Super User
Lorenzana ve en Torres Golán e TMC Cancela dous exemplos do esforzo do tecido empresarial galego por innovar e internacionalizarse
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, visitou esta mañá en Tordoia estas dúas compañías
- Lembra que a política económica da Xunta ten como prioridade acompañar o tecido empresarial a través da desburocratización e de medidas como a Oficina Económica de Galicia ou o plan de aceleración de proxectos industriais
Tordoia (A Coruña), 3 de abril de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, visitou esta mañá en Tordoia as compañías Torres Golán e TMC Cancela, que puxo como exemplo do esforzo que o tecido empresarial galego está realizando por innovar e internacionalizarse.
Así, Torres Golán é líder na fabricación e distribución de sistemas de PVC para empresas e profesionais con presenza en España, norte de África e Portugal. Mentres que TMC Cancela é a terceira firma europea na fabricación de trituradoras agrícolas e está presente en máis de 50 países.
Lorenzana destacou que se trata de dúas empresas que demostran “como no rural galego hai industria, creando emprego e riqueza e apostando pola innovación”. A conselleira explicou que o esforzo de empresas como estas está contribuíndo ao récord exportador de Galicia -que en 2023 superou por primeira vez os 30.000 M€- ou á suba do PIB galego que foi do 1,8 %.
A titular de Economía lembrou que a política económica da Xunta ten como prioridade acompañar ao tecido empresarial para atender as súas necesidades e axudalo ante os novos retos económicos. Neste sentido, destacan iniciativas como a Oficina Económica de Galicia, que ofrece servizos de asesoramento personalizado ás empresas “para que continúen crecendo e consolidándose na nosa Comunidade autónoma”; a aposta pola desburocratización dos trámites administrativos para facilitar a implantación de proxectos; ou o plan de aceleración de proxectos industriais.
Novo WEBINARIO PAÍS dende a ANTENA IGAPE en CHINA
Novo WEBINARIO PAÍS dende a ANTENA IGAPE en CHINA - Market Update & Oportunidades de Negocio 2024
A Xunta ven a ofrecer actualizacións da situación económica en distintos mercados mundiais a través do Ciclo Webinario País coas Antenas Empresariais do Igape.
O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus productos, neste caso, a China. Un mercado moi regulado e que require o coñecemento de numerosas certificacións. Como ven a ser o caso da nova regulación para as importacións de carnes de vacún.
A Antena Empresarial do Igape en China, o xoves 11 de abril, informará sobre a situación actual no mercado chinés, cun enfoque específico ao sector agroalimentario, contarase coa participación da IXP Ternera Gallega, ante posibles oportunidades e claves para impulsar ou mellorar as súas vendas en China.
Se está interesado, tamén terá a posibilidade de programar unha reunión individual co responsable da Antena Empresarial do Igape en China, durante os días 12 de abril e 15 de abril.
Solicite a reunión ao realizar a súa inscripción.
Día: Xoves, 11 de abril de 2024
Hora: 09:30-11:00 horas ESP/ 15:30-17:00 horas CHINA
Inscripcións
O programa ReAcciona abre unha nova convocatoria ofrecendo ás pemes galegas servizos avanzados para mellorar a súa competitividade
- A partir do 1 de abril, os interesados poden presentar as súas solicitudes para optar a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira, a optimización dos procesos de produción ou a innovación
- Entre os novos eidos de actuación destacan o apoio a empresas emerxentes innovadoras, a análise do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance), a captación e xestión do talento e a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza
- A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, cobre o 80 % do custo da actuación, tendo as empresas ata 13 servizos distintos á súa disposición
- Desde a súa posta en marcha no 2012, o ReAcciona promoveu o desenvolvemento de máis de 2.700 servizos que permitiron mellorar a competitividade de preto de 2.000 empresas galegas, mobilizando 13,7 M€
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2024
A Xunta de Galicia abre o próximo luns, 1 de abril, e ata o 15 de novembro, o prazo de presentación de solicitudes do programa ReAcciona, que ofrece ás pemes galegas diferentes ferramentas e servizos avanzados para mellorar a súa competitividade.
