Conde apela á planificación e ao traballo coordinado de empresas e administracións para impulsar a transformación sustentable e dixital de Galicia

Luns, 14 Febreiro 2022 14:26

Pon en valor o xeito en que a economía galega está respondendo ao impacto da pandemia, con cifras récord en exportacións e no Índice de Produción Industrial

A Coruña, 11 de febreiro de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apelou hoxe á planificación e ao traballo coordinado de empresas e administracións para impulsar a transformación dixital e sustentable de Galicia no marco dos fondos europeos Next Generation.

O vicepresidente económico pronunciou hoxe unha conferencia na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña onde puxo en valor o xeito en que a economía galega está respondendo ao impacto da pandemia. Apuntou, así, que, á espera de coñecer os datos de decembro, Galicia xa bateu o seu récord de exportacións cun volume de máis de 23.100M€. Tamén destacou que o Índice de Produción Industrial creceu na Comunidade un 8,2% en 2021 fronte ao 7% da medida estatal, o que supón o maior aumento de toda a serie histórica. E salientou que Galicia xa recuperou os niveis de creación de emprego previos á pandemia.

Conde subliñou que é o momento de apostar polas enerxías renovables e polo binomio industria-sustentabilidade. “Estamos nun punto de inflexión que nos sitúa ante un novo mix enerxético”, dixo. Galicia, lembrou, foi “a primeira e un referente na eólica terrestre, na hidroeléctrica e na biomasa e o reto agora está en seguir ese camiño coas novas tecnoloxías: o hidróxeno verde, a economía circular, o biogás, o almacenamento enerxético ou a eólica mariña”.

O vicepresidente económico remarcou o papel relevante que vai ter a I+D+i e a tecnoloxía para facer posible a transformación dixital do tecido produtivo. E, nese sentido, apuntou que o obxectivo está en impulsar a transferencia de coñecemento desde os centros tecnolóxicos e de investigación para contar con empresas e industrias máis innovadoras. Por iso un dos obxectivos das políticas de innovación da Xunta é crear redes de colaboración entre o tecido empresarial, a Administración e os axentes que conforman o sistema galego de I+D+i a través da innovación aberta.

Neste contexto, puxo de manifesto a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation, para os que Galicia xa ten elaborado unha candidatura de proxectos tractores de novas industrias que permitan, por exemplo, obter fibras téxtiles a partir da celulosa da madeira, biocombustibles a partir do purín ou hidróxeno verde. E proxectos viables para seguir avanzando no coche autónomo, en novos produtos alimentarios, na medicina personalizada ou no sector dos vehículos aéreos non tripulados. “Na medida que poidamos acceder a ese fondos, máis oportunidades poderemos abrir nas cadeas de valor; é dicir, nas pemes”, aseverou.

Conde concluíu destacando a importancia do talento porque, segundo asegurou, cambiar de paradigma e optar por un modelo de crecemento baseado na innovación, na I+D e na sustentabilidae precisa coñecemento e o coñecemento, engadiu, reside nas persoas. Esta aposta polo talento, dixo, é unha fonte de emprego cualificado e un atractivo para novas industrias e investimentos.

 

  • Lorenzana avoga por seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto en exportacións como en captación de investimentos
    Ler máis
  • A Oficina Económica de Galicia recibe a visita dos alumnos de deseño, moble e carpintería do IES de Melide
    Ler máis
  • Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis