“Terceira Persoa” converte en negocio a promoción e xestión do patrimonio cultural e natural galego PDF
A nova sociedade, que contou co asesoramento de BIC Galicia no deseño do plan de empresa, contempla tres liñas fundamentais de acción en exposicións, dinamización turística e didáctica de ciencias sociais. Entre os proxectos nos que traballa destacan o convenio asinado coa S.A. de xestión do Plan Xacobeo e a colaboración coa Federación Galega de Turismo Rural. Tamén xestiona, conxuntamente coa Fundación Terma Termarum, as visitas didáticas ao castro de Castrolandín en Cuntis.
 
Santiago, abril de 2008.- A empresa “Terceira Persoa. Proxectos culturais” nace coa vontade de promover e dar impulso ás accións a prol da conservación, protección e valorización social do patrimonio cultural galego. Os traballos que acomete vincúlanse con accións de desenvolvemento cultural, educativo, social e turístico e entre as súas funcións destacan a coordinación de exposicións, a dinamización turística e a didáctica de ciencias sociais. O proxecto xordeu hai un ano, cando unha dos seus promotores, Núria Vilalta, observou que os servizos de xestión cultural non estaban totalmente desenvolvidos en Galicia e que polo tanto era un posible nicho de negocio. O Igape, a través de Bic Galicia, prestou asesoramento no deseño do plan de empresa, xa que ningún dos promotores tiña experiencia no mundo empresarial. Mediante os seus servizos e ferramentas de formación e asesoramento, BIC Galicia procura achegar a cada iniciativa empresarial os apoios e servizos mais completos e adecuados ás súas necesidades, dentro da súa función de habilitar recursos para apoiar a implantación de novos proxectos de negocio.
 
ImageSegundo a promotora, a maior barreira para a implantación do proxecto foi facer entender aos potenciais clientes que os bens culturais poden ser rendibles non só a nivel económico senón tamén a nivel social. Neste momento, a empresa colabora con concellos e fundacións de xestión do patrimonio e o seu campo de acción enmarcase en territorios como a Ribeira Sacra, Deza e Tabeirós-Terra de Montes, aínda que non descartan ofrecer os seus servizos fóra de Galicia nun futuro.
 
No eido da súa actividade de coordinación de exposicións no ámbito da cultura, arte e historia medieval, Terceira Persoa asinou un convenio coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para coordinar tres proxectos. O primeiro deles consistiu nun congreso celebrado no ano 2007 en Monforte de Lemos sobre o Condado de Lemos; o segundo é un novo congreso titulado “O mundo urbano na historia de Galicia”, que se realizará en Monforte os vindeiros 23, 24 e 25 de maio; e o terceiro, previsto para o 2009, será unha exposición co Reino Medieval de Galicia como temática central.
 
Outra das áreas das actividades da empresa refírese á labor de potenciar o patrimonio natural e cultural, mediante a dinamización turística. Terceira Persoa traballa para dúas asociacións: a Asociación de turismo rural da Ribeira Sacra ourensá “Turisacra” e a Asociación de turismo rural de Tabeirós-Terra de Montes “Mar de Compostela”, deseñando proxectos para crear un produto turístico e cultural a partir das potencialidades endóxenas do territorio. Isto implica, entre outras cousas, facer estudos patrimoniais, habilitar rutas de sendeirismo e deseñar folletos de promoción turística. A empresa tamén colabora coa Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) para a que realizou un vídeo promocional do turismo rural en Galicia.
 
A última liña de traballo que contempla Terceira Persoa está centrada na didáctica de ciencias sociais. A empresa propón actividades dirixidas a rapaces de Educación Primaria e Secundaria adaptadas aos currículos educativos, que sirvan como complemento a súa formación así como para a divulgación do patrimonio. Segundo Núria Vilalta, que ten experiencia como educadora social, esta iniciativa ten como obxectivo que os rapaces sexan os protagonistas e descubran por eles mesmos a historia, a través das ferramentas que proporcionan aos mestres e ás escolas. Neste momento, o proxecto céntrase na pre-historia, mediante unha colaboración coa Fundación Terma Termarum na xestión das visitas didácticas ao castro de Castrolandín en Cuntis. Para o futuro, teñen previsto novos proxectos sobre a Idade Media, pero aínda non están pechados.
 
Descubrir a pre-historia
O proxecto de Castrolandín ten como obxectivo principal espertar a curiosidade e crear expectativas entre os alumnos sobre a cultura castrexa e o patrimonio arqueolóxico. Mediante un traballo de campo e seguindo uns cadernos didácticos, os rapaces afondan en aspectos da cultura castrexa. Con esta metodoloxía activa preténdese que o alumno sexa o verdadeiro protagonista da experiencia.
Así, a fundación Terma Termarum ofrece unha visita guiada polo Castro acompañada de material didáctico como imaxes e reproduccións de obxectos da vida cotiá, co obxectivo de facer a visita motivadora e participativa. Ademais, continúa a actividade cunha demostración das técnicas e tipoloxías de cerámica castrexa e un obradoiro de cerámica.
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design