Lorenzana cualifica Syngenta como unha empresa motor e referente da biotecnoloxía galega

Mércores, 13 Marzo 2024 20:56
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da compañía no Porriño
  • Sinala que en Galicia dá emprego a un total de 120 persoas, un 50 por cento mulleres
  • Destaca que o seu traballo está aliñado coa Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía Galega 2021-2025

 

O Porriño (Pontevedra), 13 de marzo de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o labor que, durante décadas, leva desenvolvendo en Galicia a compañía Syngenta, unha empresa “motor e referente da biotecnoloxía galega”, dixo.

Nunha visita ás súas instalacións no Porriño, onde leva implantada máis de 80 anos, Lorenzana puxo en valor o alto nivel de internacionalización da compañía. Con sede en Suíza e presenza en máis de 100 países, indicou que en Galicia dá emprego a un total de 120 persoas, dun plantel que rolda os 53.000 empregados. Ademais, puxo en valor a súa sustentabilidade, posto que emprega practicamente un 50 por cento de mulleres cun alto índice de seguridade e saúde laboral, apuntou.

Syngenta é líder mundial en investigación e desenvolvemento de solucións de sanidade vexetal, para transformar a forma en que se sementan, se protexen e se melloran os cultivos. Ao respecto, Lorenzana destacou que o seu traballo está aliñado coa Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía Galega 2021-2025. Unha planificación, engadiu, que contempla unha mobilización público-privada de 660 M€ neste período e que ten como principal obxectivo incrementar o número de empresas, facturación e empregos do sector traballando de forma colaborativa co ecosistema galego de I+D+i.

Tamén mencionou os investimentos que a Xunta, a través do Igape e Xesgalicia está destinando en materia de innovación, sendo Galicia a comunidade autónoma que rexistra a segunda taxa máis alta de bioemprendemento. “Temos máis de 10 M€ en fondos para investir neste tipo de empresas e axudas a fondo perdido con tickets de 20.000 euros para as empresas, nun orzamento total de 1,5 M€ para startups neste ano 2024”, concluíu.

  • A Xunta salienta a importancia da cultura da innovación como unha “oportunidade para liderar mercados e xerar valor engadido”
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a innovación, a resiliencia e a aposta pola calidade como claves do éxito empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana avoga por seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto en exportacións como en captación de investimentos
    Ler máis