Rías Baixas presenta en Tokyo unha selección dos seus viños nunha degustación organizada polo Igape PDF
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas presentou en Tokyo unha selección de viños da súa Denominación de orixe ante unha vintena de prescriptores xaponeses especializados.Rías Baixas participou, xunto con outras empresas galegas, na feira internacional Wine & Gastrónomo, que se desenvolveu na capital de Xapón do 22 ao 24 deste mes de abril.
 
Tokyo, 23 de abril de 2009. - O acto organizado polo centro de promoción de negocios do Igape en Tokyo tivo lugar durante a noite do xoves 23 de abril no coñecido restaurante Kihachi de Ginza, e convocou representantes das maiores escolas de sumilleres de Xapón así como das principais editoriais xaponesas de revistas especializadas no mundo do viño e da gastronomía. Tamén asistiron membros destacados da Asociación nacional de Sumilleres e da Asociación nacional de Xefes de cociña de Xapón.

ImageO conselleiro xefe da oficina comercial da embaixada española en Xapón, Alfonso Carbajo, pronunciou unhas palabras de saúdo aos congregados nas que subliñou o respaldo do ICEX a estas accións de promoción de viños das distintas rexións e denominacións de orixe de España xa que, dixo, son todas e cada unha delas as que conforman a verdadeira realidade do sector do viño español.

Para mostrar na práctica as excelencias dos viños da Denominación ofreceuse unha cea degustación na que se maridaron seis receitas orixinais do restaurante Kihachi, especializado en cociña francesa con adaptacións de ingredientes xaponeses, con seis viños de distintas adegas de Rías Baixas, aquelas marcas que maior presenza teñen actualmente en Xapón.

A cea-degustación foi precedida dunha presentación dos datos e características xerais dos produtos da D.O. Rías Baixas impartida polo seu secretario-xerente, Ramón Huidobro. Para finalizar, o presidente da Asociación de Sumilleres de Xapón, actual presidente tamén da Asociación Mundial de Sumilleres, ofreceu unhas palabras de clausura nas que destacou o gran potencial que, ao seu xuízo, os viños de Rías Baixas teñen sen dúbida no mercado xaponés. Definiunos como uns viños moi limpos e claros á vista e ao padal, nos que se pode apreciar nitidamente a calidade e a paixón que se puxo na súa elaboración.
 
O Consello Regulador participou tamén na feira de mostras Wine & Gastrónomo que se celebrou en Tokyo do 22 ao 24 de abril, xunto a outras empresas galegas que se integraron no pavillón do Igape para promover os seus produtos
Última actualización ( 29/04/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design