Deste xeito, as empresas interesadas, a través das entidades colaboradoras, poderán presentar a súa solicitude para acceder a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos. Para acadar este obxectivo, o programa suma máis de 3,2 M€ que suporán a mobilización de máis de 4 M€, promovendo servizos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira ou a optimización dos procesos de produción.
Así mesmo, tamén se levarán a cabo iniciativas no eido da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos.
Entre as principais novidades deste ano, o programa incorpora a prestación de servizos en catro novos eidos de actuación: o apoio a empresas emerxentes innovadoras, a análise do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance), a captación e xestión do talento ou a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza.
En total, o ReAcciona ofrece ás pemes galegas ata 13 servizos diferentes para mellorar a competitividade empresarial, debendo as empresas que queiran optar a estas axudas ter un mínimo de tres persoas traballadoras.
As actuacións levadas a cabo no marco do ReAcciona desenvólvense por un axente colaborador, que está a disposición da empresa durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dos tres aos seis meses. Por outra parte, os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos.
Neste marco, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, cobre ata o 80 % do custo do servizo para a peme. No desenvolvemento do programa colaboran o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Axencia Galega de Innovación (Gain).
Desde a súa posta en marcha no 2012, o ReAcciona promoveu o desenvolvemento de máis de 2.700 servizos que permitiron mellorar a competitividade de preto de 2.000 empresas galegas, mobilizando 13,7 M€.
Abertas as inscricións para participar no Programa Igape Foexga 2024
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nas primeiras accións do programa Igape Foexga 2024, unha actividade que levamos adiante coa colaboración das Cámaras de Comercio.
Estas son as próximas citas:
NOVAS ACTUACIÓNS
CONVOCATORIA VISITA Á FEIRA SMM HAMBURGO – PEMES
SECTOR: Naval e Industria auxiliar
DATAS: 1 – 8 setembro 2024
DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN: 05/07/2024
CONVOCATORIA VISITA Á FEIRA SEAFOOD EXPO ASIA – PEMES E GRANDES EMPRESAS
SECTOR: Produtos do mar, maquinaria para o seu procesado e afíns
DATAS: 2 – 7 setembro 2024
DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN: 30/07/2024
AMPLIACIÓN PRAZO INSCRICIÓN E/OU CONVOCATORIAS
CONVOCATORIA VISITA Á FEIRA EXPOPESCA DE MANTA (ECUADOR) DE MAQUINARIA PARA PESCA E ALIMENTACIÓN – PEMES E GRANDES EMPRESAS
SECTOR: Maquinaria para pesca, alimentación, maquinaria conserveira e afíns.
DATAS: 24 - 30 xuño 2024
DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN: 27/05/2024
CONVOCATORIA MISIÓN COMERCIAL A PERÚ E CHILE – PEMES E GRANDES EMPRESAS
SECTOR: Multisectorial
DATAS: 15 xuño – 10 xullo 2024
DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN: 27/05/2024
CONVOCATORIA MISIÓN COMERCIAL A EEUU – PEMES E GRANDES EMPRESAS
SECTOR: Multisectorial
DATAS: 16 – 30 xuño 2024.
