Xener Enerxías Renovables climatiza vivendas coruñesas empregando enerxía solar térmica PDF

Tras aproveitar o servizo de asesoramento do Instituto, que os emprendedores cualifican de moi satisfactorio, decidiron acudir a unha subvención para Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica como xeito de financiamento

 
Santiago, 26 de decembro de 2006.- Ignacio Rodríguez Ponce, a comezos de 2004, decidíu investir no eido das enerxías renovables, do que é técnico titulado. Tratábase, daquela, dun sector aínda pouco explotado a nivel doméstico e descoñecido para os máis dos habitantes de A Coruña, lugar de residencia do emprendedor. Existía un mercado potencial, mais cumpría darse a coñecer antes de realizar grandes investimentos.
 

Rodríguez Ponce coñecía da existencia do Igape e, para informarse sobre as posibles vías de financiamento, acudíu ás oficinas do Instituto. Alí foi titorado ao longo de varias semanas para decidir que liñas de financiamento conviñan máis tendo en conta o sector de actividade e as características iniciais do proxecto. Neste traballo, o novo empresario, coida que as xestións do Igape foron moi oportunas, demostrando dilixencia e rapidez na tarefa de asesoramento. O emprendedor, logo dunha análise pormenorizada, decidíu optar por acudir á subvención da Xunta para Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica, porque non precisaba dun grande investimento inicial, senón que sufragaba unha porcentaxe importante dos salarios, o que permitía empezar a actividade promocional e de captación de clientes.

Deste xeito, en abril de 2004, a empresa, constituída coa axuda da devandita subvención e con achegas de capital propio e familiar, tenta implantarse na cidade de A Coruña e arredores. Segundo indica Ignacio Rodríguez os comezos foron difíciles, pois as potencialidades da enerxía solar térmica no eido doméstico eran  pouco coñecidas. O primeiro labor, o máis custoso se cadra, foi o de darse a coñecer, “ir casa por casa, visitar xente que non vai contratar os teus servizos a curto prazo... e todo sen obter beneficios económicos inmediatos”.

Mais a situación mudou nestes dous anos. O auxe das enerxías renovables a nivel global fixo que moita xente se interesase por coñecer de qué xeito podía unha enerxía como a solar, que nun principio podería parecer impropia do clima galego, incidir positivamente no benestar diario do cidadán de a pé. Dende aquela, Xener Enerxías Renovables especializaouse na climatización de vivendas a partir da enerxía solar térmicas, se ben tamén traballan co emprego da enerxía termodinámica e a xeotérmica. Xener realiza un estudo e avaliación previos das necesidades particulares da vivenda e logo procede á instalación de paneis solares que fornecen a vivenda de enerxía, habitualmente canalizada cara á calefacción, se ben os seus usos poden ser diversos. A día de hoxe a actividade da empresa, que conta con dous traballadores, é constante e presenta boas perspectivas de futuro, tanto pola boa aceptación da empresa na cidade, como polo contexto enerxético global que estimula o emprego de fontes de enerxía desta natureza.
 
De calquera xeito, Ignacio Rodríguez, aconsella paciencia e perseverancia a aqueles emprendedores que queiran introducirse no sector. Por un lado quéixase do exceso de papeleo no proceso de constitución da actividade. Logo destaca a dureza da primeira etapa do proxecto na que o traballo é moito e os beneficios inmediatos escasos. Para Ignacio, contar con fondos propios ou apoio familiar, foi fundamental para poder manter o negocio até que este empezou a dar beneficios.
Última actualización ( 22/01/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design