A Xunta salienta a importancia da colaboración coas entidades de crédito para achegar financiamento a pemes e autónomos nas condicións máis vantaxosas

Venres, 23 Febreiro 2024 14:26
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa, na inauguración da nova oficina de Afigal en Carballo, “exemplo de proximidade, de saber estar sobre o terreo, atendendo as necesidades dunha parte fundamental do noso tecido produtivo”
  • Destaca que a cooperación con esta Sociedade de Garantía Recíproca ten permitido, nos últimos 5 anos, canalizar máis de 125 M€ en préstamos que chegaron a 2.100 empresas, o 17% delas da Costa da Morte
  • Resalta o esforzo da Xunta por facilitar o acceso ao crédito, con máis de 111 millóns este ano que inclúen unha nova convocatoria dos préstamos directos

Carballo (A Coruña), 23 de febreiro de 2024

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración da nova sede de Afigal SGR, en Carballo, onde salientou a importancia da colaboración coas entidades de crédito de cara a achegar financiamento a pemes e autónomos nas condicións máis vantaxosas.

“Esta nova oficina na Costa da Morte, en Carballo, é un exemplo más de proximidade, de saber estar sobre o terreo, atendendo as necesidades desa parte fundamental do noso tecido produtivo”, aseverou Toca Carús, quen subliñou que a posibilidade de acceder a financiamento permite “mellorar as condicións e as oportunidades de futuro” do tecido empresarial e “reforzar o seu bo facer e a súa responsabilidade”.

Neste contexto, a directora do Igape puxo en valor a importancia da cooperación con Afigal, instrumentada a través dun convenio anual que, nos últimos 5 anos, ten permitido canalizar máis de 125 millóns de euros en préstamos que chegaron a 2.100 empresas, o 17% delas da Costa da Morte.

Só este ano, afondou Toca Carús, xa están en curso 142 operacións con Afigal, que buscan seguir apoiando o acceso ao financiamento das pemes, con axudas en forma de garantía e subvención de gastos financeiros.

Un esforzo conxunto que, segundo detallou a directora do Igape, enmárcase nunha liña máis ampla que inclúe ao resto de Sociedades de Garantía Recíproca e que este ano suma preto de 12 millóns de euros que porán en circulación 80 M€ nun milleiro de operación de pemes e autónomos.

Esta liña, proseguiu Toca Carús, é parte do paquete de actuacións que, en materia de financiamento dispón este 2024 o Igape. “Estamos a falar de máis de 111 millóns de euros para a posta en marcha de instrumentos financeiros que, conxuntamente e en coordinación cos fondos xestionados por Xesgalicia, serven para mobilizar o gasto empresarial”, detallou antes de destacar a nova convocatoria de préstamos directos do Igape, con 30 millóns de euros destinados a investimentos estratéxicos, actuacións de asociacións e centros tecnolóxicos ou mesmo ao financiamento de proxectos de implantación empresarial no exterior.

“Desde a Xunta temos diferentes instrumentos axeitados para atender as necesidades de financiamento e investimento das nosas pemes e autónomos. Temos que estar preto das nosas empresas e desde a colaboración, proporcionarlles os apoios e recursos necesarios para que teñan a capacidade de crecer e ter éxito”, concluíu.

  • Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana avoga pola colaboración público-privada e o diálogo permanente co tecido empresarial para dar valor engadido nun mercado global
    Ler máis
  • A Xunta abrirá en Madrid unha sede da Oficina Económica de Galicia para reforzar a dinamización empresarial e a captación de investimentos
    Ler máis