IG220 - ADQUISICIÓN DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS EN MATERIA DE INTERNACIONALIZACIÓN EMPRESARIAL (2024)
-
Documentos de interese:
- Resolución do 11 de xuño de 2024 (DOG Nº120 do 21/06/2024) - Bases reguladoras
- Extracto das bases
- Infografía
- Corrección de erros do extracto (DOG Nº121 do 24/06/2024)
- Acta 1 - Designación comité de selección (publicada 24/06/2024)
- Acta 2 - Convocatoria probas de idioma (publicada 24/06/2024)
- Acta 3 - Sobre acreditación do nivel de idiomas e certificados admitidos (publicada 25/06/2024)
- Acta 4 - Acreditación dos títulos de grao universitario obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois (publicada 08/07/2024)
- Acta 5 - Sobre os certificados de idiomas admitidos (Art. 4.4 e 5.2) e previsión de horarios da proba de idiomas do 24 de xullo (publidada 18/07/2024)
- Acta 6 - Previsión de datas para a entrevista persoal (publicada 29/07/2024)
- Acta 7 - Resultados probas de idiomas, certificados admitidos, quenda entrevista e destino provisional (publicada 08/08/2024)
- Acta 8 - Lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas e puntuación obtida (publicada 16/09/2024)
- Acta 9 - Lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas e puntuación - Corrección de erros (publicada 17/09/2024)
- Acta 10 - Certificados de idioma admitidos e baremación de graos (publicada 30/09/2024)
- Listaxe de candidatos admitidos con asignación de destinos e dotacións (publicada 10/10/2024)
Finalidade / Obxectivo
O obxecto destas bases é a convocatoria de 50 prazas para a capacitación de profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.
Tipos de apoio
Concesión en réxime de concorrencia.
Beneficiarios potenciais
* Requisitos das persoas solicitantes
1. Ter menos de 35 anos na data de presentación da solicitude.
2. Ser nacido en Galicia e estar nacionalizado nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con un ano de antigüidade á data de publicación destas bases.
3. Estar en posesión dalgunha titulación universitaria superior de grao e que permita o acceso aos estudos oficiais de Máster Universitario:
i. Título universitario oficial de Graduada ou Graduado español;
ii. Títulos procedentes de sistemas educativos que non formen parte do EEES, que equivalan ao título de Grao. Así mesmo, é imprescindible acreditar un mínimo de 240 ECTS en todos os casos. A titulación pódese obter e acreditar ata 5 días despois da publicación da resolución de concesión, a non presentación suporá a imposibilidade de ser persoa beneficiaria da bolsa.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español antes de que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Polo que se refire aos títulos de máster non se require que estean homologados.
4. Coñecementos de inglés (falado e escrito).
Deberá acreditarse o nivel mínimo de idioma inglés B1. Esta capacidade acreditarase mediante unha das dúas opcións seguintes:
a) A realización dun exame no que os aspirantes deberán demostrar como mínimo nivel B1 do marco común europeo de referencia para as linguas.
b) Achegar algún dos certificados de idioma inglés relacionados no Anexo III destas bases, sempre que o mesmo teña menos de tres anos de antigüidade na data de fin de prazo de presentación de solicitudes.
5. Cumprir os requisitos do art. 10 da Lei 9/2007 para ser considerada persoa beneficiaria de subvencións.
6. Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciaran a elas con posterioridade ou lles fora determinado un incumprimento total.
7. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración Pública da Comunidade Autónoma.
8. Achegar declaración responsable de data posterior á publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia onde conste que a persoa solicitante non padece enfermidade nin limitación física ou psíquica incompatible coa realización das actividades que constitúen o obxecto da bolsa.
9. Non ter antecedentes penais, nin estar incurso en causa penal con medidas cautelares que puidesen impedir o normal desenvolvemento da bolsa.
Requisitos principais do proxecto
• Condicións da bolsa:
1. Duración.
A duración da bolsa establécese nun máximo de once meses contados desde xaneiro a decembro de 2025, prorrogables, se é o caso, a petición da persoa bolseira, por un máximo de 11 meses adicionais e sen exceder nunca o 30 de decembro de 2026, en función da necesidade de finalizar ou completar unha parte da formación que xa tivese comezado ou estivese a piques de comezar.
2. Destino.
O Igape convenia con entidades e/ou organismos oficiais relacionados coa internacionalización empresarial destinos no ámbito de Galicia e no ámbito internacional. Os destinos poderán ser polo tanto en Galicia ou no estranxeiro, sempre en entidades que teñan unha compoñente esencial de traballo na internacionalización empresarial.
A asignación de destinos será realizada polo Igape atendendo ás características dos aspirantes e as particularidades das entidades de acollida.
Algúns destinos poden presentar requisitos específicos e restritivos sobre as características das persoas bolseiras que aceptan, requisitos xeralmente imprescindibles e marcados pola entidade de acollida. Estes requisitos e características serán tidos en conta á hora da asignación dos bolseiros a destino.
Son requisitos específicos, entre outros posibles, que poden condicionar a asignación de destinos os seguintes:
* Oficinas Comerciais de España no Exterior:
- Ter nacido non antes do 1 de febreiro de 1996.
- Posuír un nivel de idioma inglés non inferior a B2.
- Un determinado nivel doutros idiomas nalgúns países.
Outros idiomas.
Opcionalmente, os candidatos, ademais de examinarse de inglés, poderán indicar na solicitude ata tres idiomas adicionais dos que queiran examinarse. Os idiomas adicionais dispoñibles son: chinés, alemán e francés. O exame non será necesario se se pode acreditar o nivel de idioma achegando certificado do idioma correspondente segundo o cadro de equivalencias incluído no Anexo III sempre e cando o dito certificado teña menos de tres anos de antigüidade na data de fin de prazo de presentación de solicitudes.
O Igape resérvase a posibilidade de cambiar as datas de incorporación, os destinos dos bolseiros e a dotación correspondente, no caso de concorrer causa xustificada.
3. Desenvolvemento da bolsa.
A persoa bolseira deberá aterse aos horarios e á normativa interna de funcionamento das entidades de acollida. No caso de peche das entidades en períodos vacacionais (non festivos) a persoa bolseira debe informar ao Igape para que lle asigne tarefas alternativas que contribúan á súa formación.
4. Programa de formación.
A formación que recibirán as persoas bolseiras abrangue:
a) Análise e investigación de mercados, estudo de sectores económicos de mercados estranxeiros.
b) Análise dos puntos fortes, debilidades, ameazas e oportunidades dos diferentes sectores estratéxicos de Galicia en relación á súa internacionalización.
c) Estudo das distintas formas de introdución nos mercados estranxeiros e estratexias de internacionalización empresarial.
d) Para completar a dita formación, o bolseiro/a contará co apoio do seu titor no organismo de destino e dunha persoa no Igape a quen lles poderá dirixir as súas dúbidas e preguntas.
e) A formación poderá implicar visitas a empresas ou organismos que serán realizadas polas persoas bolseiras a través dos seus propios medios (con reintegro dos gastos de desprazamento segundo o indicado no artigo 6.2.)
f) O Igape poderá organizar cursos de formación, presencial ou online. A asistencia aos cursos é obrigatoria para o desfrute e aceptación da bolsa, incluso por parte de aquelas persoas bolseiras que estiveran nun posto de reserva.
Cualificación requerida do proxecto
O comité de selección realizará unha lista provisional de candidatos segundo a puntuación conforme o seguinte baremo:
a) Proba de inglés ou certificado válido (nivel C1: 5 puntos, nivel C2: 10 puntos).
b) Resultado proba ou certificado válido de idioma adicional 1 (nivel B2: 6 puntos; nivel C1: 8 puntos; nivel C2: 10 puntos).
c) Resultado proba ou certificado válido de idioma adicional 2 (nivel B2: 6 puntos; nivel C1: 8 puntos; nivel C2: 10 puntos).
d) Resultado proba ou certificado válido de idioma adicional 3 (nivel B2: 6 puntos; nivel C1: 8 puntos; nivel C2: 10 puntos).
e) Outorgaranse 20 puntos aos graduados en calquera das seguintes ramas de coñecemento: Administración e Dirección de Empresas, Ciencias do Transporte e Loxística, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Empresariais, Ciencias Políticas, Comercio, Comercio Exterior, Dereito, Dirección e Creación de Empresa, Dirección de Empresas-BBA, Dirección Financeira e Contabilidade, Economía, Enxeñaría, Estatística e Empresa, Márketing e Dirección Comercial, Márketing e Investigación de Mercados, Relacións Internacionais, Matemáticas, Física, Química.
f) Formación específica de posgrao en comercio exterior (máximo 20 puntos neste apartado. Obterá 5 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 10 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 20 puntos por máster en Comercio Internacional, MBA, máster en Marketing, Marketing Dixital, Marketing Online ou similar.
Polo que se refire a esta formación pode esixirse por parte de Igape información adicional para a súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario do curso, formadores...).
g) Outra formación de posgrao relacionada coa xestión empresarial (máximo 15 puntos neste apartado). Obterá 2 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 4 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 10 puntos por máster. Polo que se refire a esta formación pode esixirse por parte de Igape información adicional para a súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario do curso, formadores...).
Para os cursos de formación incluídos nos apartados f) e g), a puntuación máxima para cursos realizados online, independentemente do número de cursos realizados, será de 10 puntos.
h) Entrevista persoal realizada por persoal da Área de Internacionalización do Igape, a puntuación máxima será de 5 puntos.
A entrevista poderá realizarse en calquera dos idiomas que o aspirante indicase que fala e coñece, e versará sobre temas de comercio internacional, economía en xeral, coñecementos xerais sobre mercados e países e poderá incluír tamén cuestións sobre o perfil e currículo da persoa solicitante. A entrevista estará encamiñada a valorar a capacidade e aptitude da persoa candidata, así como as características e idoneidade de destino. Soamente accederán á entrevista aquelas persoas candidatas que cumpran cos requisitos mínimos esixidos no artigo 4. A entrevista poderá desenvolverse de xeito online ou presencial e a non presentación á mesma suporá a exclusión do proceso de selección, salvo causa de forza maior.
No caso de alegacións á lista provisional que publique o Igape que supoñan que a persoa solicitante en cuestión modifique a súa condición de non apto a apto o Igape proporá unha data para realizar a entrevista á devandita persoa solicitante.
A suma total das puntuacións será como máximo de 100 puntos.
A lista provisional de candidatos admitidos coa súa correspondente asignación de destinos e dotacións das bolsas, publicarase na páxina web do Igape, https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, e abrirase un prazo de 5 días hábiles para que os interesados poidan presentar alegacións.
A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Investimentos ou gastos computables
O Igape poderá aplicar a compensación entre as partidas de gastos dos apartados a), b), c) e d) seguintes cando as necesidades de gasto de cada bolseiro/a en relación coas accións a desenvolver no programa así o aconsellen para o correcto desenvolvemento do mesmo:
a) Gastos de viaxe por mor da incorporación a destino.
1. Desprazamento: Só gastos en transporte público. Gastos de ida e volta. Non se compensarán gastos de volta cando se produza unha renuncia antes de cumprirse os 6 meses de incorporación a destino. Os gastos a compensar en caso de renuncia entre os 6 meses e o fin real da bolsa serán prorrateados proporcionalmente aos meses disfrutados. Non serán subvencionables os envíos de maletas ou paquetes a maiores dos incluídos no transporte contratado.
2. Aloxamento. Gastos de hotel en tránsito ou á chegada ao destino asignado ata un máximo de 2 pernoitas, en réxime de aloxamento e almorzo.
3. Gastos de taxas de visado.
4. Gastos de renovación de pasaporte por esixencias particulares do destino.
Estes gastos a) terán unha limitación máxima de 1.500€ na incorporación a destino dentro do mesmo continente e de 3.000€ no caso de incorporarse a un destino en continente distinto ao de orixe.
b) Outros gastos comúns no desenvolvemento da bolsa, sempre que sexan previamente autorizados polo Igape:
1. Gastos de desprazamento por asistencia a eventos ou visitas a empresas, só serán admisibles gastos de desprazamento en transporte público, excepto en Galicia onde se admitirá a compensación por quilometraxe de vehículo propio, autopista e aparcadoiro. Neste caso o quilómetro compensarase a 0,26€.
2. Gastos de aloxamento por asistencia a eventos ou visitas a empresas.
3. Gastos de dietas vinculados á asistencia a un evento ou acción autorizados co límite establecido no anexo IV por cada país e día.
4. Gastos de cursos de idiomas de uso oficial no país de destino e excluído o idioma inglés.
5. Gastos de tarxetas de negocio.
6.Outros, que se consideren esenciais para o desenvolvemento da bolsa.
Estes gastos b) terán un límite de 2.000€ para o primeiro semestre da bolsa, límite que poderá ser revisado a efectos de novas dotacións semestrais segundo a execución do semestre anterior e previa solicitude motivada (anexo II) ata 1.000€.
c) Gastos de seguro de accidentes e enfermidades no caso de bolsas con destinos no estranxeiro e cun límite de ata 1.000€.
d) Gastos de compra dun ordenador portátil, así como rato e auriculares, segundo as condicións establecidas no artigo 16.i, cun límite de 1.000€. En caso de renuncia antes de 6 meses dende o inicio da bolsa, o Igape reclamará na liquidación por renuncia o 100% da súa aportación ao coste do portátil e a parte proporcional no caso de renuncia dende os 6 meses ata cumprir un ano da bolsa.
Todos estes gastos deberán estar expresamente autorizados e serán compensados contra presentación dos correspondentes xustificantes de gasto (facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque, etc.).
Unha vez incorporados aos destinos indicados na resolución, no caso de cambio de destino -mediante nova resolución que implique máis dunha viaxe de ida e retorno previstos na dotación da bolsa, no período inicial ou no período de prórroga- o Igape aboará á persoa bolseira os gastos de desprazamento mediante avión, tren ou autobús e gastos de hotel. Estes importes -ao ser circunstancias excepcionais- non están incluídos dentro do límite máximo da bolsa.
Só se admitirán pagos en efectivo para gastos de importe inferior a 300 euros, xustificando o pagamento mediante recibín do provedor.
Contía das axudas
1. Para a dotación (tanto para a dotación inicial como para a prórroga) terase en consideración os índices do custo de vida das distintas cidades de destino das bolsas, segundo criterios establecidos polo ICEX.
2. O importe máximo de dotación por persoa bolseira é de 52.500€ por un período de 11 meses ou a súa parte proporcional en función do período da bolsa. As dotacións variarán segundo o destino e o número de meses de estancia en Galicia e no estranxeiro. Desta subvención detraeranse a correspondente retención fiscal e a cota por cotización á Seguridade Social aplicables segundo a lexislación vixente.
Considéranse incluídos dentro do importe da dotación da bolsa -e dentro do límite máximo dos 52.500 €- todos os gastos en que teña que incorrer a persoa bolseira para o seu desenvolvemento.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ao día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será de un mes contado dende as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo dun mes. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicio do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Incompatibilidades
As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro/a. Así mesmo, son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.
Referencia lexislativa
Resolución do 11 de xuño de 2024 (DOG Nº120 do 21/06/2024) - Bases reguladoras
Extracto da Resolución
Corrección de erros do extracto (DOG Nº121 do 24/06/2024)
Información e tramitación
* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]
*Tramitación:
1. Para presentar a solicitude, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.
2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos.
A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado.
Xunto coa solicitude deberán achegar a seguinte documentación:
1. Acreditación dos requisitos mínimos segundo o artigo 4 das bases.
a. Currículo vitae.
b. Copia do pasaporte no caso de que o solicitante sexa estranxeiro e non teña o número de identificación de estranxeiría (NIE).
c. Xustificante de ter pagadas as taxas para a obtención do título de estudos universitarios acadado segundo o expresado no artigo 4.3, en defecto do título. A titulación pódese obter e acreditar ata 5 días despois da publicación da resolución de concesión, a non presentación suporá a imposibilidade de ser persoa beneficiaria da bolsa.
No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha copia da homologación concedida polo Ministerio de Educación español (isto non se require para os títulos de máster).
d. Se fose o caso, certificado sobre o nivel do idioma inglés.
e.Declaración responsable de data posterior á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia onde conste que a persoa solicitante non padece enfermidade nin limitación física ou psíquica incompatible coa realización das actividades que constitúen o obxecto da bolsa.
2. Acreditación doutros requisitos baremables segundo o artigo 12.2 das bases:
a. Acreditación, se é o caso, da formación específica de posgrao en comercio exterior segundo o expresado no artigo 12.2.f): copia do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude, agás os másters citados no artigo 12.2.f) que poderán estar finalizados ata o 30 de xullo de 2024 e deberán estar incluídos na solicitude no prazo de 7 días a contar dende esa data.
b. Acreditación, se é o caso, doutra formación de posgrao segundo o expresado no artigo 12.2.g): copia do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.
c. Se fose o caso certificados relativos ao nivel de idiomas segundo o estipulado no artigo 5.2.
Todas as persoas aspirantes que presentasen a súa solicitude dentro do prazo establecido na resolución da convocatoria, serán convocadas a probas eliminatorias de inglés e dos idiomas adicionais indicados na solicitude (chinés, alemán e/ou francés), agás que acheguen certificado de idiomas segundo o Anexo III, con menos de tres anos de antigüidade na data de fin de prazo de presentación de solicitudes.
Todas as persoas candidatas deberán superar ou certificar polo menos un nivel B1 de inglés, así como un nivel superior do idioma inglés ou adicionais, de ser o caso, para ser elixibles para a incorporación a aqueles destinos que poidan esixir características máis restritivas como os nomeados no artigo 5.2.
Os aspirantes que non comparezan ou non acaden a cualificación de apto B1 na proba de inglés ou non acheguen certificado do idioma inglés cun nivel B1 segundo o Anexo III quedarán excluídos do proceso de selección.
As probas de idiomas constarán dunha parte escrita e outra oral, nas datas, horarios e lugares de realización que se comunicarán no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape, cun mínimo de cinco días de antelación e poderán celebrarse en calquera data a partir do día seguinte á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. As probas de idiomas terán lugar en Santiago de Compostela, correndo por conta da persoa solicitante, se é o caso, os gastos de desprazamento, estadía e manutención.
Observacións
O prazo de execución das bolsas rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de decembro do 2026.
O bolseiro/a deberá solicitar o pagamento da bolsa nos quince días hábiles seguintes ao cumprimento de cada período de pagamento indicado nos artigos 18.1 e 18.2., excepto o pago do anticipo do primeiro ano que se fará de xeito automático coa resolución de concesión da bolsa.