Rodavigo incrementa a súa competitividade mellorando os seus procesos de xestión co apoio do Igape PDF
A incorporación das TIC, mediante unha plataforma B2B -comercio electrónico entre empresas-, permitiulle elevar o volume de negocio ao tempo que medraba o seu cadro de persoal. Grazas a esta mellora, a empresa de subministros industriais, pioneira no seu sector en Europa, confía en gañar 500 novos clientes durante 2008.
 
Vigo, 15 de febreiro de 2008.- Mellorar os procesos de xestión para facer posible unha relación máis áxil e eficiente tanto con provedores como con clientes foi o que conseguiu a empresa de subministros industriales Rodamientos Vigo S.A. mediante a realización dun proxecto apoiado polo Igape que lle permitiu, ao mesmo tempo, avanzar no emprego do comercio electrónico entre empresas mediante novidosos sistemas de conectividade. O Instituto dependente da Consellería de Economía e Facenda vén promovendo a incorporación das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) como ferramenta de competitividade e mellora da xestión empresarial a través de diferentes programas de apoio.
 
A implantación deste sistema de xestión, baseado nas tecnologías da información e a comunicación (TIC), fixo que Rodavigo puidese incorporar en catro meses  140 clientes novos. Antes de contar co novo portal (http://www.rodavigo.net/), a empresa viña incorporando media ducia de clientes novos por ano. Co novidoso sistema de xestión de pedidos, o responsable de calidade da empresa, Nazario Correa, confía en incorporar 500 novos clientes durante 2008.
 
ImageRodamientos Vigo, S.A. é unha empresa familiar con grande experiencia no sector dos subministros industriais. Co apoio do Igape, e da man de provedores especilizados como Deza Business e TLR Soft, vén de incorporar unha plataforma telemática B2B (business to business) para mellorar a xestión do seu negocio con outras empresas, tanto provedoras como clientes. Correa amósase convencido de que a súa nova plataforma marca un fito no seu sector de actividade a nivel europeo, ao incluír ata 300.000 referencias dos artículos que venden.
 
Faurecia, Rodman, Citroën, Hermasa, Benteler ou Pescanova son algúns dos clientes aos que sirve habitualmente Rodamientos Vigo, que afronta agora o reto de gañar clientes electrónicos, procurando que as empresas se animen a formalizar os seus pedidos a través da propia plataforma telemática.
 
Nazario Correa admite que non resulta doado concienciar aos clientes para pasar dos pedidos por fax, correo electrónico ou teléfono á xestión directa a través da plataforma B2B, onde os clientes rexistrados poden acceder as características técnicas dos produtos que buscan e aos prezos que lles corresponden, principalmente en función das condicións de pagamento escollidas. “Falta cultura de comercio electrónico”, recoñece o empresario, ao tempo que admite que a súa empresa ten que elevar os seus propios niveis autoesixencia e competitividade para ofrecer mellores prezos, como consecuencia da propia transparencia do sistema, a transparencia que os clientes esixen e que Rodavigo está preparada para dar.
 
Correa está convencido de que a maior transparencia de produtos, servizos e prezos leva aparellado un incremento do volume de negocio que tamén ten reflexo nun axuste de prezos. Ten por certo que “non se poden poñer portas ao campo”, porque ve o camiño que marcan as demandas dos clientes e as novas tecnoloxías empregadas como ferramentas de xestión: “Se podo ir de primeiro, vou; se non, vaino facer a competencia”, explica Correa.
 
E nese reto está, abrindo camiños. Clarexando que optimizar os sistemas de xestión non significan aforrar en persoal. Polo contrario, as melloras na xestión levaron a Rodamentos Vigo a incrementar o seu cadro, que pasou de 16 a 21 persoas. A maior oferta, realizada de xeito máis eficiente pola axilidade na xestión dos pedidos, leva a un incremento de facturación, tamén derivado da ampliación do campo de actuación. De cinguirse case en exclusiva á provincia de Pontevedra, a empresa pasou a ter clientes en toda Galicia, a vender para clientes espallados por toda España, ou doutros países como Portugal ou Francia. A internacionalización tamén  é un reto que Rodamientos Vigo está disposta a afrontar, razón polo que a información da súa plataforma está disponible en linguas como inglés, francés e portugués.
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design