DATA LÍMITE INSCRICIÓN SEN AXENDA: 28/05/2024
MISIÓN MULTISECTORIAL MÉXICO – PEMES E GRANDES EMPRESAS
SECTOR: Multisectorial e alimentos gourmet (alimentos e bebidas) para a Taste Spain
DATAS: 9-22 de xuño
DATA LÍMITE INSCRICIÓN SEN AXENDA: 31/05/2024
MISION MULTISECTORIAL FRANCIA-CÓRCEGA XUÑO 2024 – PEMES E GRANDES EMPRESAS
SECTOR: Multisectorial
DATAS: 9 - 21 de xuño 2024
DATA LÍMITE INSCRICIÓN SEN AXENDA: 03/06/2024
PARTICIPACIÓN EN ENCONTRO VINOMED TOULOUSE XUÑO 2024 – PEMES
SECTOR: Agroalimentario e bebidas (viños)
DATAS: 15-19 xuño 2024
DATA LÍMITE DE INSCRIPCION: 03/06/2024
MISIÓN COMERCIAL MULTISECTORIAL REINO UNIDO XULLO 2024 – PEMES E GRANDES EMPRESAS
SECTOR: Multisectorial
DATAS: 30 de xuño - 6 de xullo de 2024
DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN SEN AXENDA: 03/06/2024
MISION COMERCIAL MARROCOS– PEMES E GRANDES EMPRESAS
SECTOR: Multisectorial
DATAS: 18 - 29 de xuño 2024
DATA LÍMITE INSCRICIÓN SEN AXENDA: 07/06/2024
CONVOCATORIA MISIÓN COMERCIAL A XAPÓN XULLO 2024 – PEMES E GRANDES EMPRESAS
SECTOR: Multisectorial
DATAS: 6 - 16 de xullo 2024
DATA LÍMITE INSCRICIÓN SEN AXENDA: 07/06/2024
PARTICIPACION FERIAS MODA PARÍS- BIJORHCA-WHO´S NEXT SETEMBRO 2024 – PEMES
SECTOR: Moda e complementos
DATAS: 6 - 12 de setembro 2024 (Feira 8-10/09/2024)
DATA LÍMITE DE INSCRIPCION: 30/05/2024
MISIÓN COMERCIAL A ALEMAÑA – PEMES E GRANDES EMPRESAS
SECTOR: Multisectorial
DATAS: 8 - 21 setembro 2024
DATA LÍMITE INSCRICIÓN SEN AXENDA: 31/07/2024
CONVOCATORIA VISITA Á FEIRA SIAL PARÍS E MISIÓN COMERCIAL FRANCIA – PEMES E GRANDES EMPRESAS
SECTOR: Alimentación e bebidas
DATAS: 17 - 25 outubro 2024 (Feira: 19-23 outubro 2024)
DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN: 30/06/2024
Lorenzana resalta a política económica da Xunta como activo para que Galicia capte investimento exterior
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co Foro Económico de Galicia
- Apunta que en 2023 Galicia se situou como a oitava comunidade autónoma que máis investimento foráneo rexistrou, 416,3M€, un 132 por cento máis que o ano anterior
- A conselleira quixo vincular esta tendencia ao “bo clima” que o Goberno galego está tratando de xerar para o investimento empresarial, cun compromiso decidido pola desburocratización e a aceleración de proxectos industriais
- Destaca o labor de acompañamento ao tecido empresarial que a Xunta presta desde a Oficina Económica de Galicia. “A idea é clara: facilidade total”, remarca
- Considera que “imos tarde” en asuntos como a xestión dos Perte ou o despregamento da rede de transporte eléctrico
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor a política económica do Goberno galego como activo para que Galicia estea a captar investimento estranxeiro.
Nun encontro con membros do Foro Económico de Galicia, Lorenzana apuntou que en 2023 Galicia se situou como a oitava comunidade autónoma que máis investimento foráneo rexistrou, 416,3M€, un 132 por cento máis que o ano anterior, cando ocupaba a décimo cuarta posición. É dicir, pasou de representar o 0,5 por cento do total nacional en 2022 ao 1,5 por cento na actualidade. En paralelo, referiuse, tamén, ao récord exportador da comunidade, que pechou 2023 por riba dos 30.000M€.
A conselleira quixo vincular esta tendencia ao “bo clima” que o Goberno galego está tratando de xerar para o investimento empresarial, cun compromiso decidido pola desburocratización, a aceleración de proxectos industriais, así como cun acompañamento ao tecido empresarial que a Xunta presta desde a Oficina Económica de Galicia. “A idea é clara: facilidade total”, remarcou.
Mencionou, nesta liña, os plans directores que a Administración autonómica está a elaborar para seis sectores industriais declarados estratéxicos: metalmecánico, automoción, construción naval, forestal-madeira, TIC e loxística; dos cales, tres, xa están en fase de consultas (naval, automoción e TIC). Xunto co mapa industrial de Galicia, engadiu, son indispensables para por exemplo “equilibrar oferta e demanda en solo industrial”.
Lorenzana considerou tamén fundamental para o desenvolvemento industrial de Galicia, unha rede de transporte eléctrica adecuada, que volveu reclamar ao Estado para dar resposta ás novas industrias con interese por implantarse na comunidade. “Imos tarde”, alegou, porque o Ministerio para a Transición Ecolóxica non preveu identificar os polos de consumo.
Do mesmo xeito, avogou por “darlle un xiro” aos Perte porque “necesitamos ser competitivos desde o punto de vista do financiamento”. “Estamos chegando a un punto de colapso, na parte política e na parte técnica, porque o Goberno centralizou eses fondos e non ten capacidade para asumir a súa execución”, abondou, para criticar que Galicia recibise ata o de agora menos de 500M€ mentres que a empresas doutras comunidades xa se lle asignaron 300M€ a un único proxecto. “Hai un problema de discriminación -dixo-. Hai unha política clara de beneficiar a determinados territorios, ademais de ineficacia na xestión. E imos seguir denunciándoo”, aseverou.
Para concluír, a conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións puxo como exemplo o proxecto de Altri, que considerou un modelo de circularidade con implicación no sector téxtil , “non unha macrocelulosa”, deseñado atendendo a niveis de exixencia medioambiental superiores aos que marca a lexislación europea, buscando, ademais, a máxima reutilización dos recursos. Un proxecto cun impacto positivo na cadea monte-industria, esgrimiu.
Lorenzana salienta que a nova Business Factory ClimaTech reforza a aposta de Galicia polo emprendemento innovador
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, presentou esta aceleradora de empresas que se desenvolve en colaboración co Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular -Viratec- e á que a Xunta achega máis de 6 M€
- A Business Factory ClimaTech busca fomentar a creación de novas empresas no sector de solucións ambientais e de economía circular cun alto impacto económico, social e ambiental, con proxectos innovadores e con vocación de internacionalización
- A iniciativa impulsará preto de 40 novos proxectos en tres convocatorias sucesivas que atenderán as fases de incubación, aceleración e consolidación
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na asemblea xeral de Viratec- Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, onde presentou o acordo de colaboración entre esta organización e a Xunta -a través de Igape, Gain e Xesgalicia- para a posta en marcha da nova Business Factory ClimaTech. Segundo salientou Lorenzana, esta aceleradora de empresas permite reforzar a aposta polo emprendemento innovador da Xunta de Galicia, impulsando novos proxectos nun campo que, tal e como sinalou, “ten infinitas posibilidades no momento actual” e que vai permitir “diversificar e potenciar a economía galega”.
A responsable de Economía, Industria e Innovación, fixo fincapé en que o Goberno galego busca “crear en Galicia un polo de atracción empresarial, un ecosistema que sexa favorable para o emprendemento, a creación e o crecemento das empresas e as sinerxías empresariais”, sinalando que para iso é necesaria a colaboración entre todos os axentes.
Segundo se informou hoxe, ClimaTech permitirá impulsar novos proxectos empresariais en toda a cadea de valor do sector e reforzar a aposta de Galicia pola sustentabilidade ambiental do tecido produtivo. ClimaTech contará cun orzamento de preto de 6,3 M€, dos que a Xunta achegará máis do 95 % para desenvolver, durante os próximos tres anos, sucesivas convocatorias de carácter anual que permitirán impulsar 38 proxectos nas fases de incubación (5), aceleración (18) e consolidación (15).
