Galicia busca investimentos no sector alimentario de Canadá PDF
ImageA través do seu Centro de Promoción de Negocios en Nova York, o Igape acaba de participar na feira do sector alimentario máis importante de Canadá, a SIAL 2007, co obxectivo de intentar atraer investimentos cara a Galicia.
 
Santiago, 31 de marzo de 2007. - A SIAL 2007 é a feira máis importante da industria agroalimentaria de Canadá e celebrouse en Montreal (Québec) entre o 26 e o 30 de marzo de 2007. Durante o desenvolvemento do evento, o Igape desenvolveu unha apertada axenda de entrevistas coas empresas do sector, onde se lles explicaron as vantaxes de investir na rexión euroatlántica onde está englobada Galicia.
 
Así mesmo, celebrouse unha rolda de prensa cos principais medios de comunicación canadenses, como por exemplo Journal Les Affaires. Esta acción enmárcase dentro do programa Euroatlantic http://www.euratlantic.org/, que agrupa a 13 rexións da Costa Atlántica Europea de Francia, España e Portugal. Ademais de Galicia co IGAPE, no proxecto participan Castilla e León, La Rioja, Asturias e Andalucía por parte española. Norte, Centro e Alentejo son as rexións designadas en Portugal, mentres que de Francia se inclúen Normandie, Bretagne, Pays da Loire, Poitou-Charentes e Limousin.
 
 Con este plan, financiado pola Unión Europea, preténdese facer unha fronte común para fomentar a atracción de investimentos de Estados Unidos e Canadá cara ás rexións designadas, ofrecendo unha alternativa aos destinos que habitualmente elixen as empresas norteamericanas para implantarse en Europa (Reino Unido, Irlanda, Alemaña, etc.).
 
 O programa fai énfase nas características comúns desta área europea, tales como un perfil económico atractivo, estable e con taxas de crecemento superiores ás da Zona euro, así como recursos humanos con formación especializada e a prezos competitivos, un gasto en I+D crecente, con boas infraestruturas e grande calidade de vida.
 
 Outros puntos sinalados son os incentivos rexionais á inversión e os custos razoables de instalación e mantemento das empresas fronte a outras áreas xeográficas. Entre outras actividades, durante os tres anos que dura o programa (2005-2007), representantes das entidades rexionais seguirán un programa de participación por medio de pavillón propio nas feiras mais importantes de Estados Unidos e Canadá en sectores clave para a nosa economía (agroalimentario, aeronáutico, automobilístico, etc). Nestas feiras desenvólvense contactos coas empresas con maior potencial, co obxecto de explicarlles as vantaxes de implantarse na costa Atlántica de Europa e atraer os investimentos das empresas norteamericanas.
Última actualización ( 24/05/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design