A Xunta informa das axudas a disposición das persoas autónomas e das pequenas e medianas empresas para seguir xerando riqueza en Galicia

Martes, 30 Xaneiro 2024 13:40
  • O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a directora do Igape, Covadonga Toca, participaron nunha xornada organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Galicia

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron esta mañá na xornada Presentación do mapa de axudas da Xunta de Galicia para autónomos/as e pemes organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Galicia. Alí, o secretario xeral lembrou os apoios ás persoas traballadoras autónomas, facendo especial fincapé na cota cero para novas altas e sinalando que onte mesmo se engrosaron cunha nova convocatoria.

Así, segundo apuntou, desde o 5 de febreiro e ata o 30 de setembro pódense solicitar as achegas que -cun importe de 1,3 millóns de euros- buscan impulsar a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador e, como novidade este ano, cunha maior contía se contratan mulleres. Neste caso, inclúense dous tipos de axudas compatibles entre si: o bono de contratación e o bono de formación para impulsar a cualificación no posto de traballo das persoas traballadoras indefinidas empregadas.

Con todo, non son as únicas axudas a autónomos dispoñibles. Así, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberto ata o 30 de setembro o prazo de solicitude para financiar os primeiros gastos da actividade dos traballadores por conta propia a través de dúas liñas que suman un orzamento de 28,9 millóns de euros. Neste total inclúese a partida de 9,6 millóns de euros para subvencionar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primeiros meses de actividade.

A maiores, referiuse a dous programas de axudas ao emprego autónomo que suman 9,5 millóns de euros. Diríxense, por unha banda, aos traballadores autónomos que teñan unha antigüidade superior aos 42 meses para que poidan ofrecer novos servizos e realizar investimentos que impulsen a súa capacidade competitiva (Bono Autónomo) e, por outra, axudar aos profesionais por conta propia que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade (Bono nova oportunidade).

Así mesmo, entre outros, o Goberno galego habilitou un investimento de 1 millón de euros para que as persoas traballadoras autónomas que teñan fillos ou persoas maiores ou dependentes ao seu cargo conten cos apoios necesarios para contratar a persoas que os substitúan no exercicio da súa actividade ou poidan recorrer a servizos de coidado.

Pola súa banda, a directora do Igape, Covadonga Toca, afondou nas liñas que o seu departamento ten a disposición do tecido empresarial galego, especialmente pemes e autónomos, entre as que destacou distintos programas activados xa desde comenzos de ano en internacionalización e financiamento.

No primeiro destes eidos puxo en valor programas como os Galicia Exporta Empresas, Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, tres liñas de apoio que suman máis de 9 millóns de euros na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos. Ademais, lembrou que está tamén activo o programa para a contratación de xestores de internacionalización, que permite ás pemes participantes contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial.

 

Así mesmo, Toca Carús salientou que a Xunta ten en marcha, como cada ano, préstamos nas condicións máis vantaxosas para acceder ao financiamento. A través dun acordo coas Sociedades de Garantía Recíproca (SGR), expuxo, destínanse este exercicio 12 M€, que porán en circulación 80 millóns, nun milleiro de operacións nas que pemes e autónomos financian investimento e circulante, ou refinancian préstamos anteriores que materializaron en condicións menos vantaxosas.

 

A este programa, afondou, súmaselle a nova convocatoria da liña de préstamos directos para posibilitar o financiamento e os investimentos do tecido empresarial, que conta cun orzamento de 30 millóns e dúas grandes novidades: dun lado, a concesión de préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior e, doutro, os préstamos para financiar circulante para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira.

  • Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana avoga pola colaboración público-privada e o diálogo permanente co tecido empresarial para dar valor engadido nun mercado global
    Ler máis
  • A Xunta abrirá en Madrid unha sede da Oficina Económica de Galicia para reforzar a dinamización empresarial e a captación de investimentos
    Ler máis