Super User

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na primeira das xornadas sobre esta temática que percorrerán seis concellos das catro provincias para poñer en valor as posibilidades que ofrecen as contornas rurais de cara a consolidar e impulsar novas ideas de negocio
  • Destaca que a Consellería de Economía, Industria e Innovación ofrece apoios destinados a pemes e autónomos que atenden á dixitalización, apostan polo talento, facilitan o financiamento e impulsan a internacionalización
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración do encontro El mundo que viene, organizado por APD, no que salienta a importancia da cooperación público-privada para impulsar un “modelo máis sustentable”
  • Defende que o talento resulta fundamental para impulsar a innovación, a competitividade e o progreso do tecido produtivo, e vólvese “esencial” na medida na que a automatización e a intelixencia artificial continúan transformando a economía
  • Lembra que esta aposta se materializa, tamén, na conquista de novos mercados, contribuíndo a que Galicia estea a acadar “o mellor ciclo exportador da súa historia”

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración do encontro anual organizado por APD El mundo que viene. Un evento que afondou no actual escenario xeopolítico, económico e social ao tempo que permitiu avanzar algunha das claves da intelixencia artificial. Un marco no que Toca resaltou a aposta polo talento e a innovación como chaves para seguir construíndo a Galicia do futuro.

Neste sentido, a directora do Igape salientou a importancia do traballo diario e da cooperación público-privada para seguir camiñando cara un “modelo más sustentable”, capaz de impulsar o binomio industria – sustentabilidade, de apostar pola innovación, de manter o mellor ciclo exportador da historia de Galicia, e de ofrecer desde a administración todos os incentivos e medidas de acompañamiento necesarias.

“A medida que a automatización e a intelixencia artificial continúan transformando a economía, o talento humano vólvese aínda máis esencial para desenvolver, implementar e xestionar estas tecnoloxías de maneira ética e efectiva. O talento humano desempeñará un papel fundamental no mundo que vén, xa que será necesario para impulsar a innovación, a competitividade, a adaptabilidade e o progreso”, defendeu Covadonga Toca.

A directora do Igape puxo en valor, neste marco, o traballo que está a facer Galicia, impulsando, a través dos Fondos Next Generation, unha axenda de proxectos industriais en distintos campos. Así, afondou, no eido da Intelixencia Artificial estase a traballar na posta en macha na Coruña da sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, algo que multiplicaría as posibilidades que xa confire o feito de contar cun dos ordenadores cuánticos más avanzados de Europa no Centro de Supercomputación.

Así mesmo, e no eido da mobilidade, Covadonga Toca fixo referencia a iniciativas como a de Resonac para implantar unha fábrica de ánodos para baterías a partir de grafito; no campo do hidróxeno verde resaltou proxectos como as factorías de hidróxeno verde nas Pontes —de Reganosa e EDP Renovables— e en Meirama (Cerceda) —promovida por Reganosa, Naturgy e Repsol—; e no sector biotecnolóxico, o proxecto Sionlla Biotech, en cuxo centro de servicios xa están a traballar as primeiras empresas interesadas.

“Este modelo non só busca posicionar Galicia como un referente dese mundo que vén, senón que contribúe, tamén, a manter o mellor ciclo exportador da nosa historia”, proseguiu a directora do Igape, quen lembrou que o 2022 pechou cos mellores datos de exportación desde que hai rexistros con preto de 30.000 millóns en vendas ao exterior.

Un ciclo, expuso, onde a diversificación é xa “unha parte fundamental”, cunha presenza cada vez máis importante das empresas galegas en mercados como EEUU (+21,2%), México (+48,4%) ou Oriente Medio (+52,5%).

  • As persoas consumidoras terán á súa disposición un desconto de 30 euros para as compras nos establecementos adheridos, que suman xa máis de 4.000
  • A Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 2,5 millóns á segunda convocatoria do ano deste programa co que se incentiva a demanda e se atrae nova clientela aos establecementos locais
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2023
 

Os clientes do comercio galego de proximidade poderán descargar e empregar desde este luns 9 de outubro o Bono Activa Comercio, ao que a Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 2,5 millóns de euros co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela aos establecementos de proximidade.

