Serindoc, que contou coa axuda do Igape, facilita a consulta e a conservacion de arquivos PDF

Image A empresa santiaguesa recibiu o primeiro premio Compostela Activa que concede o concello de Santiago ás novas ideas empresariais. A administración pública é o seu principal campo de traballo de Serindoc aínda que pretende adentrarse no ámbito da empresa privada

Santiago, 06 de outubro de 2006.- Raquel Morano Vázquez é a xerente da empresa SERINDOC, dedicada á xestión de información e documentación en todos os seus formatos e soportes, que leva a cabo actividades de organización, clasificación e almacenamento da mesma para a súa consulta ou conservación. A empresa, que leva funcionando a penas seis meses, ten dúas liñas de acción diferentes: xestión de arquivos e xestión de bibliotecas. Consultoría, tratamento técnico, formación ou implementación dun software informático deseñado pola propia empresa son os servizos que prestan tanto no ámbito das bibliotecas como no dos arquivos.

Un proxecto de carreira fixo xurdir a idea

Raquel, diplomada en Biblioteconomía e licenciada en Documentación, decidiuse a poñer en marcha esta iniciativa cando estaba facendo a licenciatura. O proxecto que tivo que facer para unha das asignaturas da carreira supuxo realizar un estudo dos arquivos públicos e das empresas privadas durante o que comprobou que a situación que presentaban evidenciaba a necesidade dunha xestión axeitada dos mesmos. Así xurdiu a idea de crear SERINDOC. O seguinte paso foi facer un máster en xestión e dirección de empresas para coñecer o mundo no que se ía adentrar e adquirir as nocións básicas para poder xestionar o seu negocio. A continuación, acudiu ao Igape donde recibiu asesoramento para facer o plan de empresa. Morano afirma que no instituto lle axudaron a establecer as bases do seu proxecto e a elaborar un plan de futuro, permitíndolle avanzar moito na súa idea inicial. Para iso contou co apoio dun titor que a guiou en todos os pasos que debía dar.

O proxecto tivo moi boa acollida, “quizais porque se consideraba unha idea innovadora”, explica Morano. SERINDOC recibiu o primeiro premio Compostela Activa que concede o concello de Santiago ás novas ideas empresariais, o que supuxo un aporte importante á hora de financiar a posta en marcha da empresa e de cubrir os seus gastos principais. A empresa ten a súa sede no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, no polígono de Costa Vella, o que tamén foi unha importante axuda á hora da súa posta en marcha xa que lle aforrou todos os trámites e inconvenientes que supón a busca dun local.

A empresa privada, un reto para o futuro

O ámbito da administración pública foi o elixido para comenzar a traballar debido a que presenta unhas necesidades “máis en voga” que as empresas privadas no que se refire a documentos e arquivos, explica Raquel. O principal problema que xurdiu cando empezou a funcionar foi conseguir clientes pero, neste momento, a xerente de SERINDOC afirma que o servizo se está aceptando de bastante bo grado. Aínda que a comunidade galega é o principal ámbito xeográfico no que traballa a empresa, Morano explica que están abertos a calquera outro lugar do país. De feito, afirmou que xa están realizando algúns servizos en Andalucía.

Aínda que só leva uns meses en funcionamento, a Raquel gustaríalle que SERINDOC entrase no campo da empresa privada que, segundo considera, está “moi abandonado e é moi importante para coñecer información e datos estadísticos” relevantes para a comunidade galega. Ademais, gustaríalle ampliar a oferta de servizos a temas como a dixitalización de documentos, a custodia externa de arquivos e bibliotecas (consistente en crear un lugar específico no que as empresas pudiesen ter os seus documentos sin que lles ocupase o seu propio espazo) e un servizo de protección de datos, así como  poñer en funcionamento a xestión de calidade no ámbito documental. Aínda que o balance destes meses de actividade da empresa está por enriba das expectativas que Morano tiña nun primeiro momento, polo de agora, todos estes proxectos terán que esperar.

Última actualización ( 28/11/2006 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design