A aceleradora Galicia Avanza mellora a presenza no exterior dos produtos e servizos de trinta empresas innovadoras galegas

Mércores, 21 Febreiro 2024 16:03
  • As directoras da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e do Igape, Covadonga Toca, participaron hoxe na presentación dos resultados da segunda edición desta iniciativa da Xunta e Tecnópole
  • Son 12 pemes de Pontevedra, 11 da Coruña, 4 de Lugo e 3 de Ourense que durante os dez meses de duración do programa contaron co apoio de expertos que deseñaron itinerarios personalizados para cada unha das firmas participantes
  • Durante o evento anunciouse a posta en marcha da terceira edición do programa, na que poderán participar outras 30 pemes galegas innovadoras

 

San Cibrao das Viñas (Ourense), 21 de febreiro de 2024

As trinta pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica participantes na segunda edición da aceleradora para a internacionalización Galicia Avanza presentaron esta mañá en Tecnópole os logros acadados ao longo dos dez meses que durou o programa. Esta iniciativa púxose en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Desde entón, 60 pemes das catro provincias galegas participaron no programa.

A directora de Gain, Patricia Argerey, inaugurou o encontro, ao que tamén asistiron a directora xeral do Igape, Covadonga Toca, e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Nóvoa. Na súa intervención, Patricia Argerey puxo de relevo o éxito do programa que “contribúe a facer máis rendible o investimento en innovación, apoiando ás nosas pemes a traspasar fronteiras e conquistar mercados internacionais” e apuntou que entronca cunha das prioridades da política de I+D+i da Xunta de Galicia que é a internacionalización do ecosistema galego de innovación e, por ende, o reforzo da Marca Galicia a nivel internacional no ámbito da innovación e a I+D.

Pola súa banda, Covadonga Toca destacou que a través desta aceleradora, así como do resto de ferramentas á disposición das empresas, “ofrecemos ao tecido empresarial galego as mellores condicións para que sigan a facer da internacionalización un dos grandes motores de crecemento económico”. A economía galega progresa no seu obxectivo de consolidación de mercados no exterior, apuntou a directora, o que está permitindo acadar rexistros históricos en exportacións. “As cifras falan moi ben do tecido empresarial galego e da estabilidade e a confianza que achegamos desde Galicia”, incidiu, destacando que Galicia ven de acadar un novo récord en vendas ao exterior no ano 2023, situándose por primeira vez por riba da fronteira dos 30.000 M€.

Un impulso á internacionalización da innovación en Galicia

No transcurso do acto, destinado a promover a internacionalización da innovación, déronse cita empresas de todos os sectores, con presenza en mercados exteriores ou con potencial de exportar os seus produtos e servizos. O director de Tecnópole, Javier Taibo, presentou os resultados desta segunda convocatoria, na que se impulsou a internacionalización de 30 pemes das catro provincias galegas: 12 de Pontevedra, 11 da Coruña, 4 de Lugo e 3 de Ourense. Pertencen a sectores produtivos diversos, dedicadas na súa maioría á enxeñaría e ás TIC, ademais do sector agroalimentario, consultoría, formación, venda ao por maior e ao por menor, retail, hixiene e acción social.

No marco desta convocatoria, detectáronse un total de 67 mercados de interese para as pemes participantes: o 55 % en Europa, principalmente en Alemaña, Francia e Portugal; o 21 % en Latinoamérica, sobre todo en México, Arxentina e Chile; e o 24 % restante nos Estados Unidos e en diversos países de África e Asia. Ademais, rexistráronse 18 marcas en diferentes países e unha patente.

O valor global das actuacións levadas a cabo ascendeu aos 575.447,71 euros, cun apoio medio por empresa de 19.181,59 euros. Durante os dez meses de duración desta segunda edición do programa Galicia Avanza realizouse unha prospección de mercados de interese para cada unha das pemes participantes, protección de patentes e marcas nos países de destino, elaboración e desenvolvemento de plans de márketing, análise de clientes potenciais e establecemento de axendas comerciais, adaptación das páxinas web das empresas ao mercado internacional de destino, ademais da realización ou adaptación de soportes comerciais. Así mesmo, nos casos nos que foi necesario, adaptáronse os produtos aos mercados de destino, elaboráronse contratos, creáronse ferramentas para facilitar as vendas…, entre outros servizos.

O evento incluíu tamén a presentación de casos de éxito en internacionalización de empresas de referencia; un espazo expositivo das 30 firmas participantes no Programa Galicia Avanza e reunións bilaterais. Durante o evento anunciouse a posta en marcha da terceira edición de Galicia Avanza, na que poderán participar outras 30 pemes galegas innovadoras. O prazo de solicitude abrirase ao longo deste mes e as empresas interesadas disporán dun prazo amplo para presentarse á nova convocatoria.

  • Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana avoga pola colaboración público-privada e o diálogo permanente co tecido empresarial para dar valor engadido nun mercado global
    Ler máis
  • A Xunta abrirá en Madrid unha sede da Oficina Económica de Galicia para reforzar a dinamización empresarial e a captación de investimentos
    Ler máis