| Trasniños contribúe a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar na zona de Vigo |
|
|
Trasniños é unha escola infantil que está situada en Valladares (Vigo) e que presta servizos para nenos de entre cero e tres anos. Segundo explica a súa promotora, Olga Sousa, en Trasniños intentan ter cubertas as necesidades básicas dos pequenos e desenvolver un proxecto educativo para os máis maiores. A iniciativa contou co apoio do programa Emprendedores do Igape.
Vigo, 22 de xuño de 2007.- A escola viguesa, que leva funcionando dende setembro de 2006, conta na actualidade con 42 rapaces. O obxectivo de Trasniños é, ademais de garantir servizos básicos como a alimentación, o descanso ou a hixiene, preparar aos rapaces para que vaian sendo autónomos e independentes, así como establecer as bases para afrontar a educación infantil, asegura Olga.
Para a promotora, o máis importante é conseguir, a través de actividades lúdicas, que asimilen conceptos, procedementos e actitudes que os preparen para os próximos cursos escolares. Ademais, Sousa destaca que se trata dun centro pequeno, con poucos nenos, onde se intenta personalizar o trato a cada un deles para que se sintan coma na súa propia casa. A contribución á conciliación da vida laboral e familiar é outra das prioridades da escola, que por este motivo mantén un amplo horario de apertura, desde as sete da mañán ata as oito e media da tarde.
Un soño cumprido
Olga Sousa, diplomada en Maxisterio, tivo dende sempre a ilusión de chegar a crear a súa propia gardería e decidiu levalo a práctica hai un ano. Unha vez tomada a decisión, a promotora de Trasniños buscou todas as alternativas posibles para conseguir o financiamento preciso para poñer en marcha o seu negocio.
A través do Concello de Vigo foi como coñeceu as axudas do Igape. Recibiu o asesoramento e o apoio dos técnicos do Instituto e de Bic Galicia en todos aqueles temas nos que non tiña coñecementos suficientes. Ese foi un dos maiores problemas cos que a promotora de Trasniños se atopou durante o proceso de posta en marcha da empresa; pola súa formación, Olga non contaba con coñecementos no ámbito da xestión e da empresa, un problema que puido solventar coa axuda e o asesoramento recibido no Igape, segundo explica a emprendedora.Unha vez establecido o negocio, Olga explica que as dificultades seguen a ser as mesmas, sobre todo nos primeiros meses. Pero co paso do tempo, a experiencia a cargo dunha empresa propia e os coñecementos adquiridos neste ámbito fan que os problemas se vaian asumindo e que aprendas a enfrontalos, explica Sousa.
Adaptación ás necesidades da sociedade
Valladares foi o lugar escollido para establecer a escola infantil porque, como explica a súa promotora, é unha zona que medra a pasos axigantados, con boas comunicacións e a poucos minutos de Vigo. Trátase dunha zona residencial na que non había ningún centro deste tipo. Trasniños está situado nun lugar de paso para moitos traballadores da área de Vigo, xa que se encontra preto dos polígonos industriais da zona, o que fai que, dende que abriu as súas portas, a gardería teña prácticamente todas as prazas cubertas.
Para Olga Sousa, as expectativas do seu negocio pasan por seguir medrando e ir incorporando novos servizos a medida que cambien as necesidades da sociedade, adaptándose ás mesmas. Polo momento, o que Olga desexa é que Trasniños siga funcionando como ata o momento. |
|
| Última actualización ( 12/07/2007 ) |


A través do Concello de Vigo foi como coñeceu as axudas do Igape. Recibiu o asesoramento e o apoio dos técnicos do Instituto e de Bic Galicia en todos aqueles temas nos que non tiña coñecementos suficientes. Ese foi un dos maiores problemas cos que a promotora de Trasniños se atopou durante o proceso de posta en marcha da empresa; pola súa formación, Olga non contaba con coñecementos no ámbito da xestión e da empresa, un problema que puido solventar coa axuda e o asesoramento recibido no Igape, segundo explica a emprendedora.