| As xoierías galegas informatizan os seus procesos de xestión grazas ao proxecto colectivo Xoias |
|
|
Santiago, 5 de marzo de 2007.- Xoias é o tesouro do Gremio de Xoieiros, Prateiros e Relojeros da Coruña, o resultado dun proxecto embrionado hai case cinco anos, desenvolvido non sen dificultades desde hai tres, pero que non ten marcha atrás porque aposta por unha modernización imprescindible nun sector caracterizado polo minifundio e a tradición. Xoias dotou a un cento de empresas do sector dun equipamento informático básico para albergar unha ferramenta específica de xestión, no que supuxo un antes e un despois para moitas delas. A maiores ofrécelles un portal en internet como punto de encontro e espazo para o comercio electrónico. E a partir de aí un abano de solucións que, en certa medida, están por explorar. Había unha certa precariedade a nivel de informatización porque os custos para abrir unha xoiería son elevados e derívanse a outro tipo de dotacións que non só son necesarias senón tamén obrigatorias, explican no Gremio, colectivo que está pendente de elixir un novo presidente, alguén que suceda no cargo a Xosé Luís Sánchez, un dos impulsores da iniciativa xunto a Proxectos Tecnolóxicos de Galicia (Protega) e Sinerxía, firmas expertas en programación e consultoría de sistemas, que se encargaron de realizar o software de xestión; V-Mann e CLS, que se ocuparon da creación de aplicacións web e do deseño; Cinfo, especializada en xestión e recompilación de contidos e R, o operador galego de telecomunicacións a través de fibra óptica, que liderou a todo este conglomerado de empresas tecnolóxicas, que achegou capital e que se ocupa de desenvolver un produto susceptible de ser exportado máis aló de Pedrafita. Todos estes socios contaron co sostén financeiro do Igape, que a través dos fondos Feder contribuíu co diñeiro preciso para que todo botase a andar. Ademais da achega económica, o Igape marcounos os prazos para que o proxecto se fose levando a cabo, recoñecen desde o Gremio de Xoieiros.
Un cento de beneficiarios Máis dun cento de empresas do sector xoieiro en Galicia están integradas en Xoias. O obxectivo é crecer de xeito exponencial nos próximos meses e mellorar a aplicación con iniciativas como as de crear un sistema de fidelización para clientes do sector. A aplicación de xestión está a ser mellorada continuamente, recoñece Antonio Rodríguez del Corral, xerente de desenvolvemento de negocio de R. No propio portal é posible acceder ás intencións que ten o operador galego respecto de Xoias e que pasan por consolidar o sistema como un centro de noticias e información profesional, desenvolver un sistema de videovigilancia accesible e que cada usuario poida acceder vía Internet ás actualizacións precisas para mellorar o sistema. O proxecto é moi ambicioso. Trátase de cambiar non só a informática de xestión das empresas adheridas senón tamén de implantar novos modelos de negocio a través de Internet, facer business to business entre empresas. É un proceso lento, pero iso tamén é normal, explica Rodríguez del Corral. Pero no Gremio de Xoieiros móstranse firmes: Xoias é capital para que o sector dea un paso adiante que se antolla vital para levar a cabo campañas conxuntas de mercadotecnia, realizar vendas, tratar con talleres, reparadores, e ata no estudo estatístico, o almacenamento de xoias por etiqueta ou o acceso a través da rede a un catálogo común de produtos. Con todo, Xoias é algo máis que un equipamento informático ou unha nova xestión de proxectos. É unha contorna de colaboración que se plasma noutras iniciativas para o sector. A última delas une de novo aos socios do proxecto para desenvolver, co apoio da Consellería de Innovación e Industria, a través do Laboratorio Oficial de Contrastación de Metais Preciosos de Galicia, unha etiqueta electrónica para os produtos do sector, un substituto do tradicional código de barras, que servirá como sistema antirroubo e tamén para ter actualizada toda a información dos artigos de xoiería. |
|
| Última actualización ( 28/05/2007 ) |



Nin foi nin está a ser un cambio sinxelo. A adaptación a Xoias, en definitiva a informatizar os procesos de xestión, topa coa incomprensión tanto de aqueles que esperaban cambios máis rápidos como dos que se resisten ás variacións. Realizamos presentacións e cursos de formación por toda Galicia e en diferentes asociacións de almacenistas, comerciantes polo miúdo e sempre existen lagoas ao principio, explican no Gremio de Xoieiros, Prateiros e Relojeros da Coruña, onde se declaran satisfeitos pola marcha dun proxecto que segue aberto: Isto é como todo, os pioneiros foron os sufridores. Xoias foi como un bebé que naceu hai tres anos e que aos poucos crece. Sabiamos que o proceso ía ser longo, primeiro desde un punto de vista de resolver as cuestións técnicas, logo con todo o que supón a implantación. Agora os profesionais que o teñen instalado están, en xeral, contentos porque ademais teñen á súa disposición un centro de chamadas, un servizo que lles resolve dúbidas, e outro que lles axuda no mantemento dos equipos, aseguran. 