| UPD Coordina Local forma a 500 técnicos de emprego de toda Galicia para asesorar aos emprendedores |
|
|
A Unidade de Promoción e Desenvolvemento dependente do IGAPE presta apoio e formación á rede de técnicos de emprego e axentes de desenvolvemento Local para que asesoren aos emprendedores na elaboración do seu plan de negocio. A presentación dun plan económico financeiro é fundamental para acceder a axudas públicas e ten importancia capital para a consolidación das novas iniciativas empresariais. O curso desenvólvese cunha metodoloxía mixta que compaxina parte presencial e online, contando co apoio do campus virtual de BIC Galicia.
Santiago, 12 de outubro do 2009.- A Consellería de Economía e Industria está a impulsar, a través da Unidade de Promoción e Desenvolvemento Coordina Local (UPD Coordina Local), un ambicioso plan de formación económica específica no que participan case 500 Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local, AEDL, de toda Galicia. Este plan formativo pretende afondar nos coñecementos da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia co obxectivo de mellorar a atención e mailo apoio que os axentes de Emprego prestan aos emprendedores sobre o territorio galego e axilizar, dese xeito, o deseño de novos plans de negocio viable e a implantación de novos proxectos empresariais. A UPD Coordina Local foi creada mediante unha iniciativa coordinada polas Consellerías de Economía e Industria, a través do Igape e BIC Galicia, e Traballo, co obxectivo de impulsar a creación e consolidación de novas empresas en Galicia. As xornadas formativas impulsadas pola UPD Coordina Local, que se están a desenvolver en cidades e vilas de toda Galicia, céntranse na formación económica e financeira dos AEDL, en concreto en materias relacionadas coa elaboración e comprensión do Plan Económico-Financeiro, un paso imprescindible á hora de pór en marcha un novo proxecto empresarial, e un requisito que se solicita na meirande parte das axudas e subvencións que oferta a Xunta de Galicia en xeral e, en concreto, as do Instituto Galego de Promoción Económica, dependente da Consellería de Economía e Industria.
A presente acción formativa pretende satisfacer a demanda dos propios axentes de emprego e desenvolvemento local dunha formación específica relacionada coa elaboración do plan económico-financeiro para un novo proxecto empresarial, co obxectivo de prestar un mellor servizo de asesoramento e apoio ós/ás emprendedores/as neste momento de difícil situación económica. Así, o interese da rede de técnicos de emprego queda de manifesto na cifra de inscricións; nestas accións formativas participan 495 axentes de desenvolvemento.
Por ir destinados a axentes con distintos niveis de coñecementos previos nesta materia, por mor da diversa formación universitaria do colectivo de axentes de emprego e desenvolvemento local, os cinco módulos dos que consta esta acción formativa agrúpanse en dous niveis: iniciación e avanzado, niveis polos que poden optar os participantes inscritos, que poden cursar soamente os módulos dun nivel ou ben toda a acción de xeito consecutivo. Ademais, haberá un derradeiro módulo no que se lles presentará unha nova ferramenta informática que permite desenvolver un completo plan de empresa.
A realización dun plan formativo específico para AEDL veu dada pola necesidade que se detectou logo de que os técnicos da UPD Coordina Local realizaran visitas personalizadas por todo o territorio galego, póndose en contacto cos membros da rede de técnicos de emprego de Galicia e analizando as necesidades que tiñan para desenvolver o seu labor. Estas visitas serviron, ademais, para realizar as enquisas que propiciaron a creación dunha sólida base de datos dos axentes de emprego e desenvolvemento local. Hoxe a base de datos da UPD Coordina Local conta con máis de 630 técnicos de emprego, nas súas diferentes denominacións. Técnicos aos que se lles presta servizos de apoio, coordinación, formación, información e consulta.
Metodoloxía formativa
O curso desenvólvese cunha metodoloxía mixta presencial e online, impartíndose clases presenciais en distintas localidades de Galicia e contando co apoio dun campus virtual, unha plataforma de capacitación profesional creada coa colaboración da sociedade BIC Galicia, tamén dependente da Consellería de Economía e Industria. Asemade, os técnicos contan co soporte a xeito de titoría dos técnicos que traballan na propia UPD Coordina Local, así como con actividades complementarias e material de consulta ás que poden acceder a través do campus virtual. Polo de agora, a formación presencial ten lugar nas localidades de A Coruña, Vimianzo, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Viveiro, Chantada, Ourense, Celanova, Xinzo da Limia, Vigo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa; localidades que foron escollidas atendendo ás solicitudes dos propios axentes de emprego e desenvolvemento local e tentando organizalos por proximidade xeográfica. En cada unha destas localidades celébranse dúas sesións presenciais por nivel formativo.
UPD Coordina Local A Unidade de Promoción e Desenvolvemento Coordina Local (UPD Coordina Local) desenvolve a súa actividade no ámbito da coordinación e o apoio aos axentes de promoción económica espallados polo territorio galego. É a súa función darlle cohesión á rede, divulgar e dar a coñecer o traballo que desenvolven os técnicos e ofrecerlles ferramentas e información útil para o seu labor diario. O fin último deste departamento, coma o dos propios técnicos, é incentivar e promover o proceso de posta en marcha e a consolidación de empresas. |
|
| Última actualización ( 23/11/2009 ) |


