O comercio de proximidade pode solicitar a partir de mañá as novas axudas da Xunta para a dixitalización dos seus establecementos e servizos

Martes, 28 Febreiro 2023 13:04
  • Cun orzamento de 3 M€, estes apoios financian, entre outras actividades, márketing dixital, servizos de loxística ou xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos.
  • Conde apunta que seis dos concellos da comarca do Salnés son Concellos Emprendedores: Vilagarcía de Arousa, Cambados, Meaño, Ribadumia e Vilanova de Arousa.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou hoxe de que, desde mañá, o comercio de proximidade e obradoiros artesáns xa poden solicitar as novas axudas da Xunta de Galicia para incentivar a dixitalización dos seus establecementos e servizos.

Nun encontro dentro do ciclo Networking Galicia Empresaorganizado en colaboración coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, Conde explicou que o orzamento é de 3 millóns de euros para financiar, entre outras accións, márketing dixital, servizos de loxística, posicionamento a través de páxinas web, ou a xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos, para o cal as axudas poden ser de ata 5.600 euros.

Segundo dixo durante esta xuntanza co tecido empresarial en Vilagarcía de Arousa, trátase dunha liña de apoios para fomentar que o sector do comercio e da artesanía poidan aproveitar todas as vantaxes da tecnoloxía e a venda en liña para poder estar dispoñibles os 365 días do ano en calquera lugar do mundo.

Conde subliñou que a dixitalización e a sustentabilidade son dous retos que afronta o tecido empresarial galego e que a Xunta traballa para que as empresas e os autónomos atopen un camiño fácil para desenvolver os seus plans de negocio. Nese sentido, mencionou a Lei de simplificación administrativa e os servizos da Oficina Galicia Empresa como instrumentos de acompañamento aos sectores económicos en Galicia. Tamén apuntou que seis dos concellos da comarca son Concellos Emprendedores: Vilagarcía de Arousa, Cambados, Meaño, Ribadumia e Vilanova de Arousa.

O vicepresidente económico precisou que en xaneiro se crearon en Galicia un 6,49 % máis de empresas en comparación co mesmo mes de 2022, 22 máis. No que se refire á provincia de Pontevedra, a suba é case do 30 %, con 35 novas sociedades. E, en toda a comarca do Salnés foron 21, cun crecemento do 23,5 %.

Conde concluíu poñendo en valor o récord histórico que bateron as exportacións galegas en 2022, con case 30.000 millóns de euros, un 18,3 % máis que no ano anterior. Na provincia de Pontevedra a suba foi do 8,3 %, ata acadar os 13.073 millóns de euros, que representan o 3,4 % do total das exportacións do conxunto de España.

  • Lorenzana avoga por seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto en exportacións como en captación de investimentos
    Ler máis
  • A Oficina Económica de Galicia recibe a visita dos alumnos de deseño, moble e carpintería do IES de Melide
    Ler máis
  • Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis