Un total de 59 empresas participan no programa “Saeómercado” para a consolidación de novas pemes PDF
A iniciativa promovida por BIC Galicia, a sociedade dependente da Consellería de Economía e Industria, desenvolverase ata outubro deste ano. O programa avanza en varias fases: formación especializada, titorización  do proceso e roldas de negocios. Conta coa colaboración de varias asociacións de emprendedores e novos empresarios.
 
 
Santiago, 14 de xuño de 2009.- A sociedade do Igape Bic Galicia vén de impulsar a posta en marcha, en colaboración con Aje Vigo, Aje Marineda e o Círculo de Xóvenes Emprendedores de Ourense, da acción de formación e asesoramento “Saeómercado 2009”, que ten como obxectivo fundamental o de acompañar ás pemes de nova creación -aquelas que teñan entre nove meses e tres anos de vida- na súa etapa de saída ao mercado para acelerar a súa consolidación e sortear os riscos do fracaso asociados á fase inicial.
 
Esta acción de apoio ten carácter gratuíto para os novos empresarios participantes e consta de tres etapas diferentes: a primeira consiste en formación especializada dirixida aos empresarios e directivos; a segunda é a de tutorización do proceso; e a terceira será unha xornada de negocios conxunta entre todos os participantes no programa. A metodoloxía de traballo é integradora e participativa; baséase na combinación de dous elementos básicos: a individualización das situacións de partida de cada un dos asistentes e a alternancia de fases de teoría e práctica.
 
O proxecto “Saeómercado” naceu no 2007 como unha experiencia piloto promovida por BIC Galicia en colaboración con Aje Vigo. Como consecuencia da receptividade encontrada entre as empresas galegas de recente creación e á vista dos bos resultados obtidos, continuou desenvolvéndose esta iniciativa o pasado ano, contando cunha participación de 37 pemes galegas de diversos sectores de actividade. Este año, o número de empresas participantes medrou en case un 60% sobre o ano anterior.
 
Os empresarios participantes no programa “Saeómercado” poderán pasar a ser beneficiarios da Rede Galega de Empresarios Mentores, tamén posta en marcha por BIC Galicia co obxectivo de transferir coñecementos e experiencias entre expertos do mundo da empresa, cunha ampla traxectoria empresarial, e empresas que aspiran a medrar, ampliar os seus mercados e mellorar a eficacia dos seus procesos.
 
BIC Galicia é unha das entidades de que dispón a Consellería de Economía e Industria para promover a creación, a promoción e o desenvolvemento de empresas innovadoras e competitivas, preparadas para xerar empleo de calidade e crecemento económico sostido. Xunto co Igape e Xesgalicia, Bic Galicia é un dos axentes activos das políticas da Xunta de Galicia para a promoción da actividade empresarial.
Última actualización ( 15/06/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design