| Un cento de empresas poderán beneficiarse do programa para marcas de alto potencial internacional |
|
|
O director xeral do Igape destaca que a internacionalización da economía galega require prestixiar e popularizar marcas e sectores para facer viable o necesario salto ao exterior. O número de empresas que se internacionalizan buscando apoio no Instituto medrou case nun 50% este ano. A Consellería de Economía e Industria apoia tamén o desenvolvemento e a internacionalización de marcas mediante Galicia Calidade, que engloba a aquelas que se caracterizan pola excelencia.
Santiago, 20 de outubro de 2010.- Preto dun cento de empresas poderán beneficiarse durante os próximos tres anos do programa que impulsa a Consellería de Economía e Industria para favorecer o desenvolvemento de marcas galegas de alto potencial internacional. Así o manifestou o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia durante a clausura da xornada que serviu para a presentación do Programa MAPI para Galicia, que se desenvolverá contando coa colaboración coa Asociación de Marcas Renombradas Españolas (AMRE).
Durante a súa intervención, o director do Igape destacou a vontade da Consellería de Economía e Industria para seguir impulsando novas accións e iniciativas destinadas a favorecer o necesario proceso de internacionalización das empresas galegas e o incremento das exportacións, entre as que citou a creación da rede de plataformas empresariais no exterior anunciada polo presidente da Xunta. Segundo explicou o director do Igape, temos claro que a internacionalización da economía require, ademais de apoios e servizos adecuados, prestixiar e popularizar marcas e sectores para facer viable e consolidable o necesario salto ao exterior. Por iso impulsamos iniciativas como este programa, dixo.
Incrementar o número de marcas de Galicia con notoriedade e implantación internacional é o principal obxectivo do programa sobre Marcas de Alto Potencial Internacional (MAPI), que se vai desenvolver en Galicia impulsado pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape. Mediante o programa MAPI Galicia preténdese acelerar o proceso de consolidación das marcas galegas de alto potencial internacional no exterior, reducindo os riscos inherentes ao mesmo, e contribuíndo a conseguir un maior número de marcas en disposición de actuar como embaixadoras da imaxe dos produtos e servizos galegos no exterior. Roberto Verino e José Posada (Marrón Glacés) son dúas das firmas galegas de alto potencial internacional xa adheridas ao foro de Marcas Renombradas a través do programa MAPI. Entre as firmas galegas integradas en AMRE están Adolfo Domínguez, Inditex, Zara, Pescanova, Televés, Calvo, Rodman ou Coren.
Durante a xornada, reflectiuse o apoios que, a través da Consellería de Economía e Industria, está a darse á internacionalización do tecido produtivo galego e ao incremento das exportacións. A xornada informativa desenvolvida en Vigo serviu ademais para coñecer as liñas de apoio e financiamento existentes para impulsar a internacionalización das empresas galegas. Entre outros aspectos, salientouse o importante incremento de empresas que apostan pola súa internacionalización co apoio do Igape, que superou as 700 este ano, cun incremento que roldou o 50% sobre o ano pasado.
Galicia Calidade
A Consellería de Economía e Industria apoia tamén o desenvolvemento e a internacionalización de marcas mediante Galicia Calidade, que engloba a algunhas das mellores e máis importantes enseñas de Galicia, aquelas que se caracterizan pola excelencia. Galicia Calidade conta na actualidade con 35 empresas y 110 produtos amparados, dos que el 95% pertencen ao sector alimentario, que se converte así nun ámbito estratéxico para a marca de garantía. A Consellería de Economía e Industria quere reforzar a imaxe de Galicia como garantía de calidade dun produto, unido á súa procedencia, como sinónimo de calidade, de cara a diferenciación pola excelencia dos produtos certificados e máis como xeradora de confianza e seguridade nos consumidores. O impulso á internacionalización empresarial conforma un dos eixos estratéxicos prioritarios do Plan re-Forza 2010 que impulsa a Consellería de Economía e Industria a través do Igape; o orzamento do Instituto neste ámbito medrou nun 57% e pasou de 11,4 millóns en 2009 a 18 millóns en 2010. Nos orzamentos de 2011 prevese seguir apostando en firme pola internacionalización do tecido empresarial galego.
|


