| A Xunta impulsa un modelo de cooperación para apoiar plans plurianuais de agrupacións innovadoras |
|
|
O Porriño (Pontevedra), 15 de decembro de 2006.- O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) porá en marcha en próximas datas unha liña de apoio aos clústers e agrupacións empresariais dirixida a impulsar as fórmulas de cooperación nos sectores produtivos galegos e fomentar as estratexias de innovación, de desenvolvemento tecnolóxico e de internacionalización nas empresas galegas. A iniciativa, anunciada hoxe polo conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, persegue potenciar elementos chave para incrementar a produtividade das empresas e a competitividade da economía e a Comunidade no seu conxunto. É necesaria a selección e concentración de esforzos, así como fomentar a transversalidade das iniciativas que poñan en valor as redes de coñecemento, os intanxibeis e a cooperación empresarial, explicou o conselleiro.
Convenio co Clúster de Automoción O primeiro exemplo dese novo modelo de relacións entre as iniciativas empresariais e a Administración galega dase, precisamente, co Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), recentemente constituida en Fundación, e que asinou hoxe un convenio de colaboración co Igape para o desenvolvemento do Plan Estratéxico de Automoción (PESA) 2007-2011. Mediante este acordo, o Instituto dependente da Consellería de Economía e Facenda colaborará activamente no desenvolvemento do PESA durante os cinco anos do plan nos distintos programas do mesmo. O convenio asinado hoxe servirá como punta de lanza dunha nova forma de apoiar o tecido empresarial galego, explicou o conselleiro. Trátase, segundo engadiu, dun reforzo transversal e selectivo, por áreas de actividade empresarial e mediante factores como a innovacion ou o capital humano. O PESA contempla o desenvolvemento coordinado de proxectos en materia de coordinación estratéxica do sector, de coordinación comercial, de imaxe e comunicación, de cadea de subministros, de recursos humanos e de infraestruturas. O convenio asinado contempla unha achega pública de 1,66 millóns de euros en 2007, o que supón o 50% do financiamento para as actuacións previstas na primeira anualidade. Na súa totalidade, o PESA prevé investimentos por valor superior aos 27 millóns de euros. Fórmula novidosa e transversal Entre as vantaxes do partenariado público-privado que recolle o convenio figura tamén o seu potencial como proxecto piloto e transversal para iniciativas destas características noutros sectores e territorios. A vocación de transversalidade deste acordo permitirá que o excelente sector galego de automoción sirva de xerme para que ó redor medre un tecido empresarial excelente, y para que na Comunidade no seu conxunto se asente a vía da excelencia, explico Fernández Antonio. A fórmula, engadiu, e novidosa e será a axeitada para favorecer o crecemento, a aparición de novas empresas, o desenvolvemento das cadeas de valor; e tamén para a atracción de investimento, concluiu. |
|
| Última actualización ( 27/02/2007 ) |


A sinatura do convenio entre o Igape e a Fundación Ceaga supón o inicio dun novo modelo de cooperación entre o sector público e o privado para o desenvolvemento de plans estratéxicos plurianuais.O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, anunciou a posta en marcha dunha nova liña de apoios aos clústers que permitirá multiplicar os efectos da cooperación empresarial
Nese sentido, a posta en marcha dunha nova liña de apoio as agrupacións empresariais innovadoras (AEI´s), supón un salto cualitativo na implicación da Administración no desenvolvemento dos sectores de interése preferente para a economía galega. Neste momento, engadiu o conselleiro, o Igape xa está a traballar nun programa específico para identificación das agrupacións innovadoras representativas dos sectores de interese estratéxico. Entre os sectores con potencial para o desenvolvemento de iniciativas cooperativas, o conselleiro citou os maduros como o alimantario, o da moda, a pedra natural ou o naval-; e outros emerxentes ou de alto potencial como o de biotecnoloxía, as enerxías renovables, audiovisual, náutica deportiva e de recreo ou a aeronáutica.