Novas xornadas informativas sobre préstamos para proxectos innovadores e iniciativas emprendedoras PDF
As catro cidades do norte galego, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo, acollerán os vindeiros días 28 e 29 de novembro xornadas que informarán dos novos préstamos destinados ao financiamento de proxectos innovadores e iniciativas emprendedoras. Os interesados poden solicitar máis información no teléfono 902 300 903 ou confirmar a súa asistencia na web xornadas.igape.es

Santiago, 23 de novembro de 2006.- Achegar aos potenciais investidores información acerca das novas liñas de préstamo habilitadas para o financiamento de iniciativas emprendedoras ou proxectos innovadores impulsados por pemes,  ese é o obxectivo das xornadas informativas organizadas polo Igape que se desenvolverán en Santiago, Ferrol, Lugo e A Coruña os próximos días 28 e 29 de novembro.

Mediante estes programas de financiamento, os promotores das novas iniciativas empresariais poderán dispor de préstamos en condicións preferentes ao abeiro dos correspondentes convenios asinados polo instituto coas entidades financeiras e as sociedades galegas de garantía recíproca (SGR).

Os novos programas de apoio para emprendedores e iniciativas innovadoras fan posible a concesión de préstamos por contías comprendidas entre 25.000 e 120.000 euros cun prazo de amortización de entre 5 e 7 anos, incluíndo ata un de carencia, sen gastos nin comisións e con xuros definidos polo euribor a seis meses máis un tipo adicional de 0,25 puntos. O xuro nominal para este semestre é do 3,30%. Os proxectos deberán ser presentados antes do 31 de decembro de 2006.

As xornadas informativas celebraranse en Santiago, na sede da Confederación de Empresarios de Galicia, e en Ferrol, na Cámara de Comercio, o día 28 a partir das 20.30 horas. O día 29, os encontros terán lugar na Confederación de Empresarios de Lugo e na sede da Cámara de Comercio en A Coruña, á mesma hora.

Os interesados en participar nas xornadas poden solicitar máis información ou confirmar a súa asistencia no teléfono 902 300 903 ou na web xornadas.igape.es.

Última actualización ( 19/01/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design