A iniciativa, coa que se prevé mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, ten tamén por obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación das familias. Cada persoa poderá descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que suman xa máis de 4.000.

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. Só se permitirá descargar un único bono por persoa, e o importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como na edición anterior deste ano non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos (un por persoa), senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores ata o 31 de decembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado. Pola súa banda, os comercios que se queiran adherir a esta iniciativa poderán facelo ata o 15 de decembro.

Con esta nova edición a Consellería de Economía, Industria e Innovación amosa o seu compromiso tanto co comercio local como coas persoas consumidoras convocando este programa que sempre tivo unha repercusión moi positiva. De feito, desde a súa posta en marcha no ano 2021 xa se mobilizaron preto de 54 M€ neste sector favorecendo máis de 950.000 transaccións nos establecementos comerciais.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá no encontro loxístico Conectividade de contedor marítimo en Galicia, celebrado no marco da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados
  • Subliña o papel da colaboración público-privada para potenciar o crecemento dos sectores produtivos, unha cooperación que, no caso da industria loxística, se materializa nun acordo co Clúster que está a permitir apostar pola innovación e potenciar a internacionalización
  • Explica que accións como a ruta marítima co Porto de Miami na que se está a traballar, ou a participación en eventos como a Feria Transport Logistic de Múnic permiten reforzar e poñer en valor as posibilidades e o papel de Galicia como nodo loxístico internacional

Vigo, 5 de outubro de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá no encontro loxístico Conectividade de contedor marítimo en Galicia que, celebrado no marco da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados – Conxemar, permitiu avaliar e coñecer a situación e as posibilidades deste sector no actual contexto económico. Neste sentido, e como destacou Toca, a loxística configúrase como unha industria clave de cara a mellorar a conectividade e potenciar a internacionalización do tecido produtivo galego.

“Unha das aprendizaxes extraídas da pandemia foi, sen dúbida, tomar consciencia da importancia da loxística e o transporte no noso día a día. Os sectores produtivos medran en Galicia grazas á loxística, e a loxística medra grazas aos sectores produtores”, apuntou a directora do Igape, quen puxo en valor o papel da colaboración público-privada neste contexto, destacando o traballo conxunto que está a realizar o Goberno galego xunto ao Clúster da Función Loxística de Galicia.

Esta cooperación, afondou Covadonga Toca, plásmase nun acordo de colaboración que se estende ata o 2024, e que permite analizar datos de conectividade internacional, buscar solucións para as necesidades do sector en cuestións de actualidade como a distribución urbana de mercadorías e as infraestruturas do transporte, apostar pola innovación en iniciativas como o proxecto europeo Cologistics -que impulsa a colaboración transfronteiriza no ámbito do transporte e a loxística da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal-, ou potenciar a internacionalización da loxística de Galicia. 

Neste escenario, a directora do Igape salientou algunha das accións máis importantes que se están a levar a cabo de cara a potenciar Galicia como nodo loxístico internacional, como os avances na ruta comercial directa co Porto de Miami, que busca impulsar tanto a loxística de frío e a sustentabilidade dos portos da Comunidade como a situación de Florida como hub loxístico; ou a participación na Feria Transport Logistic celebrada en Múnic, que contribuíu á posta en valor do potencial de Galicia como nodo loxístico internacional.

“A Xunta ten claro que a loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”, apuntou a directora do Igape, que explicou tamén que, sen un bo servizo loxístico, “hoxe non poderiamos falar de que durante o último ano Galicia superou o récord histórico de exportacións, rozando a barreira dos 30.000 millóns de euros”.

