Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo

Xoves, 07 Novembro 2024 17:44
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe a XXII edición do GaliciaTIC
  • Subliña que beneficiará especialmente ás pemes que son as que teñen máis dificultades para apostar polas tecnoloxías
  • Destaca que o sector das TIC en Galicia é “moi frutífero e dinámico en canto á súa evolución e perspectivas” e que Galicia é “a quinta rexión de España en número de empresas”
  • Apunta que o Igape destinará máis de 11M€ para dar entrada á intelixencia artificial nas empresas galegas

 

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe a creación dunha área específica de innovación no ámbito industrial, dotada con máis de 60M€ nos orzamentos de 2025, para fortalecer o tecido produtivo.

A conselleira inaugurou esta mañá a XXII edición do GaliciaTIC onde subliñou que esta nova área do Igape beneficiará especialmente ás pemes que, segundo explicou, “son as que teñen máis dificultades para apostar polas tecnoloxías”.

Nesta liña, a conselleira explicou que “temos que seguir apostando pola innovación industrial e a competividade, e seguir traballando co talento para poder reforzar o noso tecido industrial e tamén a súa internacionalización”, dixo.

Durante a súa intervención, Lorenzana puxo en valor que o sector TIC en Galicia é “moi frutífero e dinámico” en canto á súa evolución e perspectivas pois aporta case o 3% do PIB galego e subliñou que “no último ano Galicia incrementou o número de empresas nun 4,2% co que temos xa 4.170 empresas TIC e ocupamos o quinto lugar en España en número de compañías”, apuntou.

Aposta polo sector tecnolóxico

Por outra banda, Lorenzana explicou que “estamos intentando que se visualice a aposta clara por todo o sector tecnolóxico declarado xa pola Xunta como estratéxico” e neste sentido, lembrou que o Goberno galego está a traballar no Plan director do sector TIC “que esperamos aprobar no 2025 e que contará coas aportacións da cidadanía, das entidades e das empresas, co obxectivo de ver os retos que temos por diante e como podemos acompañar desde o Goberno de Galicia ás nosas empresas”, sinalou.

Ademais, o Igape destinará máis de 11M€ para dar entrada á intelixencia artificial nas empresas galegas, para investimento e desenvolvemento de tecnoloxías con intelixencia artificial, implantación da aplicación de servizos e relacións comerciais baseadas en intelixencia artificial, e talento e formación en intelixencia artificial.

Lorenzana tamén explicou que a Xunta ten previsto un proxecto piloto dun programa de espazos de datos “onde imos investir 2,3M€, e continuamos apostando polo emprendemento innovador coa creación de tres novas aceleradoras”, destacou.

Finalmente a conselleira sinalou que “é clave que acompañemos á medianas e pequenas empresas e fortalecer a industria das TIC en Galicia e destacou que neste sentido, o GaliciaTIC é un foro tecnolóxico que ofrece a oportunidade de continuar avanzando e explorando novas posibilidades e atopar  novas sinerxías empresariais”, dixo.

Formación no sector TIC

Pola súa banda, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participará na apertura da sesión da tarde deste foro, centrada no mercado laboral, na capacitación e na formación no sector TIC. Alí, destacará que o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, conta cunha ampla programación formativa tanto para persoas traballadoras como para desempregadas deste sector. Así, entre setembro de 2023 e decembro de 2024 a súa planificación inclúe a impartición dun total de 115 cursos cunha oferta de 2.308 prazas e 5.877 horas de formación. Tamén 102 seminarios técnicos.

  • A Xunta salienta a importancia da cultura da innovación como unha “oportunidade para liderar mercados e xerar valor engadido”
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a innovación, a resiliencia e a aposta pola calidade como claves do éxito empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana avoga por seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto en exportacións como en captación de investimentos
    Ler máis