| Touriño presenta o Plan de Desenvolvemento Integral de Ferrolterra para o período 2007-2011 |
|
O plan elaborado a través do Igape marca 11 sectores prioritarios de actuación para superar o estancamento na creación de emprego, actividade e riqueza na comarca. O proxecto mobilizará un investimento global de 3.000 millóns de euros, dos que 1.163 procederán de recursos públicos. Prevé un crecemento económico acumulado do 16% ata 2011, cifra que cuadriplica a media dos últimos 25 anosFerrol, 12 de marzo 2007.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presentou esta mañá o Plan de Desenvolvemento Integral das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal 2007-2011 que prevé un investimento público de 1.163 millóns de euros, cos que o Goberno galego pretende impulsar un cambio das tendencias regresivas que afectaron á zona nos últimos 25 anos e incorporala á creación de emprego e á actual fase expansiva e de dinamismo económico. O plan foi presentado esta mañá ante os axentes sociais e económicos da comarca de Ferrolterra, nun acto ao que asistiron 200 persoas e que contou coa participación do conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio. Segundo expresou o xefe do Executivo galego, o Plan de Desenvolvemento Integral recolle o compromiso e o obxectivo de que a comarca de Ferrolterra pase a formar parte dos espazos que, como mínimo, igualan o ritmo de crecemento medio de Galicia e de España.
Mudar a historia Estamos en condicións de mudar a historia e iniciar unha dinámica positiva na creación de actividade e de emprego a través das propostas recollidas no plan, destacou Pérez Touriño, quen sostivo que o obxectivo presentado no proxecto para Ferrolterra é crecer un 16% ata o ano 2011, o que suporía acadar unha taxa anual do 3% e multiplicar por catro o ritmo medio dos últimos 25 anos. Lograr este obxectivo implicará a creación de 4.400 empregos e a xeración dun valor engadido estimado en 3.000 millóns de euros. Segundo explicou Pérez Touriño, o investimento privado previsto acadará os 2.000 millóns de euros, mentres que o público se situará en 1.163. Destes 1.163 millóns, o presidente destacou que o Goberno galego achegará 828 millóns á dotación de equipamentos e infraestruturas, mentres que 335 millóns se destinarán a subvencións e axudas que incentiven a actividade económica e empresarial na zona. O presidente puntualizou que o investimento público estará financiado nun 55% polo Executivo galego e un 45% polo Estado.
O máximo mandatario autonómico sinalou que o investimento público está dirixido en boa medida a completar os grandes equipamentos en infraestruturas, fundamentais para que o proxecto poida ser exitoso. Entre eles citou a accesibilidade e posta en servizo do porto exterior de Ferrol, o saneamento integral da ría e a conclusión de dous grandes eixes de comunicación: a autovía Ferrol-Vilalba e a vía de alta capacidade Ferrol-San Cibrao. Respecto da autovía, Pérez Touriño sinalou que se están a investir 135 millóns de euros, mentres que na conexión a San Cibrao o investimento é de 277 millóns de euros. Con estas dúas infraestruturas viarias quedará completada a rede de comunicacións de Ferrol coa Autovía do Cantábrico, a A-6 e a vía de alta capacidade comunicará toda a costa, o que debe permeabilizar e permitir o crecemento de todo o Cantábrico galego. Xunto a estas infraestruturas tamén citou os investimentos en solo industrial, que recibirán 172 millóns de euros. A este respecto, o titular do Goberno galego anunciou o compromiso xa pechado co presidente da SEPI para liberar un mínimo de 200.000 metros cadrados de terreos ociosos en Fene de xeito que se poidan reutilizar seguindo as liñas e orientacións marcadas polo plan. Xunto a isto, incidiu, está en marcha a xestión do polígono de San Pedro de Leixa, así como o estudo de viabilidade da plataforma de Mandiá e case completada a 4ª fase do polígono de Río do Pozo, o que suma un total de 3.600.000 metros cadrados de solo empresarial, sen contar os terreos de Fene e os 500.000 metros cadrados do porto exterior, explicou Pérez Touriño. Xestión coordinada O máis importante é que poñemos en marcha un instrumento que permite por vez primeira a xestión coordinada e integral de todos os sectores para conseguir o éxito de superar a situación, subliñou o xefe da Administración autonómica. Pérez Touriño tamén avanzou o compromiso do Goberno galego de que todas as dársenas e peiraos da comunidade teñan conexión ferroviaria e, neste sentido, salientou a recente publicación do estudo informativo da conexión do porto exterior ferrolán. Ademais, avanzou que este porto estará plenamente operativo no vindeiro ano e comprometeu o lanzamento da segunda fase desta dársena unha vez estea cuberta e funcionando a primeira, sen solución de continuidade. Temos que volcarnos na operatividade, posta en valor inmediata e a atracción de tráficos no porto exterior, que é a grande oportunidade de Ferrol, expresou o presidente, quen lembrou que a entrada en funcionamento desta dársena coincidirá coa da regasificadora de Mugardos. Finalmente, o máximo mandatario da Xunta salientou o compromiso inequívoco do Goberno galego e do de España con Ferrol e considerou que Galicia atravesa un escenario razoablemente positivo e de esperanza para abordar o proxecto hoxe presentado con garantías de éxito e de cumprimento dos obxectivos marcados. Da unión concreta da Oficina de impulso e xestión do plan, coa participación directa da Asociación Impulsora do Plan Ferrol e todos os axentes políticos temos un instrumento prezado, magnífico, útil para trazar cada paso, definir o horizonte e avaliar o grao de éxito do plan, sinalou Pérez Touriño, quen agradeceu o traballo realizado ao longo do último ano para dar a luz o plan presentado esta mañá e salientou que seguirá persoalmente a programación incluída no mesmo. 11 eixes de actuación Pola súa banda, o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, foi o encargado de debullar o plan de desenvolvemento integral. Así, explicou que este proxecto marca 11 sectores de actuación prioritaria divididos en sectores de soporte e sectores de futuro) entre os que salientou o eólico, o turístico, o loxístico, o naval e o dos biocombustibles. Respecto do primeiro, explicou que o plan marca como obxectivo duplicar ata o 2011 o valor engadido bruto deste sector de actividade. Ademais aposta por constituír o clúster do sector eólico, atraer empresas de referencia e apoiar o proceso de internacionalización do sector. En canto ao turístico, o plan fixa como obxectivo multiplicar por 3,5 o valor engadido bruto que xera na actualidade e duplicar a capacidade hoteleira das tres comarcas. Ademais prevé a creación dunha marca turística para Ferrolterra e o desenvolvemento dun plan turístico e de ordenación do sector. En relación ao sector loxístico, prevé multiplicar por cinco a actividade económica do mesmo, dinamizar e captar tráficos coas compañías navieiras para aproveitar ao máximo as capacidades do porto exterior. En canto ao naval, recóllese o obxectivo de establecer o clúster do naval e aposta pola diversificación e tecnificación do sector. Ademais inclúe a creación do Centro Tecnolóxico naval en Ferrol e aposta por asegurar a carga de traballo nas instalacións de Navantia. No que respecta aos sectores de biocombustibles, o documento aposta pola implantación de proxectos de produción de biocombustibles como o confirmado de Entabán no porto exterior de Ferrol- e aproveitamento da biomasa. |
|
| Última actualización ( 20/03/2007 ) |


O plan elaborado a través do Igape marca 11 sectores prioritarios de actuación para superar o estancamento na creación de emprego, actividade e riqueza na comarca. O proxecto mobilizará un investimento global de 3.000 millóns de euros, dos que 1.163 procederán de recursos públicos. Prevé un crecemento económico acumulado do 16% ata 2011, cifra que cuadriplica a media dos últimos 25 anos
Investimentos nas redes de comunicación