Galicia reforza as relacións comerciais con China cun novo acordo coa Cámara de Comercio e Industria do país asiático Foto de Nothing Ahead de Pexels

Galicia reforza as relacións comerciais con China cun novo acordo coa Cámara de Comercio e Industria do país asiático

Luns, 10 Xullo 2023 11:05
  • Asinado no transcurso dunha viaxe a China levada a cabo estes días por representantes do Igape, dá continuidade ao impulsado no 2018, que fixo de Galicia a primeira Comunidade autónoma en contar cun memorando destas características cunha das cámaras de comercio máis importantes do país que agrupa máis de 10.000 empresas
  • O obxectivo é promover o aumento do comercio e o investimento entre a industria de maquinaria e electrónica de ambos os dous países
  • As dúas partes comprométense a organizar misións comerciais, potenciar a cooperación comercial bilateral a través do intercambio de información comercial e servizos de consultaría mutuos, ou á elaboración dunha listaxe de provedores recomendados e dun calendario coas principais feiras comerciais internacionais que se celebran nos dous países
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2023
 

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, vén de asinar un novo acordo de colaboración coa Cámara de Comercio para a importación e exportación de maquinaria e produtos electrónicos de China que busca afianzar as relacións comerciais entre Galicia e o país asiático.

Este memorando, asinado no transcurso dunha viaxe a China que levaron a cabo representantes do Igape, reforza o interese recíproco tanto de Galicia como de China por dar novos pasos para consolidar as relacións bilaterais entre ambas as dúas economías. De feito, China foi en 2022 o primeiro destino en Asia das exportacións galegas, e un dos máis importantes fóra de Europa, experimentando un incremento do 6,7 % con respecto ao ano anterior ata acadar os 223 M€.

O acordo dá continuidade ao asinado no 2018, que fixo de Galicia a primeira Comunidade autónoma en contar cun memorando destas características cunha das cámaras de comercio máis importantes do país que agrupa máis de 10.000 empresas.

O memorando recolle unha serie de compromisos que se renovan para promover o aumento do comercio e o investimento entre a industria de maquinaria e electrónica dos dous países.

Así, ambas as dúas partes comprométense a organizar misións comerciais, potenciar a cooperación comercial bilateral a través do intercambio de información comercial e servizos de consultaría mutuos, ou á elaboración dunha listaxe de provedores recomendados e dun calendario coas principais feiras comerciais internacionais que se celebran nos dous países.

 

Investimentos en Galicia

O acordo configúrase como unha oportunidade tanto para que as empresas galegas poidan abrir os seus mercados como para recibir novos investimentos cara a Galicia. Neste sentido, a viaxe levada a cabo polos representantes do Igape permitiu tamén avanzar nos grandes proxectos de investimento previstos en Galicia por parte de empresas chinesas, como é o caso da factoría de pneumáticos de Sentury que se prevé poñer en marcha nas Pontes.

Así mesmo, a viaxe facilitou o seguimento doutras posibles iniciativas, como a da empresa BYD, que está analizando un forte investimento na súa primeira fábrica de vehículos eléctricos en Europa, e a empresa Tsingshan que busca a implantación dunha fábrica de baterías para impulsar vehículos eléctricos.

A viaxe é froito das relacións impulsadas estes últimos anos pola Consellería de Economía, Industria e Innovación e incluíu, ademais, distintas reunións con outras empresas de automoción chinesas coas que se vén mantendo o contacto, así como coa empresa Bright Foods, matriz de Conservas Albo.

 
  • Lorenzana avoga por seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto en exportacións como en captación de investimentos
    Ler máis
  • A Oficina Económica de Galicia recibe a visita dos alumnos de deseño, moble e carpintería do IES de Melide
    Ler máis
  • Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis