Xesgalicia participa en 79 empresas e dinamiza uns investimentos de case 2.000 millóns de euros PDF

A sociedade xestora dos fondos de capital risco da Xunta decidiu en 2006 investir 37,4 millóns de euros no capital de 19 empresas. Entre outras participacións, cómpre salientar os investimentos impulsados por Grupo Copo, Vieirasa, T Solar Global ou Plásticos Ferro. Xesgalicia apoia grandes investimentos e proxectos emprendedores en Galicia e respalda tamén iniciativas de internacionalización de empresas galegas

Santiago, 6 de marzo de 2007.- A sociedade xestora de fondos de capital risco da Xunta, Xesgalicia, aprobou en 2006 investimentos por 37,4 millóns de euros, cifra que multiplica por 5,6 a correspondente a 2005, cando Xesgalicia investiu no tecido empresarial galego 6,7 millóns de euros. Así, o ano pasado foi de intensa e produtiva actividade para Xesgalicia, que superou con creces  as previsións estimadas para o exercicio. Estaba previsto investir  en 12 proxectos empresariais e pechouse o ano con investimentos en 19, entre os que cómpre salientar os investimentos impulsados por Grupo Copo, Vieirasa, T Solar Global ou Plásticos Ferro. Deste xeito, Xesgalicia suma uns investimentos de 105 millóns de euros para participar no capital de 79 empresas e apoiar investimentos novos ou ampliacións de capital; as empresas participadas invisten no seu conxunto preto de 2.000 millóns.

XesGalicia está participada maioritariamente polo Igape (70%) e por Ahorro Corporación (30%). O seu obxecto social principal é a administración e xestión dos activos de Sodiga, Sociedade de Capital-Risco, e dos fondos Aquagal, Emprende e Adiante. O labor de Xesgalicia incide en todos os sectores e subsectores industriais e de servizos de apoio á industria en Galicia. Ademais, Xesgalicia apoia proxectos de investimento en servizos de desenvolvemento endóxeno, tecnoloxías avanzadas e emprendedores. Esta sociedade tamén xestiona o fondo Investimentos Estratéxicos de Galicia, Inesga. En conxunto, os fondos administrados por Xesgalicia superan os 250 millóns de euros.

O Igape, principal accionista

O importante crecemento dos investimentos aprobados por Xesgalicia foi o que motivou as recentes ampliacións de capital e tamén é o que permitirá unha máis áxil rotación dos investimentos nas empresas. En 2006, Xesgalicia aprobou  a ampliación de capital de Sodiga SCR  por importe de 27,58 millóns de euros, dos que o Igape subscribiu 12,88 millóns. O Igape é o principal accionista de Sodiga, co 46,70% do capital, seguido da Xunta de Galicia (21,55%) e das entidades financeiras Caixanova, Caixa Galicia, Banco Pastor e BBVA. En 2006 tamén se acordou a ampliación do capital do Fondo Emprende por importe de 1,899 millóns de euros (1,33 millóns subscritos polo Igape) e do Fondo Aquagal por 1 millón de euros (100% asumida polo Igape).

Os investimentos que realiza Xesgalicia teñen un prazo habitual de recuperación que oscila entre os 5 e os 8 anos, que se prevé reducir aproveitando a actual situación da economía, cando a marcha das empresas sexa xeralmente satisfactoria. Iso fai posible que, unha vez cumpridos os obxectivos das participacións susbscritas, Xesgalicia poida recuperalas, coa plusvalía correspondente, e reinvestir eses recursos en novos investimentos para cubrir así o obxectivo básico: contribuir ao crecemento do tecido empresarial galego.

A través de Xesgalicia, a Consellería de Economía e Facenda dispón agora dos instrumentos adecuados para ensamblar perfectamente coa filosofía do novo Programa marco para a innovación e a competitividade, que ten que desenvolverse a partir deste ano e que concede preponderancia ao capital risco como instrumento para apoiar a posta en marcha ou a consolidación das empresas, en particular das pemes.

Capital risco co emprendemento

Coa ampliación aprobada en 2006, o Fondo Emprende completa os 24 millóns de euros de recursos inicialmente previstos, no momento de constitución deste fondo. Isto vai permitir ao Fondo Emprende continuar coa súa liña de investimento en proxectos novos ou de expansión. A través deste fondo, Xesgalicia prevé destinar unha parte de recursos cara a proxectos que se atopen nunha fase inicial, o que habitualmente se coñece como capital semente,  algo que, en moitos casos, se fará en colaboración  con outros instrumentos de obxectivos semellantes; instrumentos como Unifondo I+D, xurdido a través dunha iniciativa da Universidade de Santiago e no que a xestora de fondos de capital risco da Xunta participa e colabora en algúns proxectos. De cara ao futuro, ben de xeito directo a través do Fondo Emprende, en colaboración con Unifondo ou con outros colaboradores, Xesgalicia continuará e potenciará esta liña de actuación. Neste eido está tamén o Fondo Aquagal, destinado a empresas do sector de acuicultura, que normalmente están impulsando proxectos con altas compoñentes de I+D, polo que é outra maneira de apoiar proxectos emprendedores.

Respaldo á internacionalización

Como froito dunha colaboración que Sodiga xa mantiña desde hai anos, Xesgalicia participa coa Compañía para o financiamento do desenvolvemento (Cofides) en algúns proxectos de internacionalización  das empresas galegas, desde o convencemento de que é crecemento que incide positivamente nas sociedades matrices, asentadas en Galicia. A través de Sodiga, de feito, Xesgalicia participa en investimentos realizados por empresas galegas en países como Brasil, Holanda, Rumanía ou Estados Unidos. Mediante un convenio subscrito polo Igape en 2006, esta colaboración con Cofides vaise a intensificar. No eido da internacionalización, Xesgalicia tamén participa no Fondo de capital risco Galicia-Norte de Portugal, que está servindo para favorecer os investimentos cruzados de empresas galegas Norte de Portugal, ata o Douro, e de empresas portuguesas en Galicia.

Última actualización ( 23/03/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design