A Xunta pon o Polo da Sionlla como exemplo do compromiso de Galicia co sector biotecnolóxico nun “espazo único” para a atracción do talento

Xoves, 15 Febreiro 2024 12:56
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visita as instalacións do Biopolo resaltando a súa importancia para industrializar un sector en auxe, facilitar a investigación tecnolóxica e o asentamento de empresas, e dar resposta ás necesidades das compañías biotech

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións do Biopolo Sionlla– Polo Biotecnolóxico de Galicia, un proxecto ao que puxo como exemplo do compromiso de Galicia con esta industria e coa habilitación de “espazos únicos” tanto para a atracción de talento como para o crecemento e a consolidación empresarial.

Neste sentido, Toca Carús subliñou a importancia dun Polo que está a permitir industrializar un sector en auxe, facilitar a investigación tecnolóxica e o asentamento de empresas, e dar resposta ás necesidades das compañías biotech que xa están a traballar desde o mesmo: SunRock Biopharma, que desenvolve anticorpos oncolóxicos, e a multinacional Zinpro, centrada na investigación gandeira.

A directora do Igape subliñou que a Xunta busca aproveitar o potencial biotecnolóxico galego con actuacións como este Polo da Sionlla de Santiago, cidade que pode considerarse un dos principais nodos de coñecemento biotecnolóxico de Galicia.

O biopolo da Sionlla tense impulsado, lembrou Toca Carús, grazas á colaboración público-privada no marco do programa de axudas aos Centros de Fabricación Avanzada. A directora do Igape incidiu na importancia deste espazo para facilitar “o día a día” das empresas biotecnolóxicas, que contan na Sionlla cun lugar no que garantir a implantación dun proxecto integral, facilitando as súas sinerxías, e que está situado estratexicamente, ao carón do coñecido como enlace orbital que conecta coa AP9 e a autovía que conecta co aeroporto.

  • Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana avoga pola colaboración público-privada e o diálogo permanente co tecido empresarial para dar valor engadido nun mercado global
    Ler máis
  • A Xunta abrirá en Madrid unha sede da Oficina Económica de Galicia para reforzar a dinamización empresarial e a captación de investimentos
    Ler máis