Lorenzana destaca o peso do sector do viño na marca Galicia Calidade, o 20 % dos produtos acreditados con este selo

Sábado, 13 Xaneiro 2024 19:00
  • Apunta que 22 adegas e máis de 170 viños das cinco denominacións de orixe galegas levan a marca Galicia Calidade

Meis (Pontevedra), 13 de xaneiro de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que o 20 por cento dos produtos acreditados coa marca Galicia Calidade pertencen ao sector vitivinícola, con 22 adegas e máis de 170 viños das cinco denominacións de orixe galegas acreditadas con este selo.

Lorenzana puxo en valor estas cifras nunha visita que realizou ás instalacións da empresa Terra de Asorei, unha agrupación de seis adegas familiares con 60 hectáreas de viñedos propios no Val do Salnés que comercializa os seus albariños en máis dunha vintena de países. Foille outorgada a certificación de Galicia Calidade no ano 2016 e, segundo a conselleira, é un exemplo de empresa familiar que aposta pola calidade, a sustentabilidade e a internacionalización.

A titular de Economía, Industria e Innovación referiuse aos datos positivos que están acadando as empresas do sector que levan este selo de garantía. Así, sinalou que teñen rexistrado un incremento da facturación entre 2019 e 2022 do 5,4 por cento. Tamén, un constante crecemento no mercado exterior, cunha suba do 23 por cento das exportacións desde 2020. E un bo comportamento a nivel de emprego que, no período 2021-2022 se incrementou un 7,9 por cento.

Galicia é un referente no sector do viño, con preto de 500 adegas nas que traballan máis de 10.000 viticultores e que xeran un valor económico de 230 M€ ao ano. A vendima do 2023 foi, de feito, a máis abundante da última década,  cunha colleita de 77,3 millóns de quilos de uva.

Ao respecto, Lorenzana lembrou que a Xunta de Galicia, a través do Igape, puxo en marcha o pasado ano unha liña de financiamento por importe de máis de 2 M€ para facilitar o acceso a crédito ás adegas acollidas ás cinco denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, e paliar o encarecemento do custo da adquisición de uva na campaña de 2023.

  • A Xunta salienta a importancia da cultura da innovación como unha “oportunidade para liderar mercados e xerar valor engadido”
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a innovación, a resiliencia e a aposta pola calidade como claves do éxito empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana avoga por seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto en exportacións como en captación de investimentos
    Ler máis