| Encontro con Richard E. Morley para promover o emprendemento tecnolóxico en Galicia |
|
|
O Hostal dos Reis Católicos acollerá, o próximo 24 de abril, a presentación de catro iniciativas empresariais que se están a desenvolver no ámbito do emprendemento tecnolóxico e sobre as que Morley ofrecerá a súa visión como experto. O obxectivo do encontro é facilitar un espazo para a reflexión e o intercambio de experiencias sobre a creación de empresas tecnolóxicas.
Santiago, 12 de abril de 2007.- Axudar ao desenvolvemento e á implantación en Galicia de proxectos emprendedores cun alto compoñente tecnolóxico é un dos principais obxectivos da Xornada de Emprendemento Tecnolóxico organizada polo Igape e que contará coa participación do experto Richard E. Morley. O evento, que se desenvolverá o próximo 24 de abril, a partir das 17.00 horas e no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, preséntase como un espazo para a reflexión e o intercambio de coñecementos e experiencias sobre o desenvolvemento deste tipo de iniciativas na comunidade galega.
Ao mesmo tempo, a xornada servirá como punto de encontro de promotores de proxectos tecnolóxicos para que teñan ocasión de interactuar con outros promotores e investidores, así como coas entidades e os axentes que xogan un papel activo dentro deste sector. Así, no marco deste foro terá lugar a presentación de catro proxectos emprendedores de carácter tecnolóxico que se están a desenvolver en Galicia na actualidade e sobre os que Richard E. Morley, referente internacional no campo das tecnoloxías de automatización de procesos industriais, ofrecerá a súa visión profesional.
Finalmente, celebrarase unha charla-coloquio na que participarán o experto, os promotores dos proxectos presentados e os demais asistentes co fin de reflexionar e analizar a conxuntura existente para a posta en marcha deste tipo de iniciativas emprendedoras cun importante compoñente tecnolóxico.
A inscrición para asistir á Xornada de Emprendemento Tecnolóxico poderase facer en http://xornadas.igape.es. Para obter máis información, os interesados poden chamar ao teléfono 902 300 903.
Un referente internacional
Richard E. Morley é coñecido por ser o inventor do autómata programable, un dos inventos industriais máis importantes do século XX. Este enxeñeiro, consultor, inventor e directivo estivo involucrado na alta tecnoloxía dende o comezo da investigación mundial na electrónica de estado sólido.
A súa carreira posiciónao coma un referente no ámbito das tecnoloxías de procesos industriais continuos e discretos, con ampla experiencia nos campos da automoción e a domótica. Ademais, acumula un importante rexistro na creación de empresas de éxito, gran parte delas cun alto grao de innovación e aplicación de alta tecnoloxía. |
|
| Última actualización ( 28/05/2007 ) |


