A Xunta pon en valor a importancia do talento e a innovación como eixos vertebradores da competitividade empresarial

Martes, 20 Febreiro 2024 17:54
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou nunha xornada de formación e titorías da quinta edición da Business Factory do sector aeronáutico (BFAero) tras visitar as instalacións da empresa 3eData, cualificada pola Xunta como iniciativa de emprego de base tecnolóxica
  • Destaca os proxectos que está a impulsar o Goberno galego grazas á rede de aceleradoras que inclúe, ademais da BFAero, as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto) e farmacéutica (BFMedicines)
  • Subliña que, ata o de agora, a BFAero suma 42 proxectos en cinco edicións, a metade deles en fase de aceleración e outros seis na de consolidación, na procura de “alentar o talento innovador galego cara a súa chegada ao mercado”
Lugo, 20 de febreiro de 2024

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou hoxe nun encontro de traballo cos 12 promotores dos proxectos da 5ª edición da Business Factory Aero- BFAero, un marco no que puxo en valor a importancia do talento e a innovación como eixos vertebradores da competitividade empresarial.

Neste sentido, a xornada de traballo permitiu destacar a necesidade da cooperación na procura de configurar o mellor ecosistema empresarial posible sobre a base da innovación, a dixitalización e a sustentabilidade, atraendo talento e capital internacional. “Impulsar o talento e a innovación é impulsar a mellor versión de Galicia”, subliñou Toca Carús.

A directora do Igape destacou que, ata o de agora, a BFAero suma 42 proxectos en cinco edicións, a metade deles en fase de aceleración e outros 6 na de consolidación, “alentando todo ese talento innovador galego” no ámbito da aeronáutica na procura de facilitar “a súa chegada ao mercado”.

Este campo compleméntase, expuxo, co resto de business factories que se veñen impulsado en alimentación (BFFood), automoción (BFAuto) ou farmacia (BFMedicines), e que medrará este ano coa nova business factory ambiental (Clima – Tech), que atenderá a sustentabilidade ambiental como forma de garantir un crecemento sustentable a longo prazo. 

Visita ás instalacións da empresa 3eData

Antes desta xornada, Toca Carús tivo a ocasión de visitar as instalacións da empresa 3eData, cualificada pola Xunta como iniciativa de emprego de base tecnolóxica e que posúe o selo de PEME Innovadora do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Esta é una spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, que se constituíu en 2016 co apoio da Fundación CEL e co programa Galicia Emprende do Igape. Centrada na xestión de proxectos do sector agroforestal e ambiental, ten participado en varios proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia, contando co apoio do Igape tamén a través doutros programa como o ReAcciona.

Toca Carús puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas nese “camiño tan importante a percorrer desde a innovación ata o mercado, do que 3eData é un bo exemplo”.

  • Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana avoga pola colaboración público-privada e o diálogo permanente co tecido empresarial para dar valor engadido nun mercado global
    Ler máis
  • A Xunta abrirá en Madrid unha sede da Oficina Económica de Galicia para reforzar a dinamización empresarial e a captación de investimentos
    Ler máis