Poderán acollerse á Business Factory ClimaTech emprendedores con proxectos innovadores, con vocación de internacionalización e con potencial para fortalecer o sector das solucións ambientais e da economía circular. Os participantes en ClimaTech contarán con titorizacións e recursos para dar forma ás súas ideas e convertelas en conceptos empresariais; con formación específica adaptada ás necesidades de cada un; ou con talleres grupais impartidos por expertos de prestixio no ámbito nacional e internacional.
Así mesmo, os beneficiarios disporán de titores con experiencia no sector ambiental e outras industrias conexas ao tempo que compartirán actividades conxuntas e gozarán de intercambios internacionais en ecosistemas colaboradores.
Cada edición do programa organizarase conforme a cinco fases: unha primeira de definición de retos e focalización dos proxectos; outra de lanzamento da convocatoria e difusión; a terceira, centrada na selección dos proxectos con maior potencial de incubación, aceleración e consolidación; unha cuarta que atenderá á execución dos itinerarios; e a última, de seguimento do impacto do programa.
Esta iniciativa forma parte da decidida aposta da Xunta de Galicia por impulsar aceleradoras de empresas, con actuacións que abranguen todo tipo de proxectos e localizacións territoriais. Unha ampla rede na que destacan as aceleradoras verticais no sector da automoción (BFAuto), aeroespacial (BFAero), fármacos (BFMedicines) ou no sector da alimentación, (BFFood). Completan a rede outras iniciativas como VíaGalicia, emprendemento innovador, multisectorial, especialmente no ámbito das TIC, agroalimentario ou téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca (Vigo e Lugo); así como Galicia Avanza, para a internacionalización de pemes, en colaboración con Tecnópole; ou Turislab, para proxectos turísticos.
A Xunta impulsa máis de 100 misións comerciais de pemes galegas en máis de 30 países reforzando a internacionalización do tecido produtivo galego
- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar unha nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que suma 2,4 millóns para promover accións de ata 600 pemes, impulsando misións empresariais directas ao estranxeiro así como a participación en feiras ou noutros eventos expositivos
- A liña, en colaboración coas Cámaras de Comercio, persegue aumentar a base exportadora, fomentar e consolidar a presenza exterior das empresas galegas e en conseguir unha maior diversificación incorporando novos mercados e produtos
- As axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, serán do 70% dos gastos directos do proxecto, e un 7% adicional en concepto de axudas aos custos indirectos
- Desde o ano 2014 destináronse máis de 14 millóns de euros para a organización destas actuacións, con unha participación media de máis de 170 pemes anuais e chegando a 70 países diferentes
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar unha nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que suma preto de 2,4 millóns de euros para apoiar accións de internacionalización do tecido produtivo da Comunidade na procura de impulsar, durante este exercicio, máis dun centenar de misións en máis de 30 países.
O programa, que desenvolve a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, enmárcase na aposta pola internacionalización do Goberno galego, e aspira a que arredor de 600 compañías tomen parte nas accións de promoción, favorecendo a súa imaxe nos mercados exteriores.
Neste contexto, o programa prevé para esta convocatoria máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado.
As actuacións, consistentes en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, contan con apoios, en réxime de concorrencia non competitiva, do 70% dos gastos directos do proxecto, máis un 7% adicional en concepto de axudas aos custos indirectos.
O obxectivo é aumentar a base de empresas exportadoras, fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais, e conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións galegas.
Cómpre salientar que desde o ano 2014 o Goberno galego ten destinado máis de 14 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes.
Récord histórico de exportacións
O Plan de Misións comerciais enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que está a contribuír a que Galicia veña de lograr o seu récord histórico en exportacións: máis de 30.000 millóns ao peche de 2023.
Deste xeito, a balanza comercial galega lanza un saldo positivo de 9.138 M€ e continúa sendo positiva cunha taxa de cobertura no conxunto do ano 2023 do 143,7%. Así mesmo, as empresas exportadoras regulares ascenderon ata as 2.693 no último exercicio, o que supón un lixeiro aumento tamén respecto ao ano 2022.
A Xunta pon en valor o labor de BNI Sinergia na súa aposta pola cooperación empresarial na área de Vigo para mellorar a competitividade do tecido produtivo
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na celebración do décimo aniversario deste grupo de networking que suma 38 empresas que xeran máis de 400 empregos
- Resalta o amplo abano de ferramentas e liñas de actuación que a Xunta impulsa cada ano para colaborar co tecido empresarial galego na súa internacionalización, no financiamento ou na dixitalización e innovación
Vigo, 16 de marzo de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na celebración do décimo aniversario de BNI Sinergia, onde puxo en valor o papel que xoga esta entidade na área de Vigo, fomentando a cooperación empresarial na procura de mellorar a competitividade do tecido produtivo.
“O que fai que BNI Sinergia sexa especial é a vosa vontade de servir, de contribuír activamente ao éxito dos demais”, sinalou Toca, quen destacou, tamén, a importancia da cooperación público-privada para seguir medrando a través da internacionalización, da innovación e da sustentabilidade.
Neste sentido, a directora do Igape expuxo o amplo abano de ferramentas e liñas de actuación que, cada ano, a Xunta pon á disposición do tecido empresarial, entre as que destacou, no eido da internacionalización, as novas convocatorias de bolseiros e xestores, que facilitan ás pemes galegas contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior; ou as liñas Galicia Exporta, para empresas e organismos intermedios, que promoven a diversificación de mercados e a internacionalización.
Así mesmo, e no tocante ao financiamento, lembrou que está aberta unha nova edición da liña de préstamos directos, para mellorar as condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo, favorecendo a entrada a instrumentos de débeda. E no relativo á dixitalización e innovación, resaltou a nova convocatoria de Centros de Fabricación Avanzada para promover espazos colaborativos e infraestruturas locais, e as axudas á dixitalización, que permiten impulsar procesos de transformación nas pemes galegas.
“Desde a Xunta queremos acompañarvos no voso camiñar diario. Un camiño que, no voso caso, configúrase desde a colaboración e o intercambio de ideas”, subliñou a directora do Igape, quen concluíu agradecendo o labor de BNI Sinergia, que aglutina 38 empresas que xeran máis de 400 empregos.
A Xunta avalía con Conxemar as distintas liñas de apoio á industria transformadora de produtos do mar
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Vigo na xornada organizada pola asociación onde destaca as cifras “récord” das exportacións galegas coa contribución das industrias transformadoras de peixes e mariscos, que incrementaron as súas vendas ao exterior nun 3%
- Resalta as liñas de apoio no ámbito da internacionalización, como os Galicia Exporta, tanto para empresas como para organismos intermedios; os xestores de internacionalización, que permite ás pemes galegas contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior
- Destaca que o programa de préstamos directos presenta, entre as súas novidades, o financiamento tanto da implantación de empresas galegas no exterior como de circulante para as compañías de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura
Vigo, 15 de marzo de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na inauguración da xornada Apoios á industria transformadora e comercializadora de produtos do mar, organizada xunto a Conxemar, e na que se expuxeron, por parte do Instituto e da Consellería do Mar, a batería de liñas e programas que ten o Goberno galego para colaborar con esta industria.
Durante a súa intervención, Toca lembrou que Galicia vén de bater o seu récord exportador, superando, por primeira vez na historia no 2023, os 30.000 millóns en vendas ao exterior. Unha cifra “moi importante” a que contribúe de modo decisivo a industria transformadora de produtos do mar.
Así, afondou a directora, os produtos de orixe animal, entre os que se inclúen peixes e mariscos, incrementaron as súa exportacións nun 3% o ano pasado ata acadar os 2.787 millóns; e os produtos das industrias alimenticias aumentaron as vendas a outros mercados nun 12,1%, ata chegar aos 1.395 millóns.