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á inauguración en Oleiros da XIII Semana Internacional Contract Galicia
  • Subliña a transversalidade, espírito asociativo e internacionalización deste ‘sector de sectores’

Oleiros (A Coruña), 4 de outubro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou esta mañá en Oleiros o alto nivel de calidade, diferenciación e competitividade do contract galego, algo que, en gran medida, se debe á aposta pola innovación e o avance no uso de materiais máis sustentables. Lorenzana participou esta mañá na inauguración da XIII Semana Internacional Contract Galicia.

Na súa intervención, a conselleira definiu o contract como “sector de sectores” e subliñou tanto a súa transversalidade como o espírito asociativo e de cooperación que o define, agrupando tanto a empresas como organismos e entidades que permiten abordar proxectos conxuntos con maior proxección internacional.

Precisamente, Lorenzana explicou que máis dun centenar de empresas galegas forman parte deste sector e están presentes en 100 países, con máis de 1.000 proxectos realizados en 600 cidades de todo o mundo.

O acto celebrouse na Boutique Hotel Noa de Oleiros, un espazo que para a conselleira é un bo exemplo das cualidades do contract galego e que amosa as últimas tendencias do sector en sustentabilidade, eficiencia enerxética, ecodeseño, ecoinnovación ou novos materiais.

Lorenzana finalizou coa confianza en que este foro anual permita entablar futuros proxectos de negocio para que o contract galego poida continuar coa súa expansión no mercado internacional.

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dunha liña que suma preto de 15M€ e que inclúe axudas ao investimento e préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos
  • O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de outubro, estendéndose ata o vindeiro 31 de outubro, ou ata o esgotamento do crédito
  • Os apoios cobren proxectos desde 25.000 ata 900.000€, chegando ao 35% dos investimentos no caso das pequenas empresas, e ao 25% para as medianas
  • Desde o ano 2018, este programa permitiu apoiar máis de 360 proxectos mobilizando investimentos por valor de máis de 125 M€

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria do programa Galicia Inviste, que impulsará a competitividade de preto de un centenar de pemes a través de axudas ao investimento. En concreto, o orzamento ascende aos 15 millóns de euros, cos que se prevé mobilizar máis de 30 millóns de euros.

Un ano máis, a liña inclúe axudas e préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos de investimento empresarial, coa finalidade principal de dinamizar a actividade económica en Galicia e potenciar a innovación a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de outubro, estendéndose ata o vindeiro 31 de outubro, ou ata o esgotamento do crédito. Ao igual que na anterior convocatoria, ofrécese a posibilidade de solicitar conxuntamente axudas e préstamos para o financiamento de proxectos, na procura de impulsar o mantemento e creación de emprego a través destas novas iniciativas empresarias.

Os apoios cobren proxectos desde 25.000 ata 900.000€, chegando ao 35% dos investimentos no caso das pequenas empresas, e ao 25% para as medianas. Cando as solicitudes de axuda teñan un investimento subvencionable superior a 500.000€, poderán pedir un préstamo parcialmente reembolsable para o seu financiamento, correspondéndose o tramo non reembolsable coa subvención concedida.

O programa establece dúas liñas de actuación: unha centrada nos proxectos de investimento empresarial, e outra que pon o foco en inversións en equipamento produtivo. Así, a primeira busca facilitar a creación de novos establecementos, a ampliación da capacidade dos existentes, a diversificación da súa produción e os cambios nos procesos globais da propia produción. A segunda impulsa a ampliación de capacidade dun establecemento existente. 

Deste xeito, a Xunta pretende dar resposta coordinada ás necesidades financeiras das pemes, facilitando á vez axudas e préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos de investimento empresarial.

Balance do Galicia Inviste

Ao abeiro deste programa, desde o ano 2018, apoiáronse máis de 360 proxectos mobilizando investimentos por valor de máis de 125 M€.

Estes datos reflicten o compromiso da Xunta de Galicia co tecido empresarial, en particular coas pequenas e medianas empresas e cos autónomos, na procura de facilitar o aceso a axudas e financiamento que precisan para realizar os seus investimentos e potenciar así o xeración de emprego, a innovación e a creación e posta en marcha de proxectos empresariais.

