Santiago acolle a conferencia sobre clusters e redes de innovación en Europa, que organiza o Igape PDF
O instituto dependente da Consellería de Economía e Industria coordina o proxecto europeo AT Clusters, no que participan axencias de desenvolvemento de Portugal, Francia, Irlanda e España. En Santiago exporase a situación actual e as perspectivas de desenvolvemento en Europa de agrupacións empresariais para facilitar a innovación empresarial a través da colaboración en redes internacionais.
 
Santiago 14 de febreiro de 2010.- Coincidindo coa celebración do Xacobeo 2010, a cidade de Santiago de Compostela acollerá, os próximos 11 e 12 de marzo, a primeira conferencia interrexional sobre “Clusters, políticas de clusters e redes de innovación en Europa”, que organiza a Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). O obxectivo é favorecer a implantación das mellores prácticas de colaboración entre clusters baseados no coñecemento no Espazo Atlántico, para incrementar, deste xeito, a súa competitividade no mercado global.
 
A conferencia enmárcase no seo do proxecto de cooperación “AT CLUSTERS: cluster e meta-cluster rexionais e multirrexionales no Espazo Atlántico”, que coordina o Igape como xefe de fila. Esta primeira conferencia de clusters e redes de innovación servirá para abordar a primeira presentación dos avances e resultados do proxecto que se vén desenvolvendo nas seis rexións europeas participantes, a  través das correspondentes entidades de desenvolvemento empresarial: a Sociedade para o Desenvolvemento Rexional de Cantabria (Sodercan); A South West Regional Authority de Cork (Irlanda); o Instituto de Desenvolvemento do Principado de Asturias (Idepa); a Agência de Desenvolvimento Regional do Vale do Ave (Portugal); e a sociedade Betagne-Innovation, de Rennes (Francia); e o Igape en representación de Galicia. 
 
No transcurso dos encontros previstos na conferencia de marzo, os expertos e responsables dos diferentes grupos farán as súas correspondentes exposicións e valoracións sobre situación actual e  sobre as perspectivas do desenvolvemento en Europa dos clusters e o que estas agrupacións empresariais poden achegar para avanzar na innovación en rede.
 
Nesta primeira conferencia internacional sobre “Clusters, políticas de clusters e redes de innovación en Europa” haberá representantes de CLUNET, European Cluster Policy Groups, European Cluster Observatory, ERRIN, INNET e TACTICS, entre outras redes e organizacións de prestixio internacional neste ámbito.
 
Os asistentes e esta conferencia, especialmente orientada a representantes de clusters e agrupacións empresariais galegas, poderán acceder a coñecementos de primeira man sobre as diferentes alianzas e proxectos europeos nas materias de clusters, innovación e redes europeas. O encontro prevé ofrecer un panorama completo, de modo que empresas, organizacións e administracións poidan explorar intereses e posibilidades de participación, colaboración e desenvolvemento de iniciativas a partir do coñecemento adquirido e das interrelacións xeradas durante o evento.
 
Para favorecer aínda máis esta posibilidade de interrelación entre empresas, entidades ou agrupacións de diferentes ámbitos xeográficos, a organización da conferencia prevé habilitar espazos de encontro cara a cara, facilitando a todos os participantes a listaxe de asistentes e pondo á súa disposición a xestión de axendas e entrevistas personalizadas.
 
O proxecto AT Clusters, que celebrou o encontro de lanzamento en Santiago, na pasada primavera, permitirá incrementar a capacidade dos clusters para ofreceren servizos eficientes aos seus integrantes e contribuir, así, ao seu desenvolvemento, modernización, innovación e internacionalización; AT Clusters contribuirá, do mesmo xeito, a fortalecer a cooperación entre clusters baseados no coñecemento no Espazo Atlántico, para incrementar a súa competitividade no mercado global.
 
Todos os socios están a intercambiar coñecemento e prácticas sobre o desensevolvemento das políticas de clúster e as iniciativas existentes en cada rexión ou comunidade. A partir da reunión de Cork (Irlanda), que se desenvolveu o pasado mes de outubro, comezouse a programar a dirección estratéxica da segunda fase deste proxecto, que será a chamada a proporcionar as liñas de cooperación e complementariadede inter-cluster aque cómpre establecer entre as diferentes rexións e comunidades asociadas no ámbito desta iniciativa europea; con ese obxectivo, cada rexión participante abordou xa o contacto cos seus agrupamentos clúster más representativos, para procurar que a partir da conferencia de Santiago se poidan involucrar directamente no desenvolvemento do proxecto e aproveitar as sinerxias interrexionais que deben producirse.
 
O proxecto AT-Clusters, aprobado no marco do programa europeo Espazo Atlántico de Cooperación Transnacional, está destinado a promover a cooperación entre os clusters que están asentados ou en proceso de creación no Espazo Atlántico; o proxecto procurará interconectalos para facilitar o seu desenvolvemento a nivel europeo e internacional. Liderada polo Igape e cofinanciado pola CE, esta iniciativa busca axudar aos clusters a seren mais dinámicos e apoiar o intercambio de boas prácticas, ademais de explorar a posibilidade de construción de meta-clusters capaces de asentar lazos de cooperación entre ás empresas mais dinámicas das distintas rexións participantes. Está previsto que o proxecto remate en 2011.
 
A través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e das súas sociedades, a Consellería de Economía e Industria está empregando diversas vías para conectar o tecido empresarial galego co europeo, na procura de favorecer a mellora competitiva e a internacionalización das empresas galegas. Mediante proxectos como AT-Clusters, Bioemprende, AT-Venture ou Galactea Plus, o Igape e as súas sociedades participadas, BIC Galicia e Xesgalicia, están a impulsar o desenvolvemento competitivo das empresas e clusters galegos no exterior.
Última actualización ( 08/03/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design