Rueda resalta o papel dos emprendedores na creación de riqueza e emprego de calidade

Mércores, 31 Xullo 2024 11:32
  • Lembra o compromiso do Goberno galego coas iniciativas empresariais, con ferramentas como a Oficina Económica de Galicia para facilitar e reducir os trámites

 

Ames (A Coruña), 31 de xullo de 2024.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel dos emprendedores á hora de xerar emprego de calidade na comunidade, subliñando que estes son  “os que crean riqueza e os que de verdade lle dan valor engadido ás ideas que teñen”. Durante unha visita ás instalacións de D3 Applied Tech -firma de Ames que elabora solucións tecnolóxicas para embarcacións de competición, o sector aeroespacial, as enerxías renovables, a industria ou o eido naval- lembrou o compromiso da Xunta coas iniciativas empresariais. Así, recordou que a través da Oficina Económica de Galicia “intentaremos acompañar os proxectos para que todo sexa áxil e para que a burocracia non sexa un problema”, achegando tamén axudas puntuais para “despois multiplicar todas as oportunidades”.

Acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o presidente salientou a firme aposta da Xunta por reter o talento innovador e atraer investimentos. Neste eido, a Administración autonómica conta con medidas para fomentar a posta en marcha de proxectos, como a Rede de Polos de Emprendemento –14 centros espallados por toda a comunidade nos que os emprendedores reciben orientación e asesoramente durante todo o proceso–; unha liña de axudas para os gastos de lanzamentos das startups –1,5 millóns de euros na convocatoria deste 2024–; ou unha rede de aceleradoras desde as que se aposta por dar pulo a proxectos innovadores mediante a colaboración público-privada, entre outras iniciativas.

Por outra banda, o Goberno autonómico traballa desde hai anos para reducir e axilizar os trámites que teñen que realizar as empresas á hora de poñer en marcha un negocio. Para iso, ademais da Oficina Económica de Galicia, que actúa como única canle para facilitar os trámites que teñen que realizar os empresarios, existen diferentes liñas de axudas para fomentar a innovación no tecido produtivo ou promover investimentos para renovar e modernizar o seu equipamento.

  • Lorenzana destaca a competitividade e a xeración de emprego como fortalezas da industria da seguridade e a defensa en Galicia
    Ler máis
  • Novo WEBINARIO PAÍS dende a ANTENA IGAPE en CHINA
    Ler máis
  • A Xunta lanza unha nova liña de axudas de 10 M€ para apoiar o crecemento das empresas que manteñan e creen novos postos de traballo
    Ler máis