  • O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria dunha liña que financia a posta en marcha de proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido, con apoios que chegan ata o 80% do investimento subvencionable
  • O obxectivo é facilitar a dispoñibilidade local de infraestruturas de apoio á industria, o que beneficia de xeito especial ás pemes ao permitirlles acceder a produtos e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades
  • O prazo de presentación de solicitudes iniciarase mañá, prolongándose durante un período de dous meses, e os apoios poden chegar ata o 80% do investimento subvencionable, estando previstos tamén anticipos de ata o 80%
  • Coa primeira edición deste programa estanse a impulsar en Galicia seis centros de fabricación avanzada en sectores industriais diversos como as TIC, o biotecnolóxico, a loxística, o turismo ou o agroalimentario, cunha subvención total de máis de 16M€

 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria do programa de Centros de Fabricación Avanzada. Esta liña, que suma 10M€, ten por obxectivo promover a posta en marcha de proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento da contorna das empresas, especialmente as pemes, e os consumidores, e a modernización e desenvolvemento da base industrial, a fin de mellorar a súa competitividade.

Esta dispoñibilidade local de infraestruturas de apoio á industria beneficia de modo particular ás pequenas e medianas empresas, posto que lles permite acceder a produtos e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades. Ademais, ditas infraestruturas poñeranse a disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta e transparente.

Así, mediante esta iniciativa a Xunta promove a presenza de infraestruturas axeitadas como un dos factores determinantes da modernización e a mellora competitiva das pemes galegas. De feito, estas infraestruturas abertas a pequenas e medianas empresas e autónomos supoñen unha oportunidade para contar con servizos aos que non poden ter acceso de xeito habitual.

Trala publicación hoxe no DOG, o prazo de presentación de solicitudes iniciarase mañá, prolongándose durante un período de dous meses. Os proxectos deberán facilitar o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores así como a modernización da base industrial de Galicia, contando para acadar este obxectivo con apoios que poden chegar ata o 80% do investimento subvencionable, estando previstos tamén anticipos de ata o 80%.

Cómpre salientar que con anterioridade, e de cara a coñecer a demanda que teñen este tipo de espazos industriais compartidos, fíxose unha consulta entre o tecido produtivo galego na que se invitaba aos axentes económicos para que manifestasen o seu interese en acceder a unha liña de axudas para a posta en marcha de infraestruturas abertas de apoio á industria. Esta consulta permitiu coñecer a demanda de axudas, favorecendo a concertación de proxectos con tempo suficiente e facilitando o establecemento das bases de axuda cos interesados.

Así mesmo, a liña compleméntase cunha convocatoria dirixida a grandes empresas por importe de 5M€, que facilitará a capacidade financeira e de xestión solvente das infraestruturas, permitindo ao tecido empresarial apoiarse na capacidade tractora destas grandes empresas.

Seis centros de fabricación avanzada

A primeira edición deste programa impulsou a creación de seis centros de fabricación avanzada, que suman máis de 16M€ en apoios e que están a permitir promover proxectos en sectores industriais diversos, como as TIC, o biotecnolóxico, o turismo ou o agroalimentario.

En concreto, a Xunta achega 4,82 M€ para desenvolver un centro de servizos avanzados na Cidade das TIC da Coruña, que contará con catro laboratorios para a realización de probas e o aloxamento de empresas do sector.

O centro de fabricación avanzada do Tambre recibiu unha axuda de máis de 4 millóns de euros para prover ao sector biotecnolóxico de laboratorios para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común.

O terceiro proxecto é o Centro galego de tratamentos térmicos do aceiro, cun apoio de 2 millóns de euros. Situado en Narón, nace co obxectivo de facilitar a realización de máis traballos que teñan como base o aceiro, como poden ser os buques.

No eido do turismo e a innovación, impulsouse con 370.000 euros o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC en Vilagarcía de Arousa. O centro nace para fomentar a creación de produtos, servizos e empresas de base tecnolóxica na cadea de valor da industria turística galega. A idea é conxugar innovación, emprendemento e formación a partir da dixitalización.

