As redes estendidas do Igape facilitarán servizos a empresas e emprendedores de xeito máis eficiente PDF
A colaboración entre agrupacións de carácter empresarial permitirá acadar un efecto multiplicador na difusión e utilización dos servizos e axudas do Instituto, e dos servizos dos propios organismos integrados nas redes.  As redes estendidas impulsadas polo Instituto servirán tamén para promover a excelencia dos organismos intermedios mediante a cooperación.
 
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2008.- Co obxectivo de facilitar a prestación de servizos máis eficientes a empresas e emprendedores, por unha banda, e para promover, ao tempo, avances cara a excelencia das agrupacións empresariais, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía e Facenda, vén de facilitar a constitución de redes estendidas en dous ámbitos complementarios, o tecido asociativo en xeral e o das entidades especializadas no apoio ao emprendemento. En total son 21 as entidades integradas, que contarán, en cada caso, cun técnico financiado polo Igape para reforzar o seu capital humano e facilitar a colaboración.
 
Entre os obxectivos fundamentais destas redes dinamizadas inicialmente polo Igape está a cooperación para mellorar a comunicación con e entre os empresarios e os emprendedores, así como a relación entre os propios membros das redes; a través delas, tamén se prevé acadar un efecto multiplicador na difusión e utilización dos servizos e axudas do Igape, e dos servizos dos propios organismos integrados nas redes; do mesmo xeito, será posible a prestación de servizos mellorados e máis completos no ámbito de influencia de cada organismo intermedio participante, ademais de lograr unha maior coordinación, optimización dos esforzos e, especialización. O Igape promoveu a constitución destas redes estendidas para tratar de catalizar o potencial da cooperación por aproveitar, co obxecto de que no futuro sexa o interese recíproco o que manteña ese traballo en rede. As redes estendidas do Igape contarán con enlaces ou elementos, ferramentas e espazos virtuais de coordinación, e estarán tamén en contacto coas oficinas territoriais do Instituto e coa Unidade de Promoción do Desenvolvemento (UPD) Coordina Local, que participarán activamente no desenvolvemento do plan de traballo que van a abordar.
 
Organismos participantes
Na rede Igape-Tecido asociativo están integradas a Asociación de Empresas Medioambientais (Aproema), a Asociación de Empresarios de Transporte de Mercadorías de Ourense (Apetamcor), a Asociación Textil de Galicia, a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Asociación de Investigación Metalúrxica Noroeste, a Asociación de fabricantes de hormigón (Asfhorgal), a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), a Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra, a Asociación de empresas TIC Ineo e a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira. Pola súa parte, forman parte da rede estendida Igape-Apoio ao emprendemento o Consello Galego de Cámaras de Comercio, as respectivas Cámaras de Comercio de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e Ferrol, a Asociación de Xóvenes Empresarios de Galicia, a Fundación CEL-Iniciativas por Lugo, a Agencia de Desenvolvemento Local do Consello de Lugo,  e a Asociación de Empresarios do Deza.
 
A cooperación, eixo estratéxico
A cooperación conforma un dos eixos estratéxicos do Igape, que a considera fundamental para facilitar a mellora da competitividade empresarial. Constitúe unha ferramenta fundamental para que as empresas, agrupadas en torno a un organismo intermedio, poidan acceder a innovacións ou servizos de valor que non poderían acadar illadamente. Do mesmo xeito, a cooperación entre agrupacións empresariais tamén debe facilitar unha mellor coordinación de esforzos para sacar máis partido das complementariedades, de xeito que os organismos intermedios poidan dar o mellor de si mesmos. Estas redes estendidas están a ser impulsadas coa lóxica expectativa de que, na práctica, poidan confluir sinérxicamente e aproveitar o mellor de cada ámbito de actuación, o emprendedurismo e o asociativismo, en beneficio común do traballo en cada rede. Ao coñecer o que ofrecen e fan outros colectivos, as organizacións poderán mellorar e achegar servizos máis completos aos seus asociados.
 
O colectivo de técnicos que se integran en cada un dos organismos intermedios integrados nas redes estendidas está a recibir unha formación especializada para coñecer en profundidade os programa de axudas, servizos e ferramentas de que dispoñen os organismos de promoción empresarial dependentes da Consellería de Economía e Facenda: o Igape, BIC Galicia e Xesgalicia, co obxectivo de que poidan servir mellor aos seus usuarios facilitándolles o coñecemento ou a solicitude e tramitación de servizos ou axudas que están ao seu dispor. O obxectivo é, deste xeito, apoiar a promoción da actividade empresarial no sentido máis amplo, desde o nacemento dunha idea empresarial ata a súa consolidación.
 
Estas redes farán posible que se coñezan mellor os servizos e axudas do Igape, pero tamén que cada un dos organismos participantes coñeza os servizos e posibilidades de todos e cada un dos outros integrantes da rede. Con todo, cada organismo seguirá tendo a súa especialidade, mellorada, e seguirá sendo a primeira opción para os seus usuarios, por razóns de proximidade, por tradición ou por especialización.
Última actualización ( 30/06/2008 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design