A Xunta destina preto de 200.000€ para a mellora de tres viveiros industriais da provincia de Ourense

Xoves, 22 Agosto 2024 15:04
  • O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, visitou hoxe o viveiro empresarial de A Veiga, un dos beneficiarios desta liña de axudas da Administración galega
  • O Goberno autonómico achegou máis de 5M€ desde 2016 para a posta en marcha destes equipamentos

 

A Veiga (Ourense), 22 de agosto de 2024

Tres viveiros industriais ourensás poderán mellorar as súas instalacións grazas á liña de apoios convocada pola Consellería de Economía e Industria para a creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas destes espazos en parques empresariais da Comunidade galega. Así o explicou hoxe o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, durante a visita ao viveiro de A Veiga (Ourense), un dos 3 beneficiarios na provincia da convocatoria deste ano, xunto co de Vilamarín e O Carballiño.

Nesta liña, Vázquez lembrou que este ano a Xunta destinou 1,5M€ a esta orde de axudas que, como novidade, incorporou a posibilidade de levar a cabo actuacións de dotación ou reforma de equipamentos e infraestruturas nos viveiros industriais que actualmente están en funcionamento. No caso de A Veiga, contará cunha achega de 75.000 € para levar a cabo traballos de mellora, o mesmo importe que recibirá O Carballiño, mentres que no de Vilamarín serán algo máis de 43.000€. En total, estes tres municipios ourensás recibirán preto de 200.000€.

O secretario xeral de Industria explicou que a convocatoria deste ano contemplaba outras novidades como a ampliación ata os 48 meses do período de acollemento dos negocios ou a posibilidade de incorporación doutras empresas non industriais que xustifiquen a súa relación dentro da cadea de valor dunha actividade industrial.

As subvencións desta liña de axudas permiten achegar ata o 80% do investimento elixible, cun máximo de 240.000€ no caso da creación de viveiros e de 75.000€ para a realización de melloras ou dotación de equipamento e infraestruturas. Os beneficiarios poden recibir anticipos de ata un 25 % da axuda concedida. ­ Deste xeito, desde o ano 2016, a Xunta de Galicia leva destinados máis de 5M€ para a posta en marcha deste recurso o que está a permitir que Galicia conte con 22 viveiros industriais.

  • Xornada 'O acceso ao financiamento das empresas do sector Biotech'
    Ler máis
  • Lorenzana lembra que desde este ano as startups contan en Galicia cunha liña de axudas específica para apoiar o seu lanzamento e consolidación
    Ler máis
  • Lorenzana destaca a competitividade e a xeración de emprego como fortalezas da industria da seguridade e a defensa en Galicia
    Ler máis