Finalmente, a Xunta apoiou a planta piloto de Inleit en Curtis con 2,4 millóns de euros para a síntese de proteínas e subprodutos lácteos de alta calidade e concedéronse 2,5 millóns de euros á Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat), en Caldas de Reis, para impulsar un centro de fabricación avanzada de lácteos de alto valor engadido.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu esta mañá en Santiago de Compostela á clausura da asemblea xeral da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), onde incidiu na importancia de seguir traballando en diálogo directo coas empresas
  • Defendeu o efecto tractor do tecido produtivo para reforzar a competitividade e a aposta por unha transformación industrial baseada na innovación, a sustentabilidade e a dixitalización
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023
 

A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu esta mañá en Santiago de Compostela á clausura da asemblea xeral da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Na súa intervención, Toca apelou ao diálogo construtivo con esta institución e o resto de axentes económicos e sociais para dar resposta aos novos retos económicos que afronta Galicia.

A directora do Igape defendeu a importancia de que Administración e axentes socioeconómicos e sociais colaboren e traballen de forma coordinada, apostando, ademais, por unha transformación industrial baseada na innovación, a sustentabilidade e a dixitalización.

Neste sentido, Toca apuntou que “desde a mencionada colaboración público-privada, e poñendo o foco nas pequenas e medianas empresas, o noso traballo pasa por acompañar aos sectores maduros e tradicionais para evolucionar cara a unha economía máis dixital, verde e innovadora”.

Por último, a directora do Igape agradeceu á Confederación de Empresarios de Galicia o seu traballo, indicando que ”cando as organizacións ‘confederan’, é dicir, cando integran a diversidade de enerxías e persoas en proxectos amplos, multiplícanse as posibilidades de conseguir os obxectivos”.

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co presidente e co CEO do grupo

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse co presidente do grupo Emobi, Miguel Ángel Díaz, e co seu CEO, Guillermo Bergareche, para coñecer os proxectos nos que está a traballar esta empresa con miras a implantarse en Galicia.

Deste xeito, segundo lle explicaron á titular de Industria no encontro, Emobi aspira a desenvolver un proxecto para a fabricación de armazóns metálicas para distintos sectores como a eólica mariña e a terrestre, eidos nos que Galicia ten a oportunidade de posicionarse.

O grupo conta con experiencia no sector, con instalacións como a de Ponferrada dedicada á construción de estruturas eólicas, pero tamén con centros para a fabricación de estruturas metálicas con proxectos para estadios de fútbol, hospitais ou espazos comerciais. De feito rexistrou un forte crecemento na súa capacidade produtiva e nos seus volumes de facturación.

A conta atrás para a celebración da Semana Internacional Contract Galicia comeza agora.

As empresas e profesionais interesados en participar na XIII Semana Internacional Contract Galicia teñen as últimas horas para completar as súas inscricións e solicitar reunións B2B.

O evento, que se celebrará os días 4 e 5 de outubro no Boutique Hotel Noa, en Santa Cruz, Oleiros, está a piques de pechar as súas portas para novas inscricións.

Os participantes teñen a oportunidade única de conectar con prescritores internacionais e empresas de renome, descubrindo as últimas tendencias e oportunidades de negocio no ámbito global. A inscrición e a solicitude de reunións pódense realizar a través desta ligazón.

As empresas interesadas deben ter en conta que é un requisito indispensable asistir ao evento central o día 4 de outubro para poder solicitar reunións B2B con prescritores, e as solicitudes de reunións con empresas que non confirmen a súa asistencia á xornada central non serán procesadas.

O peche de inscricións para asistir ao evento central está programado para o día 29 de setembro de 2023.

Non perdas esta oportunidade excepcional de colaborar, aprender e crecer xunto a outros profesionais e empresas do sector. A XIII Semana Internacional Contract Galicia promete ser un evento inesquecible que marcará o camiño para o futuro do sector Contract en Galicia e máis alá.

Máis información

Programa completo.