que autónomos e microempresas accedan ao financiamento que precisan para poder seguir funcionando con normalidade, con pólizas de crédito novas por importes comprendidos entre 3.000 a 40.000 euros, avaladas por unha sociedade de garantía recíproca nun 90% e cun reaval do Igape polo 25%.
O programa Re-Solve constitúe unha das iniciativas máis significativas incluídas dentro do Plan de Choque da Xunta contra a crise, como un elemento fundamental a prol da recuperación económica e do mantemento do emprego. Segundo destacou Javier Guerra no momento da súa presentación, o programa achega unha solución real aos problemas concretos de financiamento das empresas, que son especialmente importantes entre as de menor dimensión.
Coa xestión desta liñas de axuda, o Igape está a poñer de manifesto a súa capacidade de reforma e readaptación á economía real para dar resposta ás demandas do día a día dos empresarios e dos emprendedores. |
|
| Última actualización ( 03/02/2010 ) |