“Estas cifras sitúan a industria galega de transformación dos produtos do mar como un referente a nivel internacional, e amosan as posibilidades que hai na busca de novos mercados”, afondou Toca, que trasladou aos responsables de Conxemar o seu apoio para seguir colaborando no impulso deste sector estratéxico e a vontade de manter a coordinación entre a Xunta e a asociación, que organiza anualmente en Vigo a Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, Conxemar.
Neste contexto, a directora do Igape resaltou as distintas liñas de apoio que ten activas nestes momentos a Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Instituto de cara a seguir potenciando esa cooperación. Entre elas, destacou, no ámbito da internacionalización, as novas convocatorias das liñas Galicia Exporta, tanto para empresas como para organismos intermedios, que suman máis de tres millóns promovendo a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos. Así mesmo, recordou que está activa tamén outra edición do programa de xestores de internacionalización que, dotado con 1,3M€, permite ás pemes galegas contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior co obxectivo de seguir mellorando as vendas internacionais do tecido empresarial.
Financiamento
A directora do Igape lembrou tamén outros programas que ten en marcha nestes momentos o Goberno galego, entre os que fixo especial fincapé na liña de préstamos directos para posibilitar o financiamento e os investimentos do tecido empresarial galego.
O obxectivo da liña, afondou, que suma 30 millóns de euros na procura de promover a competitividade de pemes e autónomos galegos, é mellorar as condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo, favorecendo a entrada a instrumentos de débeda.
Unha convocatoria que, como expuxo, presenta desta volta dúas grandes novidades que atinxen á industria transformadora e á súa internacionalización: dun lado, a concesión de préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior e, doutro, os préstamos para financiar circulante para as compañías de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira.
E todo isto, concluíu, sen esquecer a nova Oficina Económica de Galicia, unha canle única entre as empresas e a administración de cara a facilitar información, asesoramento e acompañamento para os proxectos empresariais.
Lorenzana cualifica Syngenta como unha empresa motor e referente da biotecnoloxía galega
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da compañía no Porriño
- Sinala que en Galicia dá emprego a un total de 120 persoas, un 50 por cento mulleres
- Destaca que o seu traballo está aliñado coa Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía Galega 2021-2025
O Porriño (Pontevedra), 13 de marzo de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o labor que, durante décadas, leva desenvolvendo en Galicia a compañía Syngenta, unha empresa “motor e referente da biotecnoloxía galega”, dixo.
Nunha visita ás súas instalacións no Porriño, onde leva implantada máis de 80 anos, Lorenzana puxo en valor o alto nivel de internacionalización da compañía. Con sede en Suíza e presenza en máis de 100 países, indicou que en Galicia dá emprego a un total de 120 persoas, dun plantel que rolda os 53.000 empregados. Ademais, puxo en valor a súa sustentabilidade, posto que emprega practicamente un 50 por cento de mulleres cun alto índice de seguridade e saúde laboral, apuntou.
Syngenta é líder mundial en investigación e desenvolvemento de solucións de sanidade vexetal, para transformar a forma en que se sementan, se protexen e se melloran os cultivos. Ao respecto, Lorenzana destacou que o seu traballo está aliñado coa Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía Galega 2021-2025. Unha planificación, engadiu, que contempla unha mobilización público-privada de 660 M€ neste período e que ten como principal obxectivo incrementar o número de empresas, facturación e empregos do sector traballando de forma colaborativa co ecosistema galego de I+D+i.
Tamén mencionou os investimentos que a Xunta, a través do Igape e Xesgalicia está destinando en materia de innovación, sendo Galicia a comunidade autónoma que rexistra a segunda taxa máis alta de bioemprendemento. “Temos máis de 10 M€ en fondos para investir neste tipo de empresas e axudas a fondo perdido con tickets de 20.000 euros para as empresas, nun orzamento total de 1,5 M€ para startups neste ano 2024”, concluíu.