|
O Igape destina unha partida de 630.000 euros para o financiamento da vixente campaña da uva |
|
O Igape destina 630.000 euros para o financiamento da vixente campaña da uva. As bases reguladoras da liña específica habilitada polo Instituto para axilizar os pagamentos veñen de ser publicadas no Diario Oficial de Galicia. Na campaña pasada, a liña beneficiou a 522 produtores que financiaron operacións por importe de 8,66 millóns de euros.
Santiago, 28 de novembro de 2008.- Os produtores de uva galegos poderán cobrar de xeito inmediato a súa produción deste ano grazas á liña de financiamento impulsada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en colaboración coas entidades financeiras colaboradoras e ao abeiro das correspondentes bases reguladoras, que hoxe aparecen publicadas no Diario Oficial de Galicia.
A liña habilitada polo Instituto dependente da Consellería de Economía e Facenda está destinada a facilitar o cobro áxil e sen custo das producións entregadas á industria vitivinícola. A medida evita aos produtores soportar cargas financeiras xa que o Igape asume o custo financeiro das operacións de desconto das facturas. Para cubrir este obxectivo, o Igape destina unha partida orzamentaria de ata 630.000 euros.
Na pasada campaña, esta liña financeira beneficiou a 522 viticultores das denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras, que puideron cobrar de xeito máis áxil uva por valor de 8,66 millóns de euros.
As bases que van ser publicadas no DOG regulan o obxecto, requisitos e procedemento de tramitación para a creación e posta en marcha do mecanismo destinado a facilitarlles ás Pemes galegas produtoras de uva, directamente ou a través das súas asociacións, o financiamento da venda da súa produción ás adegas e demais industrias transformadoras, mediante o desconto ou anticipo bancario de letras de cambio aceptadas, pagarés á orde, ou calquera outro documento que poida ser anticipado pola entidade financeira, asinados polos seus clientes para o pagamento de facturas emitidas desde o 1 de decembro de 2008 ata o 31 de marzo de 2009.
|
|
Última actualización ( 17/03/2009 )
|