A Xunta resalta o papel da loxística na competitividade e na "globalización económica" da industria galega

Xoves, 26 Setembro 2024 12:43
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura a xornada ‘Galicia con sinerxía: loxística, innovación, persoas’, onde avoga porque a “apertura comercial” vaia da man do talento e da innovación, “clave para o crecemento empresarial nunha contorna dinámica e global”
  • O encontro celébrase no marco do programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu ata o de agora realizar máis de 90 actividades formativas nas que participaron máis de 19.000 asistentes, en presencial e en liña
  • Salienta as posibilidades que ofrecen este tipo de xornadas para reforzar a cooperación pública-privada, establecendo un “diálogo constante” coas empresas, os sectores produtivos e as organizacións empresariais”

 

Ferrol, 26 de setembro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá en Ferrol na xornada ‘Galicia con sinerxía: loxística, innovación, persoas’, onde destacou a importancia da industria loxística na mellora competitiva e na “globalización económica” dos diferentes sectores da Comunidade. O evento celebrouse no porto de Ferrol contando coa presenza da delegada autonómica Martina Aneiros.

“A Xunta de Galicia ten claro que a loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”, incidiu Toca Carús, quen, neste marco, afondou na necesidade de seguir a fomentar a cooperación público-privada.

Esta colaboración, afondou, materialízase en clústeres como o da Loxística de Galicia, que está a permitir analizar datos, fomentar a internacionalización e reforzar a propia cooperación e a aposta pola innovación.  

Neste contexto, Toca Carús subliñou que a innovación e o talento resultan “clave para o crecemento empresarial nunha contorna dinámica e global”. “As persoas, os equipos directivos, desempeñan un papel esencial na promoción e xestión da innovación dentro dunha empresa”, afondou.

Así mesmo, resaltou a nova área de innovación empresarial do Instituto, centrada na creación de empresas, na transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo, na captación de fondos ou nas estratexias de internacionalización da innovación. “Esta área é a responsable de toda a planificación e programación de iniciativas para o impulso á innovación empresarial”, explicou.

Unha aposta pola innovación que se complementa co compromiso co talento e a formación, materializado en programas como o Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolveu a xornada deste xoves.

Esta iniciativa, lembrou a directora do Igape, inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento, e que ten permitido ata o de agora realizar máis de 90  actividades formativas nas que participaron arredor de 19.000 asistentes.

  • Xornada 'O acceso ao financiamento das empresas do sector Biotech'
    Ler máis
  • Lorenzana lembra que desde este ano as startups contan en Galicia cunha liña de axudas específica para apoiar o seu lanzamento e consolidación
    Ler máis
  • Lorenzana destaca a competitividade e a xeración de emprego como fortalezas da industria da seguridade e a defensa en Galicia
    Ler máis