Resolución pola que se establecen criterios e se modifican as bases reguladoras das axudas do Igape PDF
Resolución do 3 de xullo de 2006 pola que se establecen criterios e se modifican as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica

Co obxectivo de avanzar na axilización e simplificación administrativa nos procedementos de axudas e subvencións do Igape, e tendo en conta que un significativo número de expedientes de incumprimento de condicións se inician pola xustificación dun menor gasto do aprobado e que a maioría deles rematan tras numerosos trámites coa declaración de incumprimento parcial e o axuste da subvención ao gasto efectivamente xustificado, semella oportuno establecer un procedemento alternativo que rebaixe significativamente o tempo de tramitación cando conste a conformidade do beneficiario ao axuste da subvención concedida e non exista outro motivo de incumprimento que o menor gasto xustificado.

Por outra banda, tendo en conta que no programa de axudas para proxectos de investimento (resolución publicada no DOG nº 58, do 28 de marzo de 2005, e posteriormente modificada e publicada no DOG nº 36, do 21 de febreiro de 2006), a tramitación das solicitudes de cobramento vese atrasada frecuentemente polo incumprimento dos prazos administrativos para expedición de informes ou autorizacións ou licenzas, non sendo achacables os ditos atrasos á inactividade do beneficiario senón ao atraso no funcionamento das administracións.

Por todo o que antecede, e de conformidade coas facultades que teño conferidas

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar o seguinte criterio e modificación, acordados polo Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza do 29 de xuño de 2006, das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape):

Primeiro.-Aplicarase o seguinte criterio aos expedientes de axudas e subvencións do instituto pendentes de rematar na data da publicación deste acordo:

«Sen prexuízo do establecido nas bases reguladoras das axudas e subvencións do Igape para casos de incumprimento de condicións, poderase axustar o aboamento da subvención ao gasto efectivamente xustificado sen iniciar procedemento de incumprimento, nos casos en que cumpríndose todas as condicións establecidas, unicamente se tivese xustificado un gasto inferior ao aprobado, sempre que conste a conformidade expresa do beneficiario e o proxecto efectivamente xustificado non desvirtúe a concesión inicial».

Segundo.-Modifícanse as bases reguladoras das axudas do Igape para proxectos empresariais de investimento (publicadas mediante resolución no DOG nº 58, do 28 de marzo de 2005, e modificadas posteriormente e publicadas no DOG nº 36, do 21 de febreiro de 2006) nos seguintes extremos:

1. Engádese unha alínea c) ao punto 2 da base 14ª:

«c) Así mesmo, se o beneficiario tivese acreditado en prazo a execución do proxecto e o cumprimento das condicións da subvención e solicitado as autorizacións administrativas para exercer a actividade subvencionada que, de ser o caso, legalmente correspondesen, poderá solicitar ao Igape o aboamento da subvención e o outorgamento dun prazo para acreditar a obtención das citadas autorizacións pendentes. O Igape poderá aprobar o dito pagamento, co informe previo das administracións competentes para expedir as citadas autorizacións, contra a constitución polo beneficiario de garantía mediante aval solidario de entidade financeira ou outra garantía suficiente, depositada na Caixa Xeral de Depósitos que cubra o importe do pagamento e dos seus xuros calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da aprobación do pagamento e polo prazo que medie entre a data de constitución do aval e a finalización do prazo concedido que non poderá exceder os dous anos, salvo prórroga expresa concedida en atención ás circunstancias do expediente».

2. Elimínase o primeiro parágrafo do punto 4 da base 13ª.

Segundo.-Esta resolución aplicarase a todos os expedientes de axudas e subvencións pendentes de aboamento na data da súa entrada en vigor que se fixará o día seguinte ao súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2006.

José Antonio Delgado Arce, Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Última actualización ( 21/12/2006 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design