A UE concede préstamos por 312 millóns para apoiar proxectos empresariais e novas infraestruturas PDF
O conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia reuniuse co vicepresidente do BEI e acordou a formalización de varias operacións dirixidas ao financiamento de empresas e a proxectos de infraestruturas de comunicación e sanidade. José Ramón Fernández Antonio e o presidente de Xesgalicia asinan co Fondo Europeo de Investimentos (FEI) un acordo de colaboración para ampliar as posibilidades de financiamento das pemes galegas e analizar novas fórmulas no ámbito do capital risco

ImageLuxemburgo, 9 de xaneiro de 2007.- A Xunta de Galicia e o Banco Europeo de Investimentos (BEI) acordaron hoxe a formalización de varias operacións de préstamo por importe de 312 millóns de euros nunha reunión celebrada na sede da institución financeira en Luxemburgo. O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio e o vicepresidente do BEI, Carlos da Silva Costa, celebraron un almorzo de traballo no que acordaron operacións orientadas a potenciar a cultura emprendedora, apoiar proxectos empresariais e mellorar infraestruturas nos ámbitos das comunicacións e a sanidade. Co obxectivo final de impulsar o crecemento da economía galega, as operacións que contarán co apoio do BEI perseguen aproveitar as novas posibilidades de financiamento nestas áreas. Así, no ámbito de apoio empresarial, articularase ao través do Igape, liñas de préstamo para novas iniciativas de investimento. Igualmente, no caso das infraestruturas, financiaranse proxectos de estradas e a ampliación de instalacións sanitarias. Neste sentido, ábrese a posibilidade de novas liñas de financiamento para actuacións como o hospital de Vigo, a autovía Carballo-Fisterra; ou para proxectos medioambientais e enerxéticos no ámbito do tratamento dos residuos e plantas de biomasa, entre outras cuestións.

Novas posibilidades en capital risco

Por outra banda, Xesgalicia abordará novas posibilidades de financiamento das pemes galegas a partir dunha maior colaboración coas entidades de financiamento europeas. Entre as alternativas analizadas figurará a participación no programa ‘Jeremie’ impulsado polo Fondo Europeo de Investimentos (FEI) e a cooperación en materia de capital risco. Así o avanzou o conselleiro de Economía e Facenda e presidente da xestora de capital risco dependente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, trala sinatura dun acordo co FEI –entidade filial do Banco Europeo de Investimento especializada en capital risco- para o estudo da estratexia xeral e do asesoramento financeiro necesario para a posta en marcha de novos proxectos de colaboración. Na reunión estiveron presentes por parte do organismo europeo Francis A.W. Carpenter, Chief Executive do FEI; Marc Schublin, jefe de división y responsable del programa JEREMIE; e Paola Ravacchioli, manger de investimentos e especialista en capital risco.

A análise que desenvolverá Xesgalicia co apoio do FEI ten como obxectivo o incremento das posibilidades de financiamento das pemes galegas ao través de iniciativas de cooperación que permitan aproveitar as fórmulas impulsadas pola entidade do Grupo BEI no marco da estratexia de apoio ás empresas promovida pola Unión Europea. Neste sentido, as posibilidades de creación de fondos de capital risco supón o aproveitamento de novos instrumentos para o apoio de proxectos empresariais en condicións vantaxosas. O Grupo BEI, no que está integrado o FEI, está especialmente interesado en participar en proxectos neste ámbito.

Programa Jeremie

No decurso da reunión, na que participou o director xeral de Xesgalicia, Álvaro Álvarez Blázquez, os responsables do FEI expuxeron polo miúdo o contido do programa Jeremie elaborado pola Comisión Europea e o Grupo BEI. A iniciativa, orientada a facilitar o acceso a recursos financeiros ás pequenas e medianas empresas, permitirá aos países membros a utilización de parte dos fondos estruturais para obter instrumentos financeiros especificamente dirixido ao apoio da micro, pequena e mediana empresa.

A Consellería de Economía e Facenda, ao través de Xesgalicia, amosou aos responsables do FEI o interese da Xunta de Galicia en explotar ao máximo as posibilidades de financiamento dos fondos estruturais e, en concreto, as fórmulas que permitan mellorar o acceso ao financiamento das pemes galegas nos próximos anos. Neste sentido, explicaron polo miúdo a nova estratexia de apoio empresarial da xestora galega de fondos de capital risco, inmersa nunha fonda reorientación de prioridades e instrumentos para o reforzamento do apoio ás empresas galegas.

Last Updated ( Tuesday, 23